fbpx
666rpmCompostela

Os Novos, tres balas perdidas

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Os Novos. Foto: Novo
Os Novos. Foto: Novo

A primeira vez que oín falar de Os Novos, o primeiro que me veu á cabeza, foi aquela serie de televisión británica, da que estou seguro de que moitos de vós vos lembraredes. Acordádesvos de cando en Galicia só se sintonizaban a 1ª, a 2ª e logo apareceu unha 3ª canle de Tv? Pois aí, na terceira (TVG), a finais dos 80´s foi cando apareceron Neil, Vyvyan, Rick e Mike. Catro peculiares estudantes universitarios (un hippy, un punk, un anarquista e un mod) que compartían unha casa porcalleira no norte de Londres, que lle alugaran a un exiliado ruso. A serie emitírase entre 1982 e 1984 na BBC2 e chegou ás nosas pantallas uns anos máis tarde. Facíase chamar Os Novos (The Young Ones).

Moito choveu desde aquela, pero para a maior parte de nós, o impacto que producían nos nosos cerebros series coma esa en tempranas idades, quedaba gravado no disco duro interno, e estou seguro de que aos nosos personaxes de hoxe lles serviu de inspiración para facerse chamar así.

Agora Os Novos, xa non son tan novos, e desde hai uns anos cabalgan entre o punk e o rock and roll da vella escola e o country e o bluegrass. Será que se van facendo vellos ou que van abrindo novas fronteiras no territorio musical?

De vellos nada! Polas súas pintas, dá máis ben a impresión de que son uns bandoleiros, foraxidos ou quizais uns proscritos, e que lles vai o Western de Serie B. Ou serán máis de Spaghetti Western? Onde andarán agora? Coido que os andan buscar vivos ou mortos e que ofrecen un puñado de patacóns coma recompensa. As malas linguas din que non hai moito, víronos cruzando o deserto de ArínsZona, que seica beberon do Cactus Jack e que pillaron La Fiebre del Oro. Ou sería La Fiebre del Loro, de tantas cintas que escoitaron no radio casete? Outros din que os viron no bar La Cueva do Webster rodeados de tigres rabiosos. Bailarían coas mozas do cancán ou sería con Rantanplan? Que plan terán? Asaltar trens con Jesse James ou ir de festa con saias e a rachar? Vai ti saber?! Só espero que non acaben en Sad Hill ou ardendo no O.K. Corral…

Caralladas aparte, Os Novos son tres personaxes composteláns que levan anos liándoa parda alá onde van, con outros proxectos coma: Dirty Barriguitas, Pesadelo em Mouronçom, Por Teléfono, Samesugas, Tommy Gun, Ukestra do Medio, Redullos, Royalties, Contrastes, Ekkaia, Exu ou Madame Germen.

Os Novos formáronse en Compostela no 2012. Dous anos máis tarde, Lixo Urbano publícalles o seu primeiro disco “Nom Lugar”, que presentan pola xeografía galega e norte de Portugal. Nalgún deses concertos deixan de lado a Yamaha Phil e a Fender Telecaster, o Fender Precision e a batería Mapex, e experimentan o formato acústico, conseguindo resultados nos que son capaces de plasmar a súa enerxía con guitarra acústica, baixo acústico e un mínimo set de bateria. No 2017 voltan de novo ao estudio e rexistran dous temas nese formato, coa colaboración da Ukestra do Medio e Caxade. Os temas escollidos, “Nom Lugar” e a inédita “Vam por ti”, publícanse nun single 7” titulado “Assalto Acústico”.

Aínda que actualmente están centrados na súa aventura desenchufada, Soni, Alberte e Quiquinho aproveitaron o verán do ano pasado para gravar o seu novo videoclip, “Quero Fugir” (unha historia de fuxida da rutina na procura de aventuras) co xoven realizador compostelán Aarón Vilariño e estano presentando estes días na pequena pantalla virtual. A que estas agardando para velo? Desenfunda o teu móbil e aperta o gatillo antes de que che fagan picadillo!!