Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario coa estrea de ‘Arlequina’

A compañía compostelá Os Monicreques de Kukas estrea este xoves 28 no Teatro Principal de Santiago o seu novo espectáculo,Arlequina, co que celebra o 40º aniversario da súa traxectoria como formación especializada en teatro de marionetas e pioneira no seu desenvolvemento profesional en Galicia. A montaxe, que poderá verse ata o día 30 con funcións ás 20,30 h. o xoves e ás 18,30 h. o venres e sábado, é ademais unha das 10 propostas que se presentan este semestre diante do público compostelán como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Así o explicou hoxe Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade da Xunta de Galicia que cofinancia este circuíto de exhibición de espectáculos coas administracións locais xestoras dos 40 espazos asociados. Neles prográmanse ata xuño 349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo a través da devandita rede.

Axudas á produción escénica

Sutil participou na presentación de Arlequinaxunto a Branca Novoneyra, concelleira de Cultura de Santiago, e Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rey, fundadores de Os Monicreques de Kukas e directores desta proposta. Dela destacou a súa singularidade e algunhas das claves polas que o ano pasado foi adxudicataria de preto de 47.600 euros a través das subvencións da Agadic á produción escénica, recibindo unha das contías máis altas das concedidas en 2018  mediante esta liña de axudas.

Subliñou, en concreto, o feito de que se trate dun espectáculo de gran formato, dirixido a todos os públicos e que combina traballo actoral, pantomima, animación de monicreques, maxia e música en directo cunha posta en escena moi coidada. Ademais, para festexar estes corenta anos sobre os escenarios, a compañía creou Arlequinaen sinerxía con diferentes artistas e formacións que forman parte da propia historia de Os Monicreques de Kukas, como Zoar Ensemble, Teatro de Marionetas Trécola, Títeres Alakrán, Jorge Casas Caneiro, Miguel Cabaleiro e Larraitz Urruzola.

O director da Agadic felicitou á compañía por esta celebración e por esta ampla e recoñecida traxectoria a prol da “dignificación do teatro de obxectos, da posta en valor das súas posibilidades como xénero tamén para o público adulto e da súa progresiva equiparación ao teatro actoral”. No caso do seu novo espectáculo, a compañía dispón dunha ampla variedade de recursos técnicos e artísticos, ao servizo da historia de aventuras protagonizada por Arlequina, unha marioneta que emprende unha viaxe en compañía dun vello e estrafalario titiriteiro na procura de descubrir a súa propia identidade.

A venda anticipada de entradas para as tres funcións do novo espectáculo de Os Monicreques de Kukas en Santiago está operativa no web www.compostelacultura.gal e no despacho de billetes