Os mellores xeadeiros artesáns, reunidos en Santiago

Brígida Hermida (no centro) co resto do grupo '20 Bajo Cero'.

Brígida Hermida (no centro) co resto do grupo ’20 Bajo Cero’.

O colectivo ’20 Bajo Cero’ celebra estes días o seu segundo encontro en Santiago de Compostela, coordinado pola compostelá Brígida Hermida. A xeadería Xearte Brigitte e a Escola de Hostalería Lamas de Abade serán os espazos onde todos os membros do grupo expoñerán os seus traballos de investigación o 7, 8 e 9 de novembro.

Durante esta segunda reunión, os integrantes poderán aprender como introducir xeados funcionais nos seus establecementos, así como gozar de interesantes relatorios de profesionais como Mario Masiá e Pablo Galiana, que avanzará os obxectivos do colectivo para 2020, Santi Gómez ( Three Monkeys), que mostrará cócteles baixo cero, e Yon Gallardo que, ademais de facer unha demostración con nitróxeno líquido, presentará a nova web de ’20 Bajo cero’ e analizará por que algúns establecementos xeadeiros teñen éxito, dando pautas para lograr o éxito mediático.

A convocatoria, que xerou unha gran expectativa, tamén acollerá unha clase maxistral de Modesto Luís Gómez, desarrollador de talento e xestor de marcas 4.0, sobre estratexia, márketing e desenvolvemento; un miniforo de comercio, artesanía e turismo, organizado por Hermida; unha charla de Yon Gallardo e Enrique Coloma para os alumnos de FP da escola de Lamas sobre novas tendencias, e unha visita ao centro histórico da nosa cidade. O sábado 9 de novembro pecharase o encontro con visitas a granxas e queixerías, así como outros proxectos interesantes da zona.

Sobre ’20 Bajo Cero’

’20 Bajo Cero’ está formado por unha vintena de reputados xeadeiros españois vinculados tamén a Anhcea (Asociación Nacional de Heladeros Artesanos), que teñen en común o seu interese por “impulsar a investigación e a aplicación das novas tendencias á xeadería artesá, porque é un sector que está a crecer e iso significa estar máis ao día en moitas áreas, como o márketing, a funcionalidade do xeado, os novos hábitos de consumo, etc.”, explica Brígida.

A xeadeira compostelá entrou a formar parte do colectivo tras a súa investigación sobre a influencia da calidade do leite no xeado artesán que presentou no Curso de Experto Universitario en Elaboración Artesanal de Xeados. Un estudo que foi merecedor do Premio Arte Heladero ao Mellor Traballo Fin de Estudos na súa segunda edición. É a única representante de Galicia e a xeadeira máis nova do colectivo.