fbpx
CompostelaNovas

Os mellores letreiros comerciais en galego terán premio no #Fotolingua 2020

Unha das fotos gañadoras da pasada edición do #fotolingua Foto: Concello de Santiago

O concurso #Fotolingua alcanza a súa quinta edición co obxectivo de sumar maior visibilidade aos negocios que se comprometen co uso do galego grazas á colaboración da súa clientela e do público en xeral. A nova edición do certame foi presentada este luns en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz.

Calquera persoa pode participar no concurso publicando nas redes fotografías orixinais que capturen elementos da paisaxe comercial nos que se amose o galego (letreiros, escaparates, carteis, sinalizadores, catálogos, etiquetaxe, menús…). Debe acompañar cada imaxe cos cancelos #fotolingua, #establecementoengalego, #ogalegovende e #engalegofaiadiferenza e tamén indicar de que negocio se trata, onde está e destacar algún aspecto da súa oferta, servizo, etc. Todas as especificacións poden verse nas bases do concurso.

Tamén se convida a participar a calquera persoa, e aos propios negocios, a través da difusión das imaxes, decisiva para acadar un dos premios do concurso.

Deste xeito preténdese contribuír a que se valore a oferta comercial compostelá e promover un intercambio de servizos. Como veciños e veciñas, podemos darlles publicidade nas redes aos establecementos que satisfán as nosas expectativas, tamén lingüísticas, e premiar así o seu compromiso e o seu servizo. Nos servizos comerciais non é indiferente a escolla lingüística, que pode significar un plus que moita veciñanza valora, un xeito de identificarse, diferenciarse da oferta foránea e de conectar e achegarse á clientela.

Outra imaxe gañadora en pasadas edicións. Foto: Concello de Santiago

As persoas que participen enviando as súas imaxes poderán obter un dos dous premios do concurso, que consistirá en cadansúa tableta de última xeración, unha por categoría: á imaxe que obteña máis «gústame» en Facebook ou «likes» en Instagram na súa publicación orixinal e á imaxe que sexa seleccionada pola organización atendendo á súa capacidade para transmitir os obxectivos do concurso, ben porque logra captar algún uso do galego creativo e orixinal, ben polo coidado na elaboración da foto.

Unha novidade desta convocatoria é a posibilidade de participar, ademais, nun sorteo entre todas as persoas que envíen resolto o pasatempo que inclúe o material publicitario do concurso e que se atopa distribuído en comercios e establecementos hostaleiros. Entre todas as respostas completas que se envíen de acordo coas bases do pasatempo sortearase un vale de 100 € para gastar en establecementos colaboradores.

Durante todo o mes en que se desenvolve o concurso divulgaranse tamén testemuñas de establecementos que colaboren coa campaña e diversos contidos que axuden e dinamicen a participación e colocaranse por toda a cidade diferentes elementos para facilitar o acceso ás bases do concurso e do pasatempo.

Na páxina web do Departamento de Lingua poden consultarse as bases completas: delingua.santiagodecompostela.gal/fotolingua