fbpx
GaliciaNovas

Os Medios en Galego celebramos o noso Día con reivindicacións, música e petiscos

Asistentes á gala.
Asistentes á gala.

Fermosa e comprometida celebración do Día dos Medios en Galego. O Casino 1889, unha entidade centenaria resucitada pola mocidade carballesa, acollía o pasado venres esta sinalada data, que pretende reincidir na importancia de manter viva a nosa lingua a través dos medios de comunicación, ao tempo que serve para visibilizar a realidade dos máis de 100 medios activos que contan o que acontece no país en galego.

Esas máis de 100 cabeceiras serviron de fío condutor para a organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), demostrando a forza que teñen cando unen e tecen redes.

Foi un acto sinxelo e apegado á terra, que abriu a regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco. Cada cousa que toca convírtena en arte esta brava coristanquesa que fixo as delicias das máis de 100 persoas que ateigaron a sala para a parte inicial do acto. Foi presentando, a ritmo de regueifa e mesmo de brindo, á directora da nosa revista, Rebeca Munín, membro da directiva da AMEGA; María Muíño, deputada da área de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña; Valentín García, Secretario de Política Lingüística; e Maruxa Suárez, concelleira de Normalización do Concello de Carballo, en presencia tamén do alcalde Evencio Ferrero.

A directora de Pincha anunciou o Certame de Vídeos, Podcast e Regueifas que organiza AMEGA buscando a implicación da mocidade na necesidade de manter viva a lingua nos medios de comunicación (tendes as bases aquí).

O máis incisivo foi Avelino González. Un dos nosos mellor contadores, quixo reflexionar sobre como Cunqueiro tivera reaccionado ante a lingua galega de tradución automático das grandes cabeceiras do país. Cunha sesión de “filoxoxía de patacón” arrincou as risas dos asistentes facendo ademais unha apoloxía das bondades do galego para “falar idiomas”.

Despois dos petiscos, da man do Logradouro, pecharon a festa a banda de Esteiro, Terbutalina. Unha banda que segue cantando, como o primeiro día, na súa lingua, a pesar das numerosas portas que eles mesmos se lle teñen pechado, por ese feito. A banda muradá reivindicou a súa lingua botando esa nova Muiñeira que levan por toda a península.

O 7 de febreiro foi instaurado como o Día dos Medios en Galego en 2018, gracias á aprobación de todos os partidos do Parlamento Galego, e serve para lembrar o nacemento en 1876, do primeiro xornal integramente escrito en galego do Rexurdimento: O Tío Marcos d’A Portela. O acto contou coa colaboración do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.