Os libros que nos fan iguais

Algúns libros infantís na Lila de Lilith

Regalar libros debería ser unha norma, non só aos nenos, aos maiores tamén! E non só como regalo en Reis ou polo Nadal, no verán, nos aniversarios ou en calquera data e sen motivo aparente!

-Non crees?

-Son libreira e sempre regalei libros! Sorrí amplamente.

Así empeza a miña conversa con Patricia Porto da Lila de Lilith. Cóntanos que a lectura, ademais dun agasallo moi enriquecedor, educa, motiva, aviva e fai medrar a imaxinación e, moi importante, xera outro tipo de comportamentos e idearios nas persoas.

Por iso e para iso, como con todo na vida, os libros infantís, antes de mercalos, evidentemente hai que seleccionalos! Para fomentarlles a igualdade, para que coñezan os logros doutros, para que aprendan, para que inclúan, para que acepten a diversidade…

-“Que non sexan machistas. Hai que evitar clasificar os libros segundo o xénero. Normalmente, tendemos a etiquetar… Libros para nenas e libros para nenos…

-E logo libros non hai libros para os dous?!

-Nós recomendamos que non se incida nos roles tradicionais de feminidade e masculinidade, porque contribúen á desigualdade.

Patricia profundiza. «Deberíamos escoller contos onde haxa referentes de nenas ou mulleres… Primeiro que aparezan! Porque hai moitos nos que nin aparecen personaxes femininas. E logo que as personaxes xeren outro tipo de referentes, que non sexan nenas pasivas, nun segundo plano, que quedan na casa, mentres eles son os que se envolven nas aventuras. Igualmente pasa cos libros históricos, hai biografías de mulleres que foron borradas literalmente da historia».

«Empoderar ás nenas e é importante, pero desmontar a masculinidade que están aprendendo os nenos, tamén!! Que se vexan noutros papeis, que non sexan tan só o super heroe, o campión, o cabaleiro que salva a unha muller en perigo. Que os nenos tamén coiden, que se lles permita chorar de tristura ou de frustración, que se lexitime que os nenos teñan outros modelos… Como papás… Que establezan relacións saudables coas nenas e con outros nenos, que non sexan sempre libros que falen de loita ou de competición… Desmontar a violencia… Rachar ou cambiar as historias que sempre teñen nenos con pistola, que van á guerra e contar outros relatos, ao igual que os xoguetes. Hai regalos moito mellores que as armas!»

Semella que é complicado, pero non é tanto.

Eu penso en calquera dos de Pipi Calzaslargas e Patricia asente.

E desvela novos títulos de libros para regalarlle a nenos e nenas, xuntos. Para nenas e nenos en conxunto!

Aquí vos van uns poucos que podedes atopar na Lila de Lilith

Por exemplo o de “Pioneiras”, de Anaís Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz e publicado pola Editorial Xerais o ano pasado. “Recompila biografías de mulleres galegas pioneiras en algún eido, eu recoméndoo para nenas e nenos, porque eles tamén teñen que saber que hai mulleres que fixeron cousas”.

“A meniña furacán e o meniño esponxa”, de Ilan Brenman, da editorial Algar. “É unha super novidade. Acaba de chegar. Cóntache a historia dunha nena moi movida dende que nace, que non para quieta, e vai relatando a súa vida, a mascota que ten… E á vez conta a historia dun neno moi tranquilo, que sempre quere observar, pero que non lle gusta participar, está sempre como moi parado… Entón coñécense e fanse moi amigos e aprenden o un do outro. A nena aprende a pararse un pouquiño, a tranquilizarse e o neno aprende a ser un pouco máis activo, transmite a cada un o positivo do outro. É moi chulo!”

E “Kike y las Barbies”, de Pija Lindenbaum, da editorial GatoSueco, “que me encanta e da cal recomendaría case todos os seus libros, a verdade. Fala do tema dos xoguetes, dun neno que quere xogar con bonecas, pero ten medo de que os noutros nenos se rían del e vaiche contando como se vai integrando e como vai facendo”.

“Un libro transmite polo texto, polas imaxes… Hai libros distintos, de moitos tipos e os que aínda non coñecemos. É necesario que os rapaces lean, pero os xoguetes desenvolven moito neles tamén, son importantes. Por iso debemos procurar non fomentar só os regalos tradicionais, como bonecas, cousas de beleza e cociñas para as nenas e aos nenos tan só cousas de deporte, de guerreiros… Saír un pouco cara os xoguetes menos connotados de xénero”.

Mudar as actitudes e os comportamentos da sociedade -dos nenos e nenas incluídos- dependerá sen dúbida da educación, da recibida na escola e na casa, dependerá dos debuxos que vexamos, dos xoguetes e xogos cos que xoguemos e dos libros que leamos. Por iso, as librarías e as bibliotecas deberían ser templos sagrados, tan visitados ou moito máis que os centros comerciais, porque hai libros que nos fan iguais!