fbpx
CompostelaNovasTurismo

Os hostaleiros composteláns reclaman axudas para sobrevivir á crise do Covid-19

Turistas en Santiago. Foto: Iván Barreiro

Unha representación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta Sara Santos, mantivo onte unha reunión telemática co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. O obxectivo da xuntanza era presentar as reivindicacións que o colectivo compostelán cre que o Concello debería atender canto antes perante a crise do Covid-19.  

Entre outras cuestións, abordouse a necesidade de eliminar as taxas das terrazas, recollida de do lixo e saneamento durante o tempo de peche obrigatorio, así como a rebaixa no pagamento do IBI.

Pensando na situación e nos cambios que de seguro deberán soportar os hostaleiros cando se levante o confinamento e poidan abrir de novo os seus negocios, tamén presentaron a idea de elaborar unha central de reservas que inclúa á restauración.  

Nese mesmo sentido, Hostalaría Compostela amosou a súa preocupación polo futuro do Camiño de Santiago, crendo necesario traballar en conxunto coa Xunta de Galicia nunha serie de medidas que ofrezan garantías de seguridade aos peregrinos. Así mesmo, acordouse seguir mantendo o contacto para a posta en marcha de diferentes actividades que dinamicen ao sector unha vez superada a pandemia.

Ademais, o Goberno local informou aos representantes da entidade que desde o departamento de Turismo están a traballar nun plan de medidas a curto prazo de promoción da cidade en diferentes destinos.