Entrevista a Os d’Abaixo

“Somos uns sentimentais que reivindican unha cultura galega separada da “gañanada” que nos están a vender os medios todos os días”

Os d'Abaixo son amigos e practicamente familia, ademais de ser tamén un dos grupos folk máis relevantes que quedan no país e que resiste estoicamente esta etapa de agonía no que toca ao apoio á nosa música. Esta é unha entrevista especial, pois están de estrea e pronto presentarán o seu novo traballo “Quixera ser dos paxaros” no Teatro Principal de Compostela, o segundo da súa andaina como grupo. Os d'Abaixo son Quim Farinha, Gom Goás, Richi Martín, Roberto Rama, Xacobe Varela e Xosé Ramón Vázquez, co que conversamos para sacarlle todo o que poidamos sobre o novo disco e moitas outras cousas...

Moi boas, Xosé. Cóntanos, segundo teño entendido o grupo naceu para amenizar bailes na Gentalha do Pichel, de aí tamén o nome que escollestes, porque se facían na parte d’abaixo. Non é?

Somos un grupo de músicos que nos xuntamos por amizade e por gozar tocando sen máis pretensións. Tivemos unha boa ocasión de reunirnos acompañando os bailes da Gentalha e así andamos unha boa tempada. Nunca pensamos en dar concertos, tocabamos aí e tomabamos xuntos unhas birras. E si, o nome vén de aí, pero tamén vén do convencemento de que facemos unha música creada por e para os de abaixo, a xente labrega e mariñeira do país, que non tiña máis música que a que eles mesmos facían e interpretaban cos medios máis modestos que se poidan imaxinar. Era un autoconsumo musical, que nace na noite dos tempos, cando a maioría do país estaba illado do mundo e as carencias eran todas, non existía a música gravada e había que facela no momento. A xente tiña a súa creatividade a pleno rendemento. Malia todo, o pobo non renunciaba a divertirse, e de feito moitos cantos naceron nas tarefas máis penosas, como o proceso do liño ou as fiadas, cun significativo papel das mulleres coma creadoras de música popular. E, como dicía un cantador que fora moito ás segas a Castela, “aquelo era unha escravitude que tiñamos, pero andabamos adivertidos”.  Desta tradición saen Os d’Abaixo, tentando reinterpretala con cariño e moito respecto para traela ao noso tempo.

Como seguiu o camiño do grupo ata profesionalizarse e gravar o primeiro disco?

A gravación do primeiro disco foi totalmente casual e imprevista. Fomos  tocar a Lorient amenizando a carpa de Galicia, tocando tres veces ao día e dando unha ducia de concertos que se decidiu gravar a última hora por se puidesen valer para algo. De aí saíu o primeiro disco, que é música tradicional da que tocabamos nos bailes da Gentalha. E logo, pouco a pouco, fóronnos chamando para tocar “en serio” e comezamos a pensar en que, se iamos dar concertos, precisabamos dar un pasiño adiante. E entón xa nos puxemos a montar repertorio propio e a traballar neste segundo disco, que rematamos agora, case tres anos despois de comezar coas primeiras pezas.

Case todos viñades de diferentes formacións, algunhas realmente relevantes na música galega, como Fía na Roca, Berrogüetto… Como destes en tocar xuntos? Foi buscado? Casualidades das festas e a amizade?

Entre todos nós había lazos de amizade e varios xa tiñamos cadrado en anteriores formacións. Pero os  que nos foron leando a uns e outros foron Gom, Xacobe e Rama (a raíz dunha conversa entre Gom e Rama nunha noite de foliada), que nos convenceron a cada un polo seu lado para comezar a quedar na Gentalha. Supoño que fomos por diversas razóns, máis que nada por tocar en foliada. No meu caso foi unha descompresión marabillosa despois de tantos anos en Fía. Tocar sen presión e sen compromisos era xusto o que precisaba neses momentos.

O 16 de maio presentades novo disco no Teatro Principal de Compostela. En que dirías que se diferencia do primeiro? A simple escoita, ademais de que neste caso optastes polo estudo e en “Ao vivo en Lorient” polo directo, pareceume unha proposta máis íntima e persoal, tanto a nivel de arranxos como melódico. É así?

Este disco diferénciase do primeiro en moitas cousas. Neste caso traballamos en serio para facelo, gravamos en estudio e coidamos moito o son, coa inestimable participación de Xabier Olite. O repertorio foi saíndo de xeito natural, tal como ían aparecendo as pezas ao longo de moitos meses. O criterio para seleccionalas foi puramente estético. Non facemos cálculos de se unha peza ten máis ou menos caña ou se vai resultar mellor ou peor para o directo. O que si fixemos nesta ocasión foi buscar material inédito e investigamos bastante, tanto na música coma nas letras, para ofrecer algo novo. A temática é máis intimista porque moitas cancións falan de amor. Así son a maior parte das letras tradicionais: ou son de galanteo amoroso ou son sexuais-escatolóxicas. Preferimos a primeira opción e penso que o resultado é distinto e ata certo punto pode sorprender, se se toma como referencia o primeiro disco. En todo caso, buscamos que as cousas queden bonitas para o noso gusto e punto. Intimista? Pode ser, non importa. Non sei se ten moito sentido ir de malotes tocando música tradicional...

Intimista porque me pareceu que o novo disco ten un ritmo máis pausado. Ata agora baseastes moito o voso repertorio e os vosos concertos en facer que a xente baile. E conseguídelo, fostes coñecidos pola gran roda que se montou na Praza da Quintana bailando a Carballesa. Ides proseguir nese camiño?

Cada concerto ten o seu contexto e o bo é que agora temos un repertorio moito máis amplo. Non tocaremos o mesmo nun auditorio ca nun festival. Pero que non teman os bailadores/as, que haberá baile, seguro. E tamén vai haber cancións que escoitar e noutros ambientes penso que será interesante.

Por que decidistes titulalo “Quixera ser dos paxaros”?

É a copla dunha das pezas, que nos deu pé a argallar todo o deseño e a idea gráfica. Por outra banda, era unha idea moi lírica e evocadora. Había varias opcións pero ao final gañou esta. E é que no fondo somos uns sentimentais que reivindican unha cultura galega, que a hai, separada da “gañanada” que nos están a vender os medios todos os días, reafirmando a idea do galego-palurdo do imaxinario colectivo español e mesmo de certos ambientes no país, que non son quen de zafarse do autoodio e dos tópicos de sempre. Son os mesmos que renegan do idioma e doutras manifestacións da nosa cultura. Os mesmos contra os que loitaban Casto Sampedro e Perfecto Feijoó hai case 150 anos e todo o movemento galeguista despois. Agora gobernan desde a ignorancia e o desprezo ao noso, a non ser que falemos de gastronomía e viño. Unha peniña.

Como valorarías a evolución e o momento actual que vive o grupo? Estades contentos coa resposta?

Pois co disco xa rematado estamos ilusionados e felices. Non agardamos nada en concreto, xa veremos se tocamos moito ou pouco, porque as cousas non son doadas. Pero aí está a nosa música para quen a queira apreciar e aí quedan para sempre estas pezas rescatadas do esquecemento e reinterpretadas ao noso xeito. O da resposta xa o veremos, pero as primeiras sensacións son boas.

Sodes unha formación que a nivel ideolóxico acostuma a mollarse, non hai máis que oír o voso “Non cho creo PP”. Como vedes a música e a cultura tradicional en xeral no momento actual?

Pois vivimos unha situación un pouco contraditoria, que xa se viviu máis veces. Por un lado, Galicia segue a ser un fervedoiro de folk, música tradicional e música en xeral, diría eu. No noso estilo é certo que algúns dos grupos grandes desapareceron, pero naceron moitos outros novos que seguen a facer discos e concertos e estase a incorporar xente nova que achega novas ideas e ilusións.

Por outra banda, a cultura galega en xeral e a música non-pachanga en particular segue a ser contemplada por parte dos gobernantes do país coma un gasto inútil, cando non coma algo sen valor feito por unha panda de roxos e vagos. Teñen a típica visión do señor feudal que lle tira unha moeda ao xograr para que lle amenice a sobremesa: os gaiteiros son para o polbo e a churrascada. Terían que viaxar un pouco e ver o que fan en Irlanda, Escocia ou Islandia, onde a música representa unha importante fonte de emprego e riqueza para o país. E onde os músicos e toda a xente do gremio teñen un réxime fiscal e laboral digno para poder vivir, non como estrelas, senón como cidadáns normais que desempeñan a súa profesión dun xeito normal.

Facendo fincapé nisto que me estás contando, que valoración farías do apoio institucional á cultura tanto a nivel de concello como a nivel autonómico?

Os concellos fan o que poden. Algúns deles contrátannos e apóiannos con cariño malia o xustos que andan de cartos. Nós tamén procuramos ser razoables e andar con prezos asumibles. Outros, pola contra, non escatiman para gastar barbaridades en orquestras e despois para o de aquí choran ata os bocatas. Creo que ese non é o camiño. Xa hai meses que lanzamos a iniciativa “Ningunha festa sen música galega”, que foi moi apoiada na rede pero que tería que pasar ao mundo real, e por aí hai que progresar.

A nivel autonómico é de auténtica pena. Dáselle máis axuda a calquera particular para un negocio privado que a toda a cultura galega dun ano. Pódollo demostrar a quen queira co DOG na man e unha calculadora. E isto chámase cegueira política: os grupos galegos estamos en desvantaxe cos nosos colegas doutros países, porque eles teñen un apoio do que nós carecemos. E así non podemos chegar onda eles, pero non por non termos calidade. O que non sabe a xente é que cando un grupo de Quebec toca en Europa, o seu goberno estao apoiando para que chegue aquí. E en Escocia e en Irlanda, o mesmo. E cando unha empresa non cultural, de calquera ramo, está en determinada feira nacional ou internacional é porque a Xunta a apoia, e tamén o fai para mercar medios de produción, e para contratar xente nova, e así cen cousas. A xente da cultura non debe crer as falacias xeradas desde arriba para xustificarse: a cultura non está moi subvencionada, ao contrario, é a actividade que coñezo que menos o está. Quen teña dúbidas, que mire o orzamento das axudas que concede AGADIC todos os anos e que compare.

E xa para despedirnos volvendo ao grupo... como se presenta este verán?

Pois parece que pode estar ben, aínda que as cousas irán pouco a pouco. Non agardamos ningún bombazo, pero si temos ilusión no disco e en que a nosa xente guste del. Logo xa iremos vendo.

Eu xa o escoitei e estou segura de que así será. Deixámosvos as vindeiras datas de presentación do novo traballo:

5 de maio

Sala A Fundación (Melide) – 23:30h

14 de maio

Garufa Club (A Coruña) - 20:30h

16 de maio

Teatro Principal (Compostela) - 22:00h

21 de maio

SalaSon (Cangas) - 21:30h