fbpx
666rpmCompostela

Os composteláns Malraio destapan o seu primeiro menú take away

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Foto: Malraio

Cociñeiros de melodías protésicas en estado de gravidade. Amantes do mundo visceral latexante e bombeante. Non son primeirizos, e iso nótase só con escoitar os primeiros acordes. Agora viaxan no tempo e sacan pasear ao animal que levan dentro, onde pasado, presente e futuro non son mellores, nin iguais, senón distintos. Cando se atopan mal, o corpo pídelles turismo e saen a enganar ao mecanismo. Compostela e Varsovia non son tan distintos, á vista está o cambio climático. Así son Malraio, catro veteranos da escena compostelá, que levan desde pricipios dos 90 traballando en diferentes proxectos do underground musical da nosa cidade.

Jaime Pombo, guitarra, pasou por formacións compostelás coma Fulsomes, The Lorchas ou Mato Grosso. Manu Raña, tamén guitarra, tocou nos Gintonics. Jacobo Iglesias, batería que formou parte dos Samesugas e The Lorchas, e Roi Fernández, baixo e voz, anteriormente en Stay Pretty, The Homens, Mato Grosso e Grampoder, levan anos elaborando e perfilando a fórmula segreda. Tipos nos que podes confiar. Sabes que fagan o que fagan, sempre van ofrecer un produto de calidade. Xente que levas vendo desde hai trinta anos degustando cócteles e menús selectos en coñecidos restaurantes e locais de Compostela. Desapercibidos pasan, xa que son músicos honestos, 0% postureo e 100% calidade e elegancia musical. Aparentemente, nunca pensarías que forman parte dunha banda de rock, mais aí os están, e ao igual que eles degustan os teus pratos, ti tamén deberías atreverte a probar o seus. Non teñen desperdicio!

Tyskie é o seu primeiro sinxelo, un delicioso entrante que serve para máis tarde degustar o exquisito menú que nos teñen preparado en ‘Prótese’, o seu primeiro E.P. Chámalle Post Hardcore, Pop Pantanoso, ou coma se os Mission of Burma, Hüsker Dü, Fugazi e os Wire estivesen sentados na mesma mesa saboreando uns pratos que foron cociñados a lume moi lento. Atmosfera, guitarras envolventes, melodías vocais, letras que te farán reflexionar e viaxar no tempo. Se non che entran á primeira volta, dálle dúas máis. Eu cada vez que os poño a xirar de novo, desfruto máis da viaxe. Malraio é coma un boomerang que viaxa no tempo.

A primeira rolda está paga, se queres o menú completo, iso corre da túa conta. Ademais, como reparten en pequenas doses, non che dará tempo a empachar e así agardarás con ansia a súa próxima ración de rock.

Non é por repetir reposteiro, eles saben perfectamente en mans de quen deixan os seus ingredientes para darlle forma ao seus tremendos pratos. O señor Tomás Ageitos, Gran Chef posuidor de varias Estrelas Michelín, é o encargado de empratalos nos altos fornos de A Ponte, onde desde logo conseguiu darlles o punto exacto para que arrecendan así de ben.

Ao contrario doutras bandas, non son moi de asinar discos, así que, editan o seu primeiro lanzamento nun envoltorio bastante compricado de asinar a todo fan que se precie, mais sempre che buscarán un oco.

Despois da súa presentación en xaneiro deste ano na Gentalha do Pichel de Compostela, polo momento non hai máis concertos á vista, aínda que deberías seguilos no Facebook, para estar ao corrente das próximas novas e poder conseguir o seu protésico menú para levar. Coidado que queima!

Din que o chocolate é o substituto do sexo. Cambiarás de opinión despois de escoitalos no Bandcamp. Malraio é o novo substituto do sexo.