fbpx
CompostelaNovas

Orixinais iniciativas para apoiar á hostalaría compostelá a través das redes sociais

Unha mesa en La Bodeguilla de San Lázaro. Foto: Iván Barreiro
Unha mesa en La Bodeguilla de San Lázaro. Foto: Iván Barreiro

O sector da hostalaría é un dos máis castigados pola crise sanitaria do Covid-19. Cos negocios pechados, moitos pagos que atender e axudas que non acaban de chegar, os hostaleiros e hostaleiras composteláns miran con preocupación ao futuro. Aínda así, hai quen aproveita o confinamento para crear orixinais iniciativas coas que sorprender aos seus clientes a través das redes sociais.

É o caso do grupo Las Bodeguillas (con locais en San Roque, Santa Marta e San Lázaro) que lanzou o reto #NaCasaCoasBodeguillas O que propoñen é acudir á súa web, escoller un prato e preparalo nas cociñas das nosas casas. Entre as mellores imaxes escollerán ás gañadoras de tres ceas para dúas persoas cada unha para gozar en calquera das súas bodeguillas cando volvan abrir. O prazo remata este domingo, 12 de abril.

Tamén no restaurante Orixe decidiron poñer en marcha o que chaman ‘Bono con superpoderes’. Con ese bono, podes adquirir unha comida ou unha cea futura neste establecemento compostelán e, ademais, un 3% do seu valor irá destinado á loita contra o Covid-19.

#unopuntosiete

Pero se hai unha iniciativa que está triunfando entre as redes sociais dos hostaleiros e hostaleiras é a de #unopuntosiete  Son moitos os que compartiron a súa foto coa esta mensaxe. Pero que de que se trata? 1,7 millóns é o número de traballadores vinculados dun ou doutro xeito a este sector en España. A plataforma xurdiu para recoller todas as súas peticións e necesidades durante esta crise sanitaria do Covid-19. Teñen aberta unha petición en change.org na que piden axudas específicas ao Goberno, lanzando liñas que contribúan a reactivar a hostalaría.