fbpx

Ons e A Illa das mentiras acaparan o maior número de candidaturas dos XIX Premios Mestre Mateo

 

Esta mañá celebrouse o acto de presentación da XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que tivo que ser adiado en febreiro por mor das restriccións impostas pola crise sanitaria. A presente edición reflexa a boa saúde do noso audiovisual, como dan conta as candidaturas finalistas anunciadas hoxe e o ambicioso programa de actividades que, durante un mes, promocionará o talento audiovisual galego en eventos presenciais e online.

Os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nas 25 categorías da XIX edición dos Premios Mestre Mateo foron anunciados por Marta Doviro e Amador Arias. A primeira rolda de votacións dos membros da Academia Galega do Audiovisual sitúa a longametraxe de Alfonso Zarauza Ons como a máis votada entre as 146 obras que se presentaron aos Mestre Mateo, acaparando trece candidaturas finalistas, seguida por A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons con doce. As dúas competirán polas estatuíñas a mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretación protagonista e de reparto, dirección de produción, maquillaxe e perruquería e montaxe.

As oito candidaturas de El desorden que dejas e seis de Néboa, dan boa conta do estado de saúde da ficción seriada producida en Galicia; ámbalas dúas optarán ao premio á Mellor Serie de Televisión xunto con O Sabor das Margaridas finalista en tres categorías, e Auga Seca finalista en dúas.

A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes: Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete, Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e 9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro.

(Podes consultar aquí todos a listaxe completa de finalistas)

Actividades en streaming e presenciais 

Despois do éxito colleitado en 2020, a Academia celebrará, en colaboración co Concello da Coruña, a II Semana do Cinema Galego, na que os espectadores poderán ver en pantalla grande as obras finalistas da presente edición. As proxeccións celebraranse no Teatro Colón da Coruña entre o 25 e o 28 de marzo, e o acceso será gratuíto ata completar capacidade.

Este ano, como novidade, despois das proxeccións na cidade herculina, estas viaxarán a outras localidades galegas, nunha aposta pola cultura segura e pola promoción do noso talento audiovisual.

O anuncio de candidaturas finalistas marca o inicio dun mes de promoción do talento audiovisual galego, levando a calquera dispositivo encontros cos que dar a coñecer as peculiaridades dos procesos e dos traballos que fan posible unha obra audiovisual.

A actriz e presentadora María Mera será a anfitrioa de catro coloquios cos equipos das obras finalistas nos XIX Mestre Mateo. As conversas poderán ser seguidas en directo polo público asistente ás proxeccións no Teatro Colón da Coruña e estarán dispoñibles por streaming a través das redes sociais da Academia.

#Diarioderodaxe nace cun evidente afán divulgador, afondando nos procesos de traballo que conflúen na creación dunha obra audiovisual, contados polos membros dos seus equipos técnicos e artísticos. Nos coloquios moderados por María Mera tamén se detallarán anécdotas e curiosidades sobre todo aquelo que sucede detrás das cámaras.

En cada edición dos premios a Academia organizou encontros presenciais entre o alumnado de escolas e facultades  de audiovisual de Galicia e os profesionais dalgunhas categorías finalistas ou gañadoras.

Grazas ao apoio de Cafés Candelas, este ano a Academia dá un paso máis, incrementando o número de encontros e facilitando o acceso aos mesmos. As #ConversasCandelasMestreMateo reuniarán a representantes de todas as candidaturas finalistas en encontros en streaming, dispoñibles para calquera persoa interesada en coñecer os diferentes perfís profesionais que interveñen nunha obra audiovsual.

Un total de 15  encontros que poderán seguirse a través das redes sociais da Academia entre o 17 de marzo e o 9 de abril e que darán a coñecer as peculiaridades dos diversos oficios (guión, produción, maquillaxe, son, interpretación…) que compoñen o sector a través do diálogo entre os seus protagonistas.

Outra das novidades deste ano será a emisión por streaming dun programa especial desde a alfombra vermella dos Mestre pola que desfilarán as e os finalistas da presente edición, así como o resto de convidados. O programa realizarase tendo en conta os protocolos que esixe a situación sanitaria e, proximamente darase a coñecer máis información sobre os contidos e a persoa que o vai presentar.

Coñeceremos as candidaturas gañadoras na Gala de entrega de premios, que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o 10 de abril de 2021. Dirixida por Tito Asorey, actor e director teatral e presentada por Lucía Veiga, actriz e comunicadora, unha das presentadoras de Malicia Noticias, o noticiario de humor que emite TVG, cunha proposta fresca e áxil, na que a música e o humor estarán moi presentes.

Coa celebración dunha Gala presencial, a Academia quere reivindicar a seguridade dos eventos culturais en tempos de pandemia, aplicando estritamente as directrices establecidas polas autoridades sanitarias: reducción da capacidade do teatro conforme á normativa vixente no momento da Gala, escaleta de acceso ao recinto para evitar aglomeracións, uso de máscaras e xel hidroalcólico, adaptación do espectáculo aos requerimentos sanitarios (non se producirá unha entrega en man das estatuíñas, desinfección dos equipos) e realización de probas PCR ás persoas integrantes do equipo técnico e artístico.

A Academia Galega do Audiovisual organiza os Premios Mestre Mateo grazas ao apoio das seguintes institucións: Concello da Coruña, Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC da Consellería de Cultura e CRTVG.