fbpx
A CoruñaCulturaJavier Pereira GasamánsNovas

Onde a música se volve real

Por Javier Pereira Gasamáns

A música é parte fundamental da vida cultural de calquera cidade. A Coruña, aínda que non conta cun pasado recente tan mítico como o de Vigo e a súa movida, segue sendo un dos principais viveiros de bandas e músicos de Galicia. Grupos como Moura, Bala, Strikeback ou Crimson and Glory son testemuño do pulo musical deste curruncho do atlántico. Aínda que os interpretes son o xermolo de calquera escena, hai outra parte fundamental para que todo cobre sentido; pois a música é unha arte performativa e precisa dun escenario. E nesta faceta fundamental onde xogan o seu papel as nosas protagonistas, que non son outras que as salas de concertos da Coruña.

A Coruña é unha cidade pequena, mais conta cun bo número de salas que dan lugar a unha programación do máis variado. Lamentablemente non dispomos de espazo suficiente para representalas a todas. Así que decidimos escoller un trío de ases  como mostra do que a cidade herculina ofrece. A nosa selección está composta por o Jazz Filloa, a Sala Mardi Gras e a Sala Malavida.

Ensaio antes da actuación no Jazz Filloa. Foto: Iván Barreiro

O Templo do Jazz

Temos que comezar pola decana das salas de concertos da Coruña. O Jazz Filloa fixo o pasado mes de decembro o seu 42 aniversario, o que a converte non só na máis veterana da cidade, senón nun dos clubs de jazz máis lonxevos do estado español. O responsábel desta sala é Alberto Mella, quen sempre exerceu de programador musical. Despois de tantos anos, Alberto segue coas ganas necesarias para levar unha sala coa actividade frenética que posúe o Filloa. Ademais el asegurounos que a continuidade do  Filloa é “indefinida”, todo un alivio para os amantes do jazz e da música improvisada.

Falamos de actividade frenética porque un mes normal a sala programa unha media  de oito bolos; unha auténtica fazaña se temos en conta que o seu  aforo é de pouco máis de vinte persoas. O groso da súa programación son músicos da cidade e máis de Galicia, unha opción que seguira sendo así, como o confirma o propio Alberto Mella. Este ambiente de intimidade que xera unha capacidade tan pequena, ten por contrapartida que ás veces un ten que quedar fóra e perder o concerto, pero é normal, pois os amantes do jazz é unha das audiencias máis fieis  coas que poden contar músicos e sala.

Hai que destacar a calidade dos concertos, pero non podemos deixar pasar a oportunidade de agradecerlle o apoio á escena local por parte do Filloa. Polas súas táboas teñen pasado centos de músicos locais que non poderían ter amosado o seu arte de non existir esta iniciativa. Grazas a esta concepción da programación, veteranos e novas figuras garanten a continuidade do Jazz Filloa, que vén de estrear unha segunda xuventude dende o fin das restricións da pandemia. Grazas ao seu éxito puidemos gozar en decembro da presenza do pianista Albert Bover, unha figura de nivel internacional. Longa vida ao Jazz Filloa.

Preparando o bolo da noite na Mardi Gras. Foto: Iván Barreiro

It´s only ronck ´n´ but…

Dicir rock na Coruña é dicir Mardi Gras. A sala cos seus vinte e tres anos de vida fixo posible que desfrutásemos con bandas tan consagradas como Flehstones, Dictators, Buddy Miles ou Cosmic Physchos. A Mardi non só vive de bandas recoñecidas, tamén hai espazo para bandas locais e de, o que fai máis especial á sala, a súa aposta por bandas internacionais sen tanta sona. Tomi Legido, o programador da sala dende hai máis de dez, explica que moitas veces a primeira visita dunha banda internacional deixa perdas, pero que nunha segunda volta e a causa da boa sensación, o número de asistentes dobrase e saen as contas.

Tomi Legido tamén comenta a dificultade de atraer xente nova ata as salas. Unha audiencia máis nova que non ten problema en acudir ao festivais pois, segundo Tomi, “a xente paga trinta euros por ver a doce bandas, porén pagar doce euros por unha soa banda fáiselles moi caro, aínda que non pensan en que os festivais están subvencionados e con patrocinadores”. Tomi matiza que si que hai bandas que atraen un público máis novo, pero que deixan menos cartos na barra, que é a fonte de ingresos da sala; unha realidade que ás veces pasa desapercibida aos habituais.

A Mardi, como apuntamos do Jazz Filloa, ten o orgullo de ter unha comunidade ao seu redor. A particularidade da sala da Travesía da Torre é posuír o seu propio club de fans, os socios da República da Mardi Grass, que contan con descontos pois contribúen  ao local cunha cota mensual. Por último, Legido destaca que a Mardi non é só rock. Segundo  Tomi na programación da Mardi, cunha media de dez bolos por mes, atoparemos punk, indie, blues e mesmo monólogos ou improvisación, estes últimos que “pola disposición da sala, non son os máis indicados pero que funcionan ben”.

Malavida e por riba dando guerra

A sala Malavida foi consecuente co seu nome cando abriron pouco antes da pandemia. A sala sobreviviu e a reapertura vai, como apunta o programador, David López,  mellor do agardado, pero asegura que todo botará a andar de verdade no 2023. Non se cerran a ningún estilo, pero son conscientes de amosar algo diferente das outras salas. David di que non hai un plan a seguir, mais fan un esforzo para producir eventos con ata catro bandas, cando xa é complicado montar un con dúas actuacións.

Malavida ten un ollo na escena local, por unha banda porque saben que atrae xente de fóra da cidade e por compromiso cos músicos da cidade. David López sinala que o futuro da sala pasa por mesturar ofertas de promotores e de bandas cunha programación propia.

David, un tipo con experiencia na produción de bolos, lémbranos que a música en directo precisa de espazos destinados para ela e é responsabilidade da salas facer posíbel as condicións para que os músicos amosen a súa proposta. Nós só podemos dar as grazas a toda a xente que se move pola música.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.