fbpx
CompostelaGastronomíaNovasReportaxesTurismo

O turismo compostelán, ao límite

Turistas agardando para entrar na Catedral no 2019. Foto: Iván Barreiro

Antes da pandemia, o sector turístico compostelán esperaba con ansia a chegada do 2021, o primeiro Xacobeo desde 2010, un Ano Santo que prometía acadar récords en número de turistas e peregrinos; doce meses moi rendibles para os establecementos de aloxamento, restauración... e unha longa lista máis de empresas que viven de quen visita Santiago. O 20% do PIB galego.

O coronavirus mudouno todo. Ao peche desta edición, Compostela continuaba fechada perimetralmente e o aeroporto de Rosalía de Castro (antes Lavacolla) viña de soportar no 2020 unha caída de máis do 67% no número de viaxeiros. A hostalaría galega, moi dependente do turista en cidades como a nosa, permanecía pechada podendo traballar só co servizo para levar, con centos de negocios ao borde da quebra e saíndo á rúa para exixir un plan de rescate que lles permita continuar. Ao límite están tamén as axencias de viaxes que, con contratos cancelados e sen novas encargas, serán incluídas na nova convocatoria de axudas aos sectores máis prexudicados pola pandemia que sacará o Concello en marzo/abril. En resumo, “unha catástrofe” en palabras de Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago.

Máis non todo ía ser malo. O anuncio da prolongación do Ano Santo ao 2022, feito durante a cerimonia de apertura da Porta Santa na Catedral o pasado 31 de decembro, supuxo unha alegría para o sector. Iso, unido á campaña de vacinación iniciada en xaneiro, permite manter unha certa esperanza en poder ir pouco a pouco mellorando a situación a partir deste verán. Pero a pregunta é: cantos aguantarán ata entón?

Son numerosos os hoteis e pensións que levan meses pechados por mor da crise da Covid-19. Algúns, como os negocios de Sara Santos, presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, non abren desde o confinamento. “As expectativas para estes primeiros meses son moi malas. Algún hotel xa quedou polo camiño. Para verán si que empeza a haber reservas, pero temos moito medo de que haxa unha nova onda”, afirma. Como apunte positivo, a tendencia é que as estancias sexan máis longas. Previo á crise da Covid-19, a media de pernoctacións na cidade non chegaba a dous días, mentres que agora sitúase en tres. Para fomentar ese incremento, Turismo de Santiago creou a campaña ‘Santiago Prémiate’, pola que todos aqueles que pasaban tres noites na cidade recibían como agasallo unha visita guiada. “Tivo moito éxito e seguro que a repetimos”, apunta a xerente.

En canto aos bares e restaurantes, despois de meses de duras restricións -especialmente para aqueles que traballan no ocio nocturno- xa empezan a darse peches definitivos. En xaneiro dixemos con tristura adeus a un dos locais con máis historia de Compostela: a Bodeguilla de San Roque, que fechaba tras 35 anos deixando, iso si, en funcionamento ás súas ‘irmás’ de Santa Marta e San Lázaro.

A hostalaría leva meses sentíndose criminalizada e manifestándose para exixir un plan de rescate á Administración con medidas como aprazamentos e suspensións de taxas e indemnizacións para obter liquidez urxente. Neste tempo, estableceuse unha mesa de diálogo co Goberno galego -á que só accederon catro entidades de toda Galicia- e Xunta, Deputacións e FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) reuníronse para estudar unha estratexia conxunta na que estivo sobre a mesa que cada unha delas aportase o 1% do seu orzamento para axudar ao sector. Non houbo acordo, aínda que si un aumento da aportación para autónomos e hostaleiros do Executivo galego que pasou de 50 a 75 millóns (sumándose aos outros 85 millóns que xa puxera a finais do 2020).

En busca da unión que historicamente din que falta no sector na nosa terra, as asociacións Hostalaría Compostela, Hoempo (Pontevedra, Poio e Marín) e ShOStalaría da Coruña impulsaron a creación dunha Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, que pretenden que sirva para a creación dunha Federación. Un ente que aseguran será amplo e plural e ao que se poden sumar empresas doutros sectores directamente ligadas aos intereses da hostalaría, como produtoras, provedoras ou distribuidoras.

Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago. Foto: Iván Barreiro

De proximidade

2020 foi o ano da aposta polo turismo de proximidade e, segundo Flavia Ramil, no 2021 seguirán nesa mesma liña. “Especialmente familiar, pero tamén gastronómico, cultural, de natureza”, sinala. “En base ás previsións feitas polos representantes do ministerio de sanidade, pensamos que no mes de xuño haberá un número relevante de persoas xa coa vacina en España, que permitirá que haxa movemento turístico”, sostén.

Tamén cara finais da primavera o Grupo de Cidades Patrimonio, ao que pertence Compostela, comezará unha potente campaña de publicidade e lanzará unha guía gastroturística na que porán de relevo as excelencias da nosa gastronomía.

Ramil recoñece que as expectativas postas para este Ano Santo antes da Covid-19 eran moi positivas. “Pensabamos que era a oportunidade para consolidar a Santiago como un destino global, logo do crecemento acumulado do turismo internacional últimos anos”, afirma. Agora a evolución dependerá do ritmo de distribución das vacinas nos diferentes países e do restablecemento da conectividade aérea global. “Neste sentido, poderemos ter unha recuperación xa neste 2021 dos nosos principais mercados europeos, que pensamos que seguirán un ritmo similar de distribución da vacina e cos que contamos con conexión aérea directa: Italia, Alemaña, Francia, Portugal, Reino Unido, Irlanda. Respecto dos mercados doutros continentes, que son moi importantes para a cidade, como por exemplo o estadounidense, o coreano ou o xaponés, temos confianza en que podamos ter xa turistas deste lugares neste mesmo ano, pero pensamos que a súas recuperación real comezará no 2022”, explica.

Eventos internacionais

‘Despois dun ano como o 2020... todos necesitamos un Ano Santo’. Este é o lema da campaña posta en marcha por Turismo de Galicia para promocionar o Xacobeo. “É unha campaña ilusionante, de adaptarse á nova realidade pero volvendo á esencia, a gozar do que é a viaxe”, asegura o seu xerente, Emilio de la Iglesia.

Neste primeiro semestre do 2021, e sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, apostarán por eventos reducidos de aforo e descentralizados no territorio galego. Os grandes espectáculos con artistas internacionais quedarán para o 2022. “Intentaremos tocar todos os paos para que sexa un Xacobeo integrador. Haberá eventos lúdicos, de coñecemento, ciclos de conferencias, gastronómicos, concertos...”, apunta, subliñando que sempre teñen un plan ‘b’; pois se algo aprenderon da pandemia é que “todo é unha reprogramación constante”.

Que pasará entón co festival O Son do Camiño que se cancelou o ano pasado e que contaba no seu cartel con artistas como The National, The Chemical Brothers, Bad Bunny, Liam Gallagher, Jason Derulo ou Daddy Yankee? “Evidentemente algún cambio de artistas vai haber, porque pode que o festival non encaixe nese momento nas súas xiras, pero o groso en principio vaise manter”, asevera De la Iglesia. As 25.000 entradas estaban todas vendidas e apenas houbo devolucións. A organización conserva, por agora, os días 17, 18 e 19 de xuño para a súa celebración, pero coa flexibilidade de poder dosificar os concertos en distintas datas se fose necesario.

Emilio de la Iglesia, xerente de Turismo de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Turismo seguro?

O turismo é un dos principais motores da nosa economía e, aínda que a saúde é o primeiro, preocupa moito a recesión e as súas consecuencias. Non podemos deixalo de lado porque está en xogo o futuro de milleiros de familias que viven del, pero é seguro? Emilio, que foi coordinador de prevención das eleccións autonómicas do pasado xullo, afirma que o importante é cumprir as medidas hixénico-sanitarias que marca o Comité Clínico. “Esa é a garantía de seguridade, tanto para nós, os galegos, como para os nosos visitantes”, sinala.

O xerente recorda que xa desde o principio da pandemia estase traballando para garantir que Galicia sexa un destino totalmente seguro a través de “formación específica para os profesionais do sector, elaborando plans de continxencia para saber como actuar ante un caso positivo, como desinfectar, que mecanismos e pasos hai que seguir...”. Ademais, neste 2021 crearon o ‘Seguro Covid’. “Calquera persoa que se hospede unha noite nun establecemento regrado de Galicia será obxecto desa protección. Non lle vai supoñer ningún coste porque o asume a Xunta. Serán abonados os gastos sanitarios, farmacéuticos... e tamén os de prolongación da súa estadía para esa persoa e a súa familia se teñen que pasar un confinamento”, comenta.

Un novo turismo?

Un dos principais retos do sector en Compostela antes do inicio da pandemia era evitar problemas como a xentrificación que xa empezaba a preocupar na Cidade Histórica. Nese senso estaban a traballar as distintas administracións antes da Covid-19 e niso seguen coa posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago, que se desenvolverá do 2021 ao 2023, e que conta cun orzamento total de tres millóns de euros, cofinanciados a partes iguais por Concello, Xunta e Secretaría de Estado de Turismo.

O Plan estrutúrase en cinco eixos: Gobernanza, Estratexia e Activación do sector turístico; Destino intelixente, Mobilidade sostible e Accesibilidade; Cidade Histórica e Estratexia Verde; Transición ecolóxica do sector turístico; e Renovación da mercadotecnia e creación de novos produtos e experiencias sostibles. Entre outras actuacións, proponse embelecer a zona vella, mellorar a xestión dos residuos, o desenvolvemento da economía circular e a loita contra o cambio climático a través da eficiencia enerxética; así como  afondar na aplicación da tecnoloxía á información ao visitante e na xestión dos fluxos turísticos, fundamental para reorientalos e mellorar a experiencia turística e a seguridade das persoas e a saúde.

2021 non será o ano das grandes cifras como se esperaba, pero si que pode ser o ano no que comecemos a recuperarnos dunha terrible pandemia. E no que, ademais, intentemos evitar erros do pasado. Coa prolongación do Ano Santo ao 2022 temos unha dobre oportunidade para conseguilo. Seremos quen de facelo?

 

 

VITE, O REVERSO DA CIDADE TURÍSTICA

Dramawalker Vite é un proxecto de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio de Vite guiado polo grupo Chévere e feito en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego. O proxecto propón un paseo audioguiado desde o corazón da cidade histórica ao barrio de Vite para mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana.

Segundo explica Chévere nun comunicado, desde a década de 1950 o turismo ligado ao mito Xacobeo condicionou a planificación e desenvolvemento urbano de Santiago. Provocou cambios de uso radicais en edificios históricos, obrigou a abrir novas vías de acceso directo ata a Catedral que eliminaron os camiños tradicionais de conexión da cidade histórica coa periferia, e afastou a urbanización do norte da cidade coa instalación dun albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns funcionaron como residencia de estudantes durante case tres décadas.

Pero Compostela non é só a súa cidade histórica. Para aqueles quen teñan a curiosidade necesaria para ir máis alá dos fitos sinalados nas guías turísticas, Chévere invita a descubrir Vite. Un barrio que é o reverso da cidade turística e representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que marcaba a diferencia na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!