fbpx
CompostelaEntrevistas

O swing, un baile integrador

-Os encontros para bailar swing no Riquela son abertos ao público. Foto: Iván Barreiro
Os encontros para bailar swing no Riquela son abertos ao público. Foto: Iván Barreiro

Karen Campos empezou a bailar swingen Irlanda e cando volveu a Galicia en 2014 non había practicamente ningún sitio onde se bailase. En Vigo atopou algún punto, así que non o pensou e decidiuse a dar clases e a bailar aquí, fose como fose! Pouco a pouco foi medrando unha ilusión, que se converteu nun proxecto e que hoxe abrangue unha asociación, que naceu publicamente en abril deste ano, co nome de Compostela Swing.

Corenta socios de toda Galicia e de fóra dela conforman este grupo de bailadores que se xuntan para bailar swing nas rúas, en locais, nos concertos… En Santiago, por exemplo, fano unha vez á semana no Riquela, na rúa do Preguntoiro. Uns encontros que, por certo, son abertos ao público. Non teñades medo a probar! (Chisco, chisco).

Coñecín a Karen á par que a Marta Reyes e Aida Fernández, que son vogais da asociación. Todo o seu “traballo” -que non é tal- é voluntario, unha vía de escape, unha forma de compartir esta gran afección! (Son guais, estas mozas!)

Por que facedes isto?

-Aida: “É o sopro de aire fresco da semana. Ti podes ter un mal día, unha mala semana… E chegas a bailar e saes novo, con enerxía, ríndote e cunha alegría incrible… Que dan a música e o baile… A música é xa de por si moi alegre, pero se ademais bailas, uff!! Pois mellor aínda”.

-Marta: “Pois para compartir isto que estamos vivindo, esta alegría e positivismo. Toda a xente que ven bailar é moi aberta de por si, xa lle gusta o tema, coñece a música e fórmase un ambiente moi bo! Coa asociación queremos que isto medre. É un baile xa moi popular en España, pero que aquí en Santiago é moi novo e faille falta un pouco de promoción!”

Outra das labores da asociación e informar de onde dan clases de swinge mesmo hai algún desconto para os socios nas academias. Pero o máis importante é que promoven o baile social e se é con música en directo, mellor! Xa o fixeron facendo o Camiño e bailando ao final de cada etapa, cunha gran festa no destino final: Compostela.

O contacto entre eles comezou nun principio mediante as redes sociais, especialmente Facebook, para quedar para bailar en distintas localizacións xeográficas.

Karen di que ata lle obsesiona! (Rimos). “O swingcrea adicción. Transmite moi boa enerxía, e iso engancha a calquera tipo de persoas. Naceu en Harlem nos anos 30. A súa orixe é afroamericana e saíu dun salón de baile integrado, onde bailaban persoas negras e brancas xuntas. É un pouco a liberdade do jazz levada ao baile. En España produciuse o seu despegue nos últimos 15 anos, poderíamos dicir, sobre todo en Barcelona e Madrid. Pero báilase nos Estados Unidos, Corea, Suecia… Hai festivais por todo o mundo, e iso é tamén algo que gusta moito, porque coñeces xente doutros sitios, que comparte a mesma afección que ti e podes entenderte con eles… Bailando!! Aínda que non poidas falar moito con eles! (Gargalladas de todas) É unha linguaxe común entre diferentes persoas. É moi importante para nós ese valor integrador!”

Sabías que hai centos de miles de peregrinos afeccionados ao swing?! Pois elas si. Porque ao acabar o Camiño moitísimos van bailar con elas, logo de contactalas por Internet. Ademais hai bailadores de todas as idades, entre os 20 e os 70. Vaia abano!! (Rimos). Agardo que cando volva falar con elas vaia adiante a súa proposta de que haxa actividades de swingno Apóstolo.

Que mellor que nunha cidade tan universal como Compostela, promovamos a integración, BAILANDO… SWING!

Entre os amantes do swing hai persoas de todas as idades. Foto: Iván Barreiro
Entre os amantes do swing hai persoas de todas as idades. Foto: Iván Barreiro