fbpx
CulturaGaliciaNovas

O sábado entregaranse en Santiago os premios Follas Novas do Libro Galego

Os premios do libro galego, que este ano pasaron a denominarse Follas Novas, recuperarán nesta edición a gala de entrega, mentres reclaman atención para o sector do libro en Galicia, un sector que, a pesar da pandemia, resiste e busca a visibilidade dos públicos. A cerimonia celebrarase o sábado 15 de maio ás 19:00 horas no Teatro Principal, en Santiago, sen público, e transmitida a través de YouTube. Presentará o acto Quico Cadaval e actuará o Cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.

Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro.

Desde as tres asociacións que representan ao sector do libro galego, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Federación Galega de Librarías, consideran que a recuperación da cerimonia de entrega dos premios Follas Novas significa que se está avanzando no camiño da recuperación da normalidade.

O recén elixido presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, sinalou nunha das súas primeiras intervencións como presidente que o sector do libro suma actividades moi diferentes pero que “todas elas queren incrementar a visibilidade do libro como método para saír dunha situación de dificultades para todas as empresas e persoas relacionadas coa cultura”. Domínguez explicou os pormenores da entrega de premios do vindeiro sábado sinalando que se recuperaba a “presencialidade dos finalistas, agardando que para a próxima edición poidamos recuperar tamén o público”.

Domínguez estivo acompañando polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos. Os tres coincidiron en sinalar que o libro leva demostrado desde o inicio da pandemia “a súa utilidade para a sociedade”. Engadiron que a xente segue precisando do libro como vehículo cultural e que o mundo do libro necesita de apoio, como outros sectores, para superar a situación de crise xerada pola pandemia.

Premios de honra
Ademais das 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autores da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadores. A Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas; a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira e a Asociación de Editoras de Galicia rendirá tributo ao desparecido editor Xulio Amigo.

Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, sinalou na súa intervención a mellora da situación xeral e como se reflicte nos premios, “estamos contentas desde o Concello de Santiago de ir recuperando as actividades que supoñen volver á normalidade cultural”. Rosón apuntou tamén na rolda de prensa que o libro galego “é un sector con gran excelencia e a gala dos premios Follas Novas vai ser especial e importante porque nos vai devolvendo a situación que todos desexamos”.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, considerou estas actividades como un síntoma de mellora, “os premios son imprescindibles para a visualización dos libros e aínda que o ano foi malo para a cultura, o libro demostrou que estivo presente no acompañamento da xente e por iso é necesario que saia con forza da situación actual”.

Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña, reparou nos tempos recentes do mundo cultural: “están sendo anos duros para a cultura e por iso son necesarias todas as actividades que como estes premios melloren a presenza da cultura na sociedade”.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELGA, sinalou que a a cultura “é sanadora e os libros son sanadores e por iso mesmo en situación tan límite os escritores e escritoras queremos crer que estivemos a altura do que a sociedade precisa”.

Henrique Alvarellos apuntou que o libro “é o que nos move a todos os que estamos aquí”. “Esta gala vai premiar a excelencia dos libros e sabemos que quedan sempre libros fóra e estamos traballando para conseguir que a vindeira edición poidamos recuperar toda a presencialidade”, sinalou. O presidente da Asociación de Editoras Galegas, avanzou que de cara a futuras edicións dos Follas Novas “estamos preparando un novo sistema de selección, somos conscientes de que publicando 1.200 títulos por ano, chegar a sinalar 15 gañadores é un traballo difícil e buscamos o xeito de melloralo”.

Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.