fbpx
CompostelaDe bares

O problema non é a música

Por Jéssica Pintor @jpintorybarran 

Interior do Sónar. Foto: Iván Barreiro
Interior do Sónar. Foto: Iván Barreiro

Imaxinas Santiago sen música en directo? Non. Porque a nosa é unha cidade esencialmente musical. Máis aló das tunas e das gaitas que tantas veces resoan con maxia, como a choiva entre as pedras, e máis aló dos sons que viaxan dende o propio órgano da Catedral cara ao exterior, en Compostela existen outros templos imprescindibles para vivir e para sentir músicas. Por iso non podemos imaxinar a nosa vida sen a Riquela, a Malatesta, a Capitol, sen A Reixa ou sen o Sónar e sen moitos máis bares que constitúen verdadeiros templos, para sibaritas da música!

Os bares, templos para a música

Jesús Peón comezou de camareiro, cando era moi noviño, no negocio familiar, na coñecida Cafetería Polígono, que leva máis de trinta anos no Tambre, cando aínda non era nin polígono case. El é dos que pensa que ao final moitos clientes son familia, máis ca amigos, pero que “a hostalería dáche certa soidade e che obriga a tomar decisións moi difíciles, que implican moita inversión, demasiado sacrificio, moitas horas, sempre de cara ao público e máis agora, nun momento no que as relacións humanas estanche moi arrefriadas por culpa das redes sociais e de Internet”. Non poido estar máis de acordo, irónico tendo en conta o uso que lles dou, pero é que prefiro os bares! O cal tamén resulta obvio.

Suso o do Sónar, como en realidade o coñecemos moitos, de tanto pasar por diante do que é o seu local, liouse nel como se dunha silva se tratara… E ata hoxe! Ao principio tamén puxo copas e creou unha dinámica de traballo diferente. Fixo desta sala, que leva dez anos medrando, un templo, un templo musical e nocturno! (Risiña e chisco!) Porque el cando vai, vai con todo! Cando lle fixen esta entrevista, Suso vivía un momento moi duro, a vida deulle unha gran sacudida e aguantou con ese carácter forte, pero afable que tanto o define e que me esperta tanto respecto… Se levamos a súa forma de ser á noite, descubrirmos a esencia do seu establecemento.

Un local musical non pode cambiar cada minuto, en Santiago non hai tanto público e hai moita competencia, manter unha empresa require moita dedicación. E como fai o Sónar? “Levando a distancia do día á noite: ese agarimo á xente, o contacto de preto, intentando facer unha clientela fixa… Cando saes de copas, a cousa vai por proximidade: a primeira tómala en calquera lado, cerca de onde aparcas e aquí chove moito!!… (Rimos) A segunda copa, xa hai que gañala! Vai ser o ambiente, vai ser a música. A clave é a segunda copa. Nós queríamos unha clientela madura, seria. Apostamos por un estilo de música determinado, non me interesa a parte comercial da música. Aquí non soa reguetón. Cando empezamos distanciámonos da música actual, buscando xéneros novos, cantantes diferentes. Aquí soa indie, rock, canción nova, artistas máis descoñecidos. Toda a música vai por vídeos, para crear hábitos musicais na xente, para que os que veñan ao Sónar coñezan grupos novos, os busquen na casa, vexan o título das súas cancións na pantalla… É a nosa forma de traballar! A nosa máxima ilusión é ver gozar á xente, vela feliz. Facemos música en directo e facer un concerto en directo é complicado. Non pode saír nada mal. Porque se pasa, hai que parar e deixar de tocar! E ti si ves aquí, pagas unha entrada, é o teu momento de ocio, queres que vaia perfecto! É unha gran responsabilidade e moi estresante. Hai temas técnicos, de escenario… O primeiro concerto que fixen foi só para trinta persoas. Dende logo a satisfacción da xente insufla aire novo e o seu agradecemento axúdache a seguir”, afirma moi convencido. E é así, porque de esa forma de traballar, con músicas e músicos ao dente, sabemos que xurdiu o Santiautor, un certame de música de autor que agardamos volva a celebrarse pronto!

Pero nunca é gloria todo o que soa. Suso di que a Administración “é moi lenta e obriga aos locais a traballar en precario. A burocracia para o día a día da hostalería falla, funciona de forma nefasta”. E non é o único problema.

Xabier Mera. Foto: Iván Barreiro
Xabier Mera. Foto: Iván Barreiro

Os músicos non son instrumentos

Vivimos nun momento convulso en Santiago. Pode ser bo. Ou? Pregunto afirmando e Xabier Mera non me leva a contraria, pensa que non é un momento de queixa, senón de reivindicación. “En tempos anteriores os fallos eran sistematicamente aceptados por todos, ninguén quería mudar nin mellorar nada. Así que vivimos un momento bo, de emerxer. Artisticamente somos moi ricos, hai moita creatividade, estamos máis formados máis ca nunca. Hai que crear dinámicas novas, para non perder oportunidades. Os músicos temos un papel claro.  Así que o cambio vaise dar si ou si!”

Este músico e creador picheleiro volveu hai dous anos e medio de Londres. Quedamos con el no Bendaña, ao carón dese quiosco que aínda vive na Rúa Nova. Agora mesmo dirixe coros, unha das súas grandes novas paixóns, para a que se formou na cidade inglesa. Continúa tocando coa banda de jazz Aló Django, pioneira en Galicia neste xénero, e cun trío novo de swing, o Handle with Swing, con Tomás Portero, á guitarra, e Manu Gómez, ao piano. Ten en marcha un proxecto cultural chamado Jam de barrio que deseña obradoiros a medida, para axudar á profesionalización de bandas emerxentes. E anda metido no festival Fisterra Blues experience, achegando a historia, a cultura e as figuras ao redor do blues a diferentes centros de ensino.

Xabier tamén é voceiro e vicedirector de Músicas ao vivo. Defínea coma a asociación máis representativa en Galicia de todos os músicos(as) que se dedican profesionalmente a interpretar. Funcionan visibilizando ao sector e defendendo os seus dereitos. Localizan e median nas problemáticas dos músicos(as).

Falando de problemas, logo… Cal é o que teñen a Xunta de Galicia e o Concello? Si é que se pode resumir nunhas folliñas da Revista Pincha… “A problemática vén de vello en Santiago e é sintomática do que pasa no país, dende fai décadas. Hai un conflito derivado dos concertos en salas pequenas é outro entre o dereito ao acceso á cultura e o dereito ao descanso. A Xunta e o Concello teñen a maiores as súas propias leas, entendemos que hai uns intereses políticos e que o problema non é a música! Pero a nós píllanos no medio no exercicio do noso traballo profesional. A Lei de Espectáculos é unha lei de seguridade pública, non é unha lei cultural, é unha lei necesaria para ofrecer garantías, seguridade e regulación no sector, pero non atendeu, no seu momento, nin foi realmente consensuada para atender as casuísticas do día ao día dos músicos e quedou no aire todo o tema dos concertos nas cidades en certo tipos de espazos. Renovar o catálogo de licenzas para que os locais poidan realizar espectáculos públicos era unha tarefa pendente. Quitar os “tablaos flamencos”, que non teñen sentido na nosa comunidade, era necesario. Hai que lexislar dende o territorio. Nós fixemos as nosas achegas, algunhas xa recollidas, outras non… E polo camiño houbo o compromiso do goberno municipal de Santiago, con certa valentía, de lexislar sobre a normativa de ruídos, que terá que adaptarse á nova lexislación”.

As partes é evidente que deberán chegar a un consenso! “O que non poden é utilizarnos como instrumento, para solucionar cousas de cáliz máis ben político, que afectan a persoas que estamos exercendo a nosa profesión. Porque o problema real que se esconde detrás de todo isto atende á normativa laboral: é o sistemático incumprimento da lei no que vivimos, a ausencia de contratación, o traballo sistemático en B, co cal non só non estamos de acordo, senón que en Músicas ao vivo existimos por e para que se cumpra a lei! Os políticos que resolvan as súas diferenzas, porque o realmente importante non é tocar ou non tocar, é tocar en condicións dignas! Non pretendemos que unha sala pequena se comporte, económica e en condicións laborais, como unha grande, pero hai que eliminar intrusos. Hai que traballar de forma profesional. É clave para dignificar a nosa profesión e imaxe social”.

Velaí que necesitamos que esta cidade siga soando a altura, mestre! Que non sexa a vontade o que falle, para que cada un dende a súa parceliña (sexa da dimensión que sexa) loite para que en Santiago sigamos escoitando a mellor música e nas mellores formas!