O hotel Oca Puerta del Camino celebra o seu vinte aniversario cun amplo programa de actividades

O hotel Oca Puerta del Camino de Santiago presentou esta mañá o seu extenso calendario de citas para celebrar o seu vinte aniversario. Diferentes actividades ao longo do que queda de ano, que buscan abrir o establecemento á cidade de Santiago e a toda Galicia, tendendo pontes coa cultura, o ámbito dos negocios, a comunidade educativa e o deporte. Así o manifestaban hoxe en rolda de prensa Lalo Crespo, director do hotel e o director comercial da cadea, Antonio Mediavilla.

O programa arrincará cunha exposición fotográfica do hotel a través destes vinte anos de historia, desde a súa inauguración ata a actualidade. O hall e os espazos comúns do Puerta del Camino tamén acollerán exposicións de pintura, da compostelá Isabel Rey, e escultura, a cargo do artista Francisco Leiro, entre outros artistas, durante os meses de xullo, outubro, novembro e decembro.

“Outro dos pratos fortes da programación”, en palabras de Lalo Crespo, “son as tres xornadas gastronómicas que se celebrarán na zona de restauración e que terán lugar nos meses de maio, setembro e novembro. A primeira delas estará centrada en receitas puramente vexetarianas e contará cos consellos da coñecida nutricionista Marisol Filgueiras. Completarase este apartado da celebración do aniversario coas xornadas de Gastronomía de Diáspora e de Pratos con Memoria, un percorrido por pratos históricos esquecidos da gastronomía de Galicia.

Durante o verán realizarase, entre outras actividades ao aire libre, un visionado das famosas Perseidas con cea de picoteo, en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Poñendo o acento en diferentes sectores cun estreito vínculo coa cidade, o hotel Oca Puerta del Camino organiza catro relatorios sobre deporte, valores humanos, respecto ao medio ambiente e emprendemento feminino. Entre os relatores atópanse personalidades como Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB, ou Teresa Carballeira, profesora de Dereito Público e Teoría do Estado e membro do Grupo Compostela de Universidades, organización que busca tender pontes entre culturas con Europa e o Camiño de Santiago como guías.

Por último, e facendo fincapé nun dos eixos de responsabilidade social empresarial da cadea Oca, o hotel tamén selará o seu compromiso co medio ambiente asinando un acordo de reciclaxe coa organización ambiental española Ecoembes.

Para celebrar ao grande con amigos da casa, colaboradores e clientes vinte anos de traballo, o Puerta del Camino será escenario dunha gala, no mes de xullo, que “será unha auténtica sorpresa”, segundo asegurou Antonio Mediavilla, director comercial de Oca Hotels, “na que gozaremos de música, espectáculo, gastronomía e moitas actividades que non deixarán indiferente a ningún invitado”.