fbpx
CompostelaGastronomíaNovasReportaxes

O gran baleiro: A Covid-19 ten acabado co noso xeito de ocio. Cando e de que forma volveremos a el?

Público no interior do Teatro Principal con máscara e mantendo as distancias de seguridade. Foto: Iván Barreiro

Abre o pano. O teu grupo favorito está enriba do escenario. Aplausos. Berros. Xente a un lado. Xente ao outro. Non hai máscaras. Nin distancia física. Soa a música. Bailas, saltas, cantas… Móveste para ver mellor porque o de diante é moi alto. E por detrás, pasa alguén cunha cervexa na man. Sorrís. Non hai medo. Estaste a divertir. Soño ou realidade?

Despois dun ano de pandemia resulta complicado albiscar cando poderemos volver a gozar do noso tempo de ocio e da cultura como faciamos antes. “Haberá un antes e un despois da Covid-19. Sen dúbida, este tsunami en forma de virus vai poñer o noso contador social a cero e será preciso reiniciar e reprogramar o noso software (individual e) colectivo”, opina a profesora na área de Socioloxía da USC, Mar de Santiago. Agora ben, remarca: “Non podemos ser o que non somos como sociedade. Isto non é Noruega. No noso ADN, no contexto no que socializamos a meirande parte dos cidadáns e cidadás de España e Galicia, somos xente alegre, gústannos as verbenas, xuntarnos coas amizades… E iso irémolo recuperando paseniño, pero eu creo que con respecto. Xa non tanto con indiferenza. E se non é así é que somos uns inconscientes”, subliña.

Vivimos unha situación excepcional. Incomparable con calquera outra experiencia que nós poidamos lembrar, pero os historiadores recórdannos que esta non é nin moito menos a primeira vez que a humanidade enfronta unha gran crise. Algúns expertos apuntan a que trala Covid-19 chegará unha época de bonanza, algo así como os tolos anos 20 do século XXI. “E chegará, pero aínda queda tempo”, sinala Mar de Santiago -que quere deixar claro que o que aquí nos conta é só a súa opinión, sen estar avalada por agora por ningún estudo que teña feito. “Eu véxome todo 2022 dando clase presencial… pero con máscara. Non sei de que tipo, pero con ela. Isto vai para anos”, asevera.

De Santiago afirma que é o momento de apostar por un “cambio de enfoque”, o que supón “deixar de poñer parches nunha sociedade que se ten desinchado pola falla de previsión e inversión, de visión e horizonte para a ciencia, o coñecemento e a defensa do público, e que se ten desangrado de xeito brutal”. Mar asegura que como seres sociais debemos, dalgún xeito, “implicarnos no benestar do outro, porque a supervivencia como especie é unha cuestión colectiva”. Refírese, por exemplo, á vacinación, que debe chegar a todo o planeta “e non deixar de lado os países en vías de desenvolvemento”.

Pero que sucede no caso do lecer? Para a docente as restricións nese eido estannos causando moito impacto a todos como sociedade, pero especialmente á mocidade. “E bastante ben estano facendo para todo o que están perdendo”, sostén. Cre, iso si, que igual que esta sindemia (que non pandemia xa que convén analizar e enfrontar o virus desde un enfoque biolóxico e social) contribuíu a revalorizar profesións esenciais como as dos sanitarios ou o sector primario, tamén debe servir para dar o seu lugar aos profesionais da cultura. “Iso é o que nos diferencia dos animais. Unha cousa é sobrevivir e outra vivir. E vivir vén da man da cultura”, sentencia.

Moito streaming, pouco directo

Segundo o estudo ‘Motivacións e actitudes dos españois ante a nova era do lecer’, realizado por AliExpress, durante a pandemia as actividades de entretemento no fogar aumentaron nun 30%. Os novos hábitos de ocio na casa máis populares son o autocuidado (50%), a cociña (43%), os xogos de mesa (25%), a bricolaxe (22%) e a decoración (23%).

Neste último ano acostumámonos ás exposicións virtuais, aos festivais de cinema que combinan actividades presenciais e online, aos pedidos para levar á casa, a brindar por videochamada, a teletraballar e a ver máis series en Netflix… Independentemente do que ocorra máis adiante, parece que o streaming chegou para quedarse.

Nese senso, recentemente botou andar un novo proxecto desde A Estrada: La ReCorchea (Galicia Streaming), un espazo desde onde programan concertos, monólogos, clases e outro tipo de espectáculos en liña previa compra de entradas. A primeira experiencia foi o pasado 19 de marzo cunha actuación do humorista Pepo Suevos e xa teñen preparadas outras con artistas como Los Fabulosos Weekend, Manquiña ou La Banda de Nash.

E mentres continúan aumentando as actividades que realizamos desde unha pantalla, as que facemos ao vivo seguen en horas baixas. Tanto que o sector do lecer nocturno galego cuantifica en máis de 300 millóns de euros as perdas que acumula xa polos feches derivados da Covid-19 e que, segundo destacan, levan aparellada a perda duns 200 estabelecementos en todo o país.

Así, segundo o ‘Estudo de impacto do coronavirus no lecer nocturno e os espectáculos’, realizado por Galiza de Noite xunto coa patronal España de Noite, “a súa capacidade de resistencia atópase ao límite”. Cun retroceso na facturación de máis de 84%, exixen un plan de rescate específico para eles.

Antonio Borrazas, director de programación da Capitol, no interior da sala que leva un ano practicamente sen actividade. Foto: Iván Barreiro

Sen Sala Capitol

Despois de 17 anos como director de programación da Sala Capitol, Antonio Borrazas nunca imaxinara ver este mítico espazo compostelán baleiro durante tanto tempo. Desde que se instaurou o estado de alarma a sala -cunha capacidade para 700 persoas- tan só albergou dúas actividades. “Fixémolo porque estaban apoiadas economicamente pola Administración, senón cun aforo de 60 persoas como había nese momento non sería viable. Con restricións non podemos traballar. Nós estamos nun circuíto nacional e internacional que necesita vender un número de entradas considerables para facer que sexa rendible. Temos que encher sempre que poidamos. O noso é un punto de vista moi particular porque somos un lugar moi particular. Non nos parecemos a outras salas de Galicia nin de España. A actividade cultural no resto é complementaria. Para nós é o único que temos”, explica.

A pandemia chegou cando a Capitol estaba a vivir unha época de esplendor. Cunha media de 100 eventos ao ano repartidos entre setembro e xuño, tiña feito xa un nome no circuíto nacional e incluso internacional. “Tivemos unha etapa inicial de rodamento pero xa levabamos moitos anos cunha actividade bastante intensa. Houbo momentos máis baixos, pero estes últimos tres anos estabamos nunha etapa ascendente moi boa, quizais sen precedentes para nós, en calidade e cantidade de programación, en resposta do público, en resposta da xente moza… porque houbo un tempo no que á mocidade parecía que non lle interesaba moito a música en directo, pero se estaba recuperando moitísimo polos artistas que estaban saíndo”, conta Antonio.

O programador recorda o mes de marzo do 2020 como un momento con moita inquietude: “En Galicia criamos que non ía pasar nada. Pero nós traballamos moito con xente de fóra, moitas produtoras que están en Madrid e alí había outra situación. Recibiamos chamadas de moito medo. Aínda así, pensabamos que ao mellor tiñamos que pechar quince días, e iso xa nos parecía un problema tremendo porque perdiamos oito concertos que había que recolocar, non tiñamos datas…”.

Esas dúas semanas pasaron a ser meses. As medidas que se estableceron na chamada desescalada non eran viables para eles. “Fixemos moitas reprogramacións. Primeiro pensamos no verán, despois pensamos no outono… Na segunda onda xa as produtoras decidiron tomarse as cousas con máis calma e empezamos a axendar para o ano seguinte. Agora temos algún evento programado para finais do 2021 pero fundamentalmente estou traballando no 2022, a pesares de que non sabemos o que pode pasar. Non me imaxino aínda abertos. O que puidemos trasladar, trasladámolo, mais ao ser tanto tempo hai grupos que se desfán, xiras que rematan, a situación dun país non é o mesmo que outro…”.

Corre entón perigo a Sala Capitol de desaparecer? “Non porque aquí se investiron tres millóns de euros. E agora que facemos con ela? Se puideramos marchar, fariámolo pero isto é como se compras un submarino e quítanche o mar. A quen lle vendes o submarino? Non hai outro remedio que aguantar”, asegura Borrazas. Contan, ademais, co respiro do ERTE –“e trememos cada vez que se fala das prórrogas”- e pouco máis. “Levamos un ano pechados e as axudas que recibimos non só non son suficientes, senón que nos está custando moito poder acceder a elas”, afirma.

Antonio tamén lamenta o pouco arroupados que se senten: “Non falamos absolutamente con ningún político despois de pechar. Ninguén se preocupou. Con este problema é como: Sálvese quen poida! Non vou a dicir nada, non vaia ser que chegue alí e pregunte e me digan que necesitan… Para min iso é un erro. Somos todos persoas e a desgraza que temos enriba é algo moi humano”, sinala.

Persoas como os músicos, técnicos de son e iluminación, camareiros, seguridade… “Cando a xente vén a un concerto non se decata de todos os que están traballando nel”, subliña Antonio. Actuacións que considera deben vivirse ao vivo porque “á xente gústalle esa sensación”. E deben ser sen cadeiras, de pé, “porque queremos bailar, saltar…” e sen pantallas, porque o streaming non resulta rendible. “Ninguén vai pagar unha entrada de vinte euros para ver unha actuación no ordenador ou na televisión”, opina.

Confiemos no avance da vacinación. Cumpramos as normas. E sigamos soñando con volver a ver cheo un recinto tan especial coma este. “E unha sorte que haxa algo así en Compostela”, dime Antonio antes de marchar. Coidémolo. Coma a toda a nosa cultura.