fbpx

O Galicia Fórum Gastronómico presentou os seus tres espazos destinados a gastronomía líquida

A pouco máis dunha semana de que de comezo na Coruña a nova edición do Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrará do 25 ao 27 de setembro, os seus responsables presentaron hoxe na Cidade da Cultura, os espazos cos que contará destinados á gastronomía líquida, e no que figuran como grandes novidades a primeira Batalla de Sumilleres do Wine Circus e o primeiro Cocktail Bar Fórum.

Despois de tres anos de silencio, o Galicia Fórum Gastronómico volve, segundo a súa directora, Ana Trevisani, “con máis forza e máis ambicioso que nunca”, destacando o seu “gran potencial a nivel comercial” e a sua “capacidade para ser o mellor altofalante para os cociñeiros”.

Así adiantou que haberá máis de 160 expositores e 7 escenarios, sendo o “evento gastronómico máis importante do norte de España”, concibido como unha feira para profesionais do sector Horeca, pero tamén como “un gran centro de formación no que se poderán ver todas as tendencias crave da gastronomía”. Un “evento grande e complexo” que conta coa colaboración de 35 empresas patrocinadoras e un gran equipo humano, e que contará con figuras de primeiro nivel, entre elas 27 estrelas Michelin.

Pola súa banda, Pep Palau, director do programa e un dos fundadores do Fórum Gastronómico xunto a Jaume von Arend, lembrou que o eixo central desta edición será a sustentabilidade, tamén moi presente na gastronomía líquida.

Con respecto ao Wine Circus, organizado polo Instituto Galego do Viño (Ingavi), Palau explicou que “será un espazo dedicado aos viños galegos, contará coa colaboración dos mellores relatores e prescriptores do mundo vitivinícola, como Josep Roca, François Chartier, Ferran Centelles, Audrey Dourei ou Tomás Ucha, e incluirá diferentes actividades”.

Entre elas destacou as Wine Talks, unhas charlas que adaptan o formato americano das Ted Talks, con 15 minutos de duración cada unha, apoiadas en 15 fotografías, e que permitirán “dar a coñecer 8 personaxes e 8 viños dunha forma moi dinámica”, catro previstas para o domingo e catro para o luns. 

Ademais, Palau tamén fixo fincapé nas sesións do Vinomio, “protagonizadas por dous expertos vinícolas que dialogarán durante media hora sobre distintos temas mentres catan un viño”, e no Mercado do Viño, no que “estarán presentes os produtores que mellor representan o terroir e as tendencias dominantes do panorama vitivinícola galego para mostrar o gran potencial dos seus viños”, reunindo aos mellores profesionais e afeccionados do sector.

Pola súa banda, Xoan Cannas, director do Ingavi, que este ano celebra a súa décima edición, subliñou a importancia da celebración do primeiro concurso de cata por parellas que leva o nome de Batalla de Sumilleres, e que reunirá na súa primeira edición “a preto de 100 participantes que terán que enfrontarse ao reto de descifrar 5 viños a cegas en base a parámetros como a variedade de uva, país de procedencia, anada, chan e clima”. Farano a través dunha app que lles permitirá seguir en pantalla e a tempo real todo o que está a suceder, “xerando así unha sa competitividade”, dixo, “pero tamén dando pé ao debate e á reflexión a través do xogo”. Cannas aproveitou para agradecer a posta en marcha do Galicia Fórum Gastronómico polo seu papel divulgador e pola visibilidade que dá ao sector, ademais de “conseguir que cociñeiros e catadores teñan a oportunidade de compartir escenario con grandísimas figuras”.

Outra das novidades do Galicia Fórum Gastronómico presentadas hoxe foi o Cocktail Bar Fórum, “a marca baixo a cal se desenvolverán as actividades relacionadas coa coctelería e que tamén agrupará a aquelas empresas de destilados e bebidas vinculadas á mixología”, tal e como explicou Palau, que indicou que estará situado no interior do gran espazo WineCircus, con Bordello como partner, e coa participación de grandes nomes como Javier de las Muelas, Aurora Almenar, Federico Lombardi, Xabier Gorostiza ou Miguel Arbe.

Os responsables do GFG tamén lembraron que a gastronomía líquida completarase cun espazo dedicado en exclusiva á cervexa artesá, o Craft Beer Market Estrela Galicia,  patrocinado por Hijos de Rivera, que seguirá sendo na súa segunda edición “o lugar no que as empresas darán a coñecer o seu produto a un público profesional e gourmet” e que incluirá tamén unha Aula de Cultura Cervexeira, un espazo gratuíto onde se difunden os valores da cervexa artesá, impartidas por mestres cervexeiros de España e Portugal.

Ademais, haberá outros espazos como o Auditorio, a Ágora e o FórumLab, no que se darán a coñecer a través de cociñeiros, mestres de sala, sumilleres e empresarios as últimas novidades do sector e achegarse á diversidade de estilos que cohabitan na cociña, con relatoras de primeiro nivel, sesións temáticas de máxima especialización e presentacións de produtos e servizos, sen esquecer un gran espazo de restauración, o Cook Trends, no que os visitantes poderán degustar distintas opcións para todos os gustos e no que “a sustentabilidade seguirá sendo o fío condutor da oferta, que será 100% galega”. 

Todas as actividades son libres e gratuítas, previa compra da entrada xeral ao recinto.

PROGRAMA WINE CIRCUS

DOMINGO 25

10:30 a 11:00

Batalla de sumilleres, fase clasificatoria 1 

11:30 a 12:30 Vinomios

As claves para ser unha referencia mundial en enoturismo. Beatriz Machado, Adega Nieeport (Portugal) & Paula Fraga (INGAVI)  

A ciencia no mundo do viño. Ferran Centelles & Rubén López (Bullipedia)

13:00 a 14:00 Wine Talks

Ética e estética. Bernardo Estévez, Chans e Lus (Ribeiro)

A terra que deixamos. Evaristo Rodríguez, Adegas Moure (Ribeira Sacra)

A historia como valor do terroir. Antonio Amill, Boas Vides (Ribeiro)

Os viños do máis aló. Laura Lorenzo, Daterra Viticultores (Ribeira Sacra)

16:30 a 17:00 

Batalla de sumilleres, fase clasificatoria 2

17:30 a 18:30

Cata vertical: 25 anos de anadas históricas en Adegas Algueira. Fernando González & Pablo González

19:00 a 20:00 

A biodiversidade: o elo perdido do concepto global do terroir. François Chartier

LUNS 26

10:30 a 11:00

Batalla de sumilleres, fase clasificatoria 3 Vinomios

O servizo do viño no mellor restaurante do mundo. Audrey Dourei & Marta Cortizas, sumilleres (El Celler de Can Roca)

(R)evolución na sumillería. Tomás Ucha (Berria Wine Bar) & Ismael López (Casa Solla) Wine TalksHosting, a arte de recibir.Manuel Otero (Bido) 

Locais singulares, viños conceptuais. Mariña Fernández (Abastos 2.0) 

Emprender: volta ás orixes. Eduardo Padiola (Laguiña Lleux-dit) 

Os grand cru de Galicia. Xoan Cannas (INGAVI)

16:30 a 17:00 

Batalla de sumilleres, Gran Final  

19:15 horas a 20:00 horas

Josep Roca. (no Auditorio)

 PROGRAMA COCKTAIL BAR FÓRUM

MARTES 27

11.00 horas

Javier de las Muelas (no Auditorio).

12:00 a 12:40 Coctelería sustentable. R-evolution: reciclar, reutilizar, reducir. Aurora Almenar & Federico Lombardi (Paradiso, Barcelona)

(Actividade patrocinada Martin Miller) COCKTAIL BAR FÓRUM

13:00 a 13:45

Un brinde ‘Á Galega’.  Xabier Gorostiza

(Actividade patrocinada por Petroni) COCKTAIL BAR FÓRUM

17:00 a 17:45

Valores patrimoniais e clasificación dos destilados. Miguel Ángel Gómez (Augardentes de Galicia). (Actividade patrocinada por Marie Brizard) 

18:00 a 18:40

Da terra á copa. Carmen María Gayoso (Leirinas de Uz) & Miguel Arbe (Bordello, A Coruña). 

19:00 a 19:40. 

Novos momentos de consumo dos combinados. Lolo Remeseiro. 

(Actividade patrocinada por Royal Bliss)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.