O CGAC celebra os 20 anos de Lost in Sound cun cartel de luxo de música electrónica

Coucou Chloe.

Os próximos 15 e 16 de febreiro, a música electrónica volverá encher o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para celebrar 20 anos dunha exposición que supuxo un xiro de perspectiva na relación dos museos co público. Dúas décadas despois non cambiaron tantas cousas e volve ser necesario abrir o debate sobre a alta e baixa cultura, a música dance e os deseños discotequeiros.

O comisario da exposición que se inaugurou en 1999, Manuel Olveira, incitaba no seu momento á reflexión da crise da arte como xerador de universos visuais en beneficio da publicidade, a moda ou os videoclips. Non parece que vinte anos despois este debate estea pechado senón máis aberto que nunca, debido ao auxe de novos medios como Youtube ou Instagram. Drum «n» bass, house, ambient, techno, breakbeat, electro, future listening, acid jazz ou soul foron os xéneros que deron cita na exposición do 99, aos que haberá agora que engadir o trap e a música urbana.

Cunha entrada gratuíta ata completar aforamento, esta mostra, comisariada pola promotora I’ m The Mocker, traerá a Santiago a algúns dos artistas que están a renovar e creando novos códigos musicais e visuais. Un ciclo ambicioso para celebrar un momento único, abrir debates incómodos e levar a música de baile do século XXI ao museo.

HORARIOS COMPOSTELA CONVERSA – 20 ANOS LOST IN SOUND

VERNES – 15 DE FEBREIRO

19.00. Inauguración 20 anos Lost in Sound + debate Vinte anos non son nada? con: Branca Novoneyra, Manuel Olveira, Víctor Flores. Dirixe:  Santiago Olmo

20.30 – 21.45 – Jus Kno’

O proxecto Jus Kno’ xorde a finais de 2015 da man de Alex Aller (produtor musical) e Pablo Villanueva (artista visual).

22.15 – 24.00 – Viktor Flores

Non podía faltar por suposto, un dos djs de referencia en Galicia, Viktor flores, presenza obrigada xa que ademais formou parte daquel Lost in Sound e falará tamén sobre o que cambiou.

SÁBADO – 16 DE FEBREIRO

13.00 – El Cuerpo del disco

Yayo V e Eloi Vázquez, composteláns de adopción e residentes en Madrid, conforman desde fai cinco anos El cuerpo del disco, un colectivo de DJs e promotores que, aínda que se centraba en celebrar nas súas orixes o música disco máis orgánica, foi evolucionando abrindo as súas pistas a todo o espectro da música electrónica.

17.00 – Charla ‘Aínda aquí. Polvareda ou pouso cultural’ con Montse Rego, Chiu Longina, Lola Dopico. Modera: Manuel Olveira.

Montse Rego utiliza diferentes linguaxes: escultura, acción, vídeo e fotografía. Chiu Longina é artista sonoro e creador de espazos acústicos. Lola Dopico é profesora nas áreas de arte, deseño e tecnoloxía.

18.00 –  ‘Arriba e abaixo. O debate entre Alta e baixa cultura e a electrónica na era dixital’ con El Cuerpo del Disco, Jus Kno’, Virgen María. Modera: Víktor Flores

19.30 – 21.00 – Low Light

O dúo galego que triunfa no mundo, afeitos a traballar cos músicos máis importantes da escena urbana, é posible que usasen a etiqueta ‘ trap’ antes de que fora tendencia.

21.30 – 22.30– Coucou Chloe

A francesa visita por segunda vez España para o que será o seu único concerto, ademais do que dará dentro do festival Primavera Sound.

22.45 – 00.45– Virgen María dj

É o proxecto musical da produtora, DJ e performer María Forqué. O seu novo proxecto musical G.O.D. marca o camiño do que será a electrónica do futuro, mesturando ritmos latinos, produción experimental e estruturas de danza, creadas para caer nun transo meditativo onde o público e o artista fan unha conexión directa entre a sexualidade e a exploración interna.