O certame musical ‘Quero cantar’ busca a novos talentos galegos de ata 16 anos de idade

Bandas e solistas, infantís e xuvenís, poderán enviar as súas maquetas para participar no concurso «Quero cantar» até o vindeiro 15 de outubro ás 14.00 horas. O certame musical convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña chega a súa cuarta edición como unha iniciativa musical consolidada.

O requisito básico para participar na nova edición do «»Quero Cantar» é que a música e a letra sexan orixinais e inéditas, e que as persoas integrantes dos grupos se ateñan ao límite de 12 anos para a categoría infantil e de 13 a 16 anos para a xuvenil. Na categoría infantil admítese a colaboración dunha persoa que exceda o límite de idade.

Os premios consisten en cantidades de 1500, 1000 e 500 euros en material musical para os tres primeiros clasificados en cada categoría. A cancións gañadoras en ambas as categorías gravarán tamén cadanseu videoclip. Ademais, as cinco primeiras de cada categoría poderán gravar o tema en estudio e esa gravación incluirase nun CD que se lles entrega aos propios grupos e que se distribúe de xeito gratuíto a centros educativos de toda Galicia.

Coma nas edicións anteriores, o certame consta de dúas fases. Na primeira, un xurado formado por músicos e músicas profesionais determinará que cancións se inclúen no disco e que cancións deberán ser interpretadas en directo na gala final. Este evento ha ter lugar en outono no teatro Colón da Coruña. Durante a gala, un novo xurado, composto esta vez por rapaces e rapazas de idades similares ás establecidas para as categorías será o encargado de valorar as interpretacións e determinar así a posición final das candidatas.

O responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, fai un chamamento ao profesorado e ás familias a que animen e colaboren coa rapazada para a presentación das súas cancións porque «vai ser unha experiencia emocionante e enormemente enriquecedora, sen preocuparse por gañar ou non gañar, o verdadeiramente importante é ese empurrón para desenvolver a propia creatividade dos nenos e da mocidade».

Sobre os froitos das anteriores convocatorias, o responsábel da Deputación manifestou que «están aí os discos previos, están na rede as cancións e as maquetas das edicións anteriores e estamos certas de que isto vai ir cada vez a máis. É enorme o talento por desenvolver da xente nova deste país, e estar aí para axudala é unha gran satisfacción».

As persoas interesadas poden ampliar información consultando as bases na páxina web www.querocantar.gal ou contactando coa organización do certame a través das súas redes sociais. Entre as innovacións nas bases desta cuarta edición salienta o feito de que o único xeito admitido para o envío de propostas é o telemático.