fbpx
GaliciaNovas

O Asador O’Pazo colabora na reforestación de Chandebrito, zona cero dos incendios forestais de 2017, co seu novo menú ‘Rescaldo’

O chef Óscar Vidal.
O chef Óscar Vidal.

O Asador O’Pazo presenta esta semana ‘Rescaldo’, un novo menú degustación composto por máis dunha decena de pratos elaborados con produtos de calidades premium e cun mesmo denominador común: todos eles, desde os entrantes ata as sobremesas, están preparados na brasa do mítico establecemento padronés.

Tras unhas primeiras semanas de rodaxe no restaurante que serviron para pechar todos os detalles en torno ao menú e testar a súa boa acollida entre os comensais, a dirección do asador pertencente ao Grupo Hotel Scala quixo dar un paso máis e unir a presentación de Rescaldo cunha iniciativa solidaria. Así, todos aqueles que gocen desta nova proposta gastronómica estarán a colaborar con “Árbores de Cinza”, unha iniciativa posta en marcha para recuperar o bosque autóctono galego tras os graves incendios forestais de 2017 á que o restaurante doará unha porcentaxe por cada menú que sirva.

Óscar Vidal e a paixón pola brasa

Tras interesarse moi pronto pola cociña debido á tradición hostaleira da súa familia e formarse neste ámbito no prestixioso CIFP Compostela, o chef Óscar Vidal leva desde os seus inicios ao mando dos fogóns do Asador O’Pazo. Así, a proposta gastronómica do restaurante ha ir evolucionando á vez que o seu chef, centrándose na actualidade na brasa, pola que Vidal sente auténtica paixón.

En Asador O’Pazo os comensais poden gozar de elaboracións sinxelas e sen demasiados floreos, tratadas sempre co selo persoal do chef Vidal e tendo como base a alta calidade das súas materias primas: as mellores carnes premium, peixes e mariscos das rías galegas e vexetais da horta padronesa. Como complemento á súa extensa carta, dispón ademais dunha ampla adega de viños das diferentes denominacións de orixe nacionais e de espirituosos de alta gama, o broche de ouro perfecto a calquera comida ou cea.

“Árbores de Cinza”

“Árbores de Cinza” é unha iniciativa posta en marcha pola asociación Galicia Ambiental tras os graves incendios forestal que arrasaron a nosa comunidade en 2017, co obxectivo de sensibilizar á poboación na importancia de manter o bosque autóctono e recadar fondos para a reforestación de Chandebrito, zona 0 deste desastre ambiental.

Tras unha exitosa campaña coa que se conseguiron plantar máis de 2.000 árbores no bautizado como “Bosque da Memoria” da localidade nigranesa, así como realizar labores de divulgación en diferentes centros escolares de Galicia; para 2019 a iniciativa continuará impartindo conferencias e charlas divulgativas e axuntando esforzos coa comunidade de montes de Chandebrito e doutro lugar aínda por seleccionar para o desenvolvemento de novas plantacións de especies autóctonas. É a esta terceira fase do proxecto á que se destinarán os fondos recadados polo Asador O’Pazo.