Novos premios e unha gran final na úndecima edición do concurso de tapas Santiago(é)Tapas

Sara Santos e Marta Lois. Foto: Concello de Santiago

Sara Santos e Marta Lois. Foto: Concello de Santiago

O 15 de novembro arrancará a undécima edición de Santiago(é)Tapas, concurso de tapas da cidade, e farao cheo de novidades. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, coorganizadores do evento que se desenvolverá ata o 2 de decembro.

Unha das principais novidades é que este ano o concurso terá unha gran final, na que participarán 10 tapas finalistas. A organización comunicará públicamente o día 3 de decembro o listado destas dez tapas, escollidas por un xurado profesional. A gran final celebrarase do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa.

Outra das novidades importantes da edición deste ano é unha nova distribución dos premios do concurso. Haberá un Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros, un Segundo Premio Santiago(é)tapas, dotaco con 500 euros, e un Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.

Ademais, este ano o público premiará directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros euros e a segunda con 300 euros.

A maiores, este ano modifícase o premio PREMIO(É)TAPAS+ co obxecto de dinamizar o concurso a través das redes sociais. O premio está aberto por primeira vez a participación de calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das seguintes redes sociais: Facebook, Twitter, Instagram e Youtube. Este premio está dotado con 700 euros.

Finalmente, outra das novidades principais da edición deste ano é que se lle da liberdade aos locais participantes a que fixen o prezo das súas tapas a concurso, cun mínimo de 1,5 euros e un máximo de 3,5. Todas as tapas deben incluír polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.