Novo Cinema Galego III: Felipe Lage, o mecenas do cinema de autor

 

Felipe Lage. Foto: Tamara de La Fuente

Felipe Lage. Foto: Tamara de La Fuente

Nesta serie sobre o ‘Novo Cinema Galego’ non podía faltar a visión dun produtor, máis centrada no financiamento pero igual de fundamental para garantir a supervivencia do cinema. Felipe Lage é o responsabe de Zeitun Films, que alumou algunhas das películas máis significativas do cinema galego recente. Móstrase preocupado polo financiamento das películas e o papel da Administración. “O valor do cinema debe estar na súa contribución á sociedade, non nos números que faga”.

Como vai a carreira de “Mimosas”, de Oliver Laxe?

Estreámola no festival de Cannes en 2016 e está a funcionar bastante ben. Tivo a sorte de gañar o Gran Premio da Semana da Crítica. Estreouse en salas comerciais de varios países e en festivais por todo o mundo. Conseguiu superar as nosas expectativas.

Como ves o panorama audiovisual en Galicia?

A nivel creativo está nun momento fantástico. Hai xente que leva tempo traballando, cada vez con mellores proxectos. Saíu unha nova xeración de novos talentos con moitas ganas e creatividade. O bo é que parece que veñen máis.
No lado de financiamento de proxectos, vívense momentos moi difíciles. Desde 2008 o financiamento do cinema, e da cultura en xeral, viuse afectada pola crise. Isto motivou que a talla de proxectos fose minguada e que só se puidesen realizar de forma artesanal, fóra da industria, o cal nun país desenvolvido como o noso non debería de pasar.

Pensas que en Galicia hai apoio para o cinema de autor?

A parte das subvencións da administración autonómica (AGADIC) é unha pata, pero falta apoio por parte da TVG. Apóianse a moi poucos proxectos e con cantidades pouco axeitadas.

En Zeitun Films producistes algunhas das películas máis premiadas e representativas do ‘Novo Cimema Galego’ como “Mimosas” (Oliver Laxe),”Costa da Morte” (Lois Patiño), “O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser” (Alberto Gracia), “Arraianos” (Eloy Enciso). Estes directores e películas teñen algún nexo en común?

Unha vontade por parte dos creadores de crear, de dar saída ao seu mundo interior. Son xente con amor e respecto polo cinema e conseguírono transmitir aos seus proxectos. Ademais, case todos eles arrincaron na non ficción e outros rexistros híbridos. Tamén teñen as características de formarse fóra de Galicia. O bo é que puideron volver e traballan en Galicia e desde Galicia. Pero é triste ter que irse para obter unha formación de alto nivel que lles conecte coas vangardas, como en Barcelona ou en Cuba.

Que criterio seguides en Zeitun Films á hora de decidirvos por unha produción?

Hai distintos criterios. A nosa participación en proxectos foi natural e case espontánea. Empezamos en 2009 cunha produción de Oliver Laxe (refírese a a primeira película do seu irmán, “Todos vos sodes capitáns”), que comezou sendo unha autoproducción e acabou solicitando o meu apoio. Lanceime a facelo sen ser produtor de cinema e logo decidín continuar atento a outros proxectos en Galicia de xente coa que tiña contacto; amigos pertencentes ao noso círculo e que por afinidade nos subimos a bordo dos seus proxectos. Este foi o camiño inicial.
Agora temos outros criterios aínda que me chegan máis proxectos interesantes dos que son capaz de facer.

Cales son as maiores trabas coas que vos atopades á hora de producir?

O financiamento e a burocracia, que non axuda.

Desde aquí, queres facer algunha reivindicación á Administración?

Reducir a burocracia e apoiar máis ao talento. Así mesmo, hai un baixo número de produtores. Deberíase de apoiar que emerxesen novos produtores con enerxías frescas e ideas. Hai máis creadores que produtores. Hai que facer un camiño xuntos e por esa razón non saen adiante moitos proxectos, por non existir produtores nin financiamento para todos. Son máis os chamados que os elixidos.

Pensas que a coprodución é a solución?

Non. A coprodución debería de ser algo que complete a produción no exterior, non ao revés. Deberiamos de obter o 85% da produción dos nosos propios recursos e logo traballar cun país que achegue o outro 15%, como foi o caso de “Mimosas”.

Felipe Lage conclúe cunha frase moi reveladora sobre as verdadeiras intencións desta falta de apoio ao cinema de autor: “Parece que non se ten ganas de que a sociedade estea formada, culturizada e atenta ao que pasa”.

A cultura é poder.