Nove películas e cociña árabe na Semana de Cine Euroárabe AMAL

Anxo Lorenzo y Ghaleb Jaber Martínez, na presentación.

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou a programación da décimo séptima Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2019 no hotel Eurostars Araguaney de Santiago. No acto participaron o presidente da Fundación Araguaney- Puente de Culturas e director do Festival Internacional de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; e o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo. A semana de cinema celebrarase entre os días 21 e 25 de outubro no Teatro Principal ( rúa Nova, 21) de Santiago.

Ghaleb Jaber Martínez agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, que una ano máis é fiel á iniciativa, e ao Concello de Santiago pola súa cesión do Teatro Principal para dar cabida ao festival. Destacou que esta edición enmárcase baixo o lema “17 anos facendo Compostela contigo”, un título co que se pretende evidenciar a estreita vinculación de Amal coa cidade de Santiago, tamén con toda Galicia e mesmo co exterior traspasando fronteiras, xa que como anunciou o director do festival hoxe presentábase tamén en Santander o ciclo Amal en Ruta. “Fai dezasete anos que empezamos esta aventura, e continuamos hoxe en día facendo un festival de cinema euroárabe en Compostela, porque esta é a nosa cidade, o lugar onde nacemos” –indicou–.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo indicou a “ vitalidade e saúde” do panorama audiovisual galego, no que segundo explicou está perfectamente albergado o festival AMAL, un tipo de audiovisual que “non é habitual nos circuítos comerciais e tampouco nos especializados”. Tamén apuntou que Amal tratará como é habitual problemáticas propias destas áreas xeográficas, como son os conflitos armados, a infancia, a muller ou o fenómeno migratorio.

Sesión inaugural gratuíta e películas a tres euros

Durante a semana, proxectaranse nove películas – 5 documentais e 4 longametraxes de ficción–, que segundo Jaber Martínez achegarán ao público de Compostela e do resto de Galicia unha proposta chea de diversidade cinematográfica, que este ano presenta cintas de “gran calidade que sorprenderán aos espectadores”, moitas delas estreas en España. “Como compostelán síntome orgulloso do noso público, xa que sodes vós os que facedes desta cidade un lugar marabilloso onde todo pode ser posible, incluso un festival de Cinema Euroárabe como Amal” –engadiu–.

A sesión inaugural de AMAL 19 será o luns 21, ás 20:00 horas –entrada gratuíta–, co documental “La guerra empieza aquí”, dirixida polo director bilbaíno Joseba Sanz. O 13 de marzo de 2017, Ignacio Robles, bombeiro de Bizkaia, negouse a participar nun operativo de seguridade no porto de Bilbao. A manobra tiña como obxectivo o envío de toneladas de armamento fabricado en Euskadi a Arabia Saudita. Tras ver o documental, o patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria ( IECAH), Jesús Núñez Villaverde, ofrecerá unha conferencia titulada “Supermercado de armas: negocio e poder”. Sobre esta cuestión, Jaber Martínez explicou que o comercio de armas é actualmente un dos negocios máis lucrativos e rendibles do mundo xunto á Trata de Brancas.

O resto da semana contará con dous pases diarios, un ás 20:00 horas e outro ás 22:00 horas, cun custo de tres euros por entrada que se poderán adquirir o mesmo día da proxección na billetera do Teatro Principal de 18:00 a 22:00 horas ou na páxina de venda online de ABANCA. As outras películas de AMAL 19 son: “ Sky and Ground” (Martes-22, ás 20:00 horas); “ Look at me” (Martes-22, ás 22:00 horas); “ Yomeddine” (Mércores-23, ás 20:00 horas); “Hamada” (Mércores-23, ás 22:00 horas); “Soufra” (Xoves-24, ás 20:00 horas); “Mafak” (Xoves-24, ás 22:00 horas); “Renault 12” (Venres-25, ás 20:00 horas); e “ Capharnaüm” (Venres-25, ás 22:00 horas).

Un galego facendo cinema árabe

Outra das películas que se poderán descubrir en AMAL será “Hamada”, un documental dirixido polo galego Eloy Domínguez que realiza un retrato insólito, con matices de humor, dun grupo de tres novos amigos de 25 anos – Zaara, Sidahmed e Taher– que viven nun campamento de refuxiados no medio do deserto do Sahara. Xuntos usan o poder da creatividade e a diversión para denunciar a realidade que lles rodea e expandirse máis aló dos límites do campamento. Unha vez proxectado o documental, o público poderá asistir ao coloquio “ Po, area e soños: un achegamento á realidade do Sahara Occidental”, no que o propio director e un saharaui residente en Galicia, Wage Kori, analizarán e compartirán as súas experiencias.

Cociña árabe

Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, onde se ofrecerá aos comensais un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que achegará á proposta o seu toque persoal, pero conservando as características e propiedades da “marabillosa e saudable” cociña árabe.

Consulta aquí o programa completo do Festival Amal.