fbpx
CompostelaNovas

Nove bandas en cinco espazos singulares de Compostela no novo ciclo de concertos de TerraZeando

Presentación de TerraZeando 2019.
Presentación de TerraZeando 2019.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Álvaro Álvarez da asociación Desconcierto Cultural, presentaron esta mañá no NH Collection Santiago a programación do TerraZeando. Ciclo de concertos ao fresco. O ciclo chega á súa oitava edición con cinco concertos que presentan a nove bandas diferentes en espazos singulares de Compostela.

Nesta edición, os escenarios do ciclo serán a praciña do Olvido, o propio hotel NH, a terraza da Fundación SGAE, o Hotel Costa Vella e o parque de Galeras, dende o xoves 27 de xuño ata o martes 30 de xullo. Todos os concertos serán ás 20:00 h (agás o do día 17, que será ás 21:00 h) e con entrada de balde ata completar a capacidade dos espazos.

TerraZeando é o ciclo estival da Asociación Desconcierto Cultural co que se pretende aproveitar lugares especiais que raramente son empregados na música en directo. Espazos que por si mesmos son capaces de amplificar as emocións e sensacións xa xeradas por un concerto. Terrazas, parques e espazos singulares de Compostela que polo seu magnetismo dan lugar a noites inesquecibles.

O ciclo volve na que xa é a súa oitava tempada, con cinco noites de música que albergarán a nove bandas en total, nas que teremos a escura intensidade María Guadaña, o garaxe rock de The Pretty Shirts, o encontro entre Atlántico e Mediterráneo que protagonizarán os galegos Os Amigos dos Músicos e os valencianos Gener, o power pop de Monnone Alone, o folk rock de Martin Frawley, o art pop dos vigueses Ghost Beast, e o eclecticismo musical de propostas como Cool Sounds e Lachlan Denton.

Os concertos do ciclo son gratuítos grazas ao traballo desinteresado dos socios de Desconcierto Cultural; ao apoio do Concello de Santiago, ao dos patrocinadores (Cervezas Alhambra, Fundación SGAE , Vermú Lodeiros); ao dos colaboradores (Hotel Costa Vella e NH Collection Santiago) e aos espazos nos que se levan a cabo os concertos.

Os Amigos dos Músicos
Os Amigos dos Músicos.

PROGRAMA

Xoves 27 de xuño | Praciña do Olvido | María Guadaña + The Pretty Shirts |

The Pretty Shirts (A Guarda): cunha formación clásica de guitarra, baixo, batería e voz, The Pretty Shirts dan forma a unha proposta de garage rock elegante, que a golpe de riffs de calidade e guitarras retorcidas, que xunto con matices sutís, fan de cada canción unha mostra de paixón propia do soul, do blues e do rock and roll máis cru.
María Guadaña (Jaén): rock de arrabal, post punk melancólico, folklore urbano, cabaret milenarista…. ¿Qué máis da? María Guadaña consegue estremecer cos recursos da sua agridulce garganta, a poesía da sua pluma e unhas referencias musicais que a acercan a PJ Harvey ou Mark Lanegan.

Mércores 03 de xullo | Hotel NH Collection Santiago | Os Amigos dos Músicos + Gener |

Gener (Valencia): Gener constitúe unha das propostas máis interesantes do pop que neste intre se fai no estado. Con tres discos de altísimo nivel no mercado, veñen por primeira vez a Galicia a presentarnos o último, “Cante el cos elèctric”, cun pop moi luminoso, por veces cercano tamén a elementos do soul blanco.

Os Amigos dos Músicos (Ourense): situada no primeiro plano da musica popular contemporánea feita en Galicia, a banda presentará en Santiago o seu novo álbum, “Segundo Fogar”, de novo unha obra colectiva, na que todos compoñen e cantan, con coidadas letras, e con reminiscenciasmusicais de ambos lados do Atlántico.

Mércores 10 de xullo | Terraza da Fundación SGAE | Monnone Alone + Martin Frawley |

Monnone Alone (Australia): aínda que o nome pode suxerir o contrario, Monnone Alone é un grupo de indie pop liderado por Mark Monnone (ex- Lucksmiths) e que conta con reputados membros doutras bandas importantes de Australia (Last Leaves, Architecture in Helsinqui). Virán a presentarnos o seu segundo álbum titulado “Summer of the Mosquito”, un disco audaz, enérxico e voluptuoso, onde predomina a canción pop, as belas melodías e os cristalinos arranxos de guitarra de 12 cordas.
Martin Frawley (Australia): abrindo a noite para Monnone Alone teremos a Martin Frawley, excantante e guitarrista dos marabillosos Twerps. O seu primeiro disco en solitario debaixo do brazo, “Undone at 31”, constitúe unha boa colección de cancións que constitúen todo un tratado pop.

Mércores 17 de xullo | Hotel Costa Vella | Ghost Beast 

Ghost Beast (Vigo): Electrónica e art-pop, nas súas versións máis solemnes e profundas; sintetizadores que gañan en protagonismo ás guitarras, ritmos programados que se mesturan con baterías de son contemporáneo…cancións amplas, minimalistas, evocadoras e envolventes que acadan toda a súa dimensión nun directo de son tan espectacular como coidado e onde estas pezas perden contención gañando en matices e complexidade.

Martes 30 de xullo | Parque de Galeras | Cool Sounds + Lachlan Denton|

Cool Sounds (Australia): baixo a influencia dun amplo grupo de compositores e bandas, dende o soft rock dos anos 70 de Todd Rundgren ou Fleetwood Mac ata os indies modernos como Deerhunter e Ariel Pink, Cool Sounds crean música pop de guitarras, chea de arranxos e fermosas melodías.
Lachlan Denton (Australia): tamén un australiano abrirá a noite para Cool Sounds. Inspirado por compatriotas clásicos coma The Go- Betweens ou Paul Kelly, o enfoque directo e sinxelo de Denton na composición de cancións dálle ás súas melodías espazo para brillar á vez que ofrece unha visión xenuína da súa vida e pensamentos.