Nova York-Tertulia

Por Ruth Ríos

Descubrín o Café Tertulia nun caloroso verán. A súa terraza convidaba a tomar o aire. Despois, cando o frío comezou a aumentar, un día botei unha ollada ao interior do local. O seu ambiente, a súa decoración e a súa variedade de doces convencéronme de que, a partir dese momento, sería un lugar perfecto para quedar con amigas ou facer unha pausa no traballo diario durante o duro inverno compostelán.

O soño de John e Montse (os xerentes), naceu en 2011, tras “deixar os nosos respectivos traballos e lanzarnos á aventura”, recorda John.

Esta cafetería caracterízase polo seu encanto, que apreciamos en canto entramos e recíbennos unha serie de pequenas mesas coidadosamente decoradas con manteis dunha suave cor azul, a xogo coas paredes. Se temos sorte, poderemos ocupar unha das mesas do recuncho á beira da entrada, cuxo sofá pegado á xanela convida a unha longa merenda. 

Os cadros das paredes terminan de crear a sensación de estar no salón da nosa casa.

Se buscamos máis intimidade, o local dispón doutro espazo máis pequeno, onde atoparemos tres mesas, dúas delas situadas á beira dunha porta de cristal que en días de sol permítennos arrolarnos cunha apracible luz natural e algo de brisa, xa que se pode acceder directamente á terraza.

Aquí o ambiente vólvese especialmente acolledor. Mobles de madeira en verde pastel propoñen que gocemos dun café e un anaco de torta iluminados por unha pequena lámpada de teito e rodeados por vetustas paredes de pedra.  As horas voan neste lugar.

Cando chegamos ao local, John estaba a esperarnos co seu mellor sorriso e unha irresistible selección de doces a cal máis rico e colorido. Os amantes de Instagram tedes aquí a mellor inspiración.

Os tres cafés, un deles  decorado coa frase “Pincha Mola” (grazas polo detalle), viñeron acompañados dun anaco de torta de queixo fría con base de galleta e cobertura de frambuesa, e outro de “carrot cake”, cun toque de noz e manteiga. Este é o doce estrela do Tertulia, segundo relata John.

Ademais, puidemos gozar dunhas tortitas quentes e esponxosas, de receita “newyorkina”, que viñan sensualmente acompañadas de sirope de chocolate, caramelo e, por suposto, nata. Aquí cada cal deixará voar a súa imaxinación para decidir a combinación que máis lle guste.

Tamén puidemos degustar un pan recén feito que recubrín de chocolate e co que regresei á miña infancia.

E para terminar, pedimos un muffin. Aquela tarde só quedaba o de chocolate,  ao que engadimos sirope de chocolate, pero recoméndovos que pidades tamén o de arándano.  O arándano do interior dalle unha textura cremosa, que o converte nunha delicia para compartir. Se o dividides en pequenos anacos, veredes como, sen darvos conta, desaparecerán do prato mentres segue a vosa conversa.

Por suposto, todo viña presentado nunha encantadora vaixela de estilo victoriano.

John confesa que o café é especialidade da casa. “Poñemos moito corazón e orgullo e nos gusta pensar que é un cariño e un arte que só se consegue conxugando moitos detalles”. Tamén destacan os biscoitos de laranxa, chocolate, cenoria con noces e agora de té matcha.  

Sinalar que un dos aspectos máis agradables do Café Tertulia é o seu persoal, sempre cun sorriso e disposto a recomendarche o mellor doce para unha merenda inesquecible.

Persoalmente, desde que atopei este sitio, procuro levar a todo aquel que non o coñece, sexa compostelán ou visitante.  É un local ideal para un bo almorzo, sobremesa ou merenda. Despois poderedes ir dar un paseo ao próximo Parque de Galeras,  un enorme espazo verde que discorre á beira do río Sarela.

Café Tertulia

Rúa Pombal, 2

Santiago de Compostela

981 59 65 79

Aberto todos os días de 07:30 a 00:00, excepto sábados e domingos nos que abre ás 08:00.