fbpx

#NONalíes, así é a campaña de Hostalaría Compostela e a USC para concienciar sobre o ocio responsable

A USC e Asociación Hostalaría Compostela presentaron este mércores unha campaña dirixida a concienciar ao alumnado da necesidade de desenvolver un ocio responsable. A través das redes sociais, difundiranse unha serie de vídeos, entre outro material divulgativo, destinados a fomentar o cumprimento das normas ditadas polas autoridades sanitarias, o cal supón “a reconquista, a recuperación de espazos e hábitos que a COVID nos foi roubando”, tal e como sinalou o director do Gabinete do Reitor, Carlos Toural Bran.

Sara Santos, presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, e Sergio Fernández, membro da xunta directiva da entidade, destacaron que “o ocio responsable prodúcese nos establecementos de hostalaría”. Ambos incidiron en que os locais de hostalaría son espazos seguros, nos que hai que cumprir unha serie de medidas de hixiene e control. “O ocio é necesario pero non podemos baixar a garda”, apuntaron.

O xerente  Javier Ferreira subliñou que a USC conta xa con preto de 250 alumnos e alumnas voluntarias que ao longo do curso desenvolverán labores de concienciación entre os seus compañeiros e compañeiras para potenciar hábitos e condutas saudables, así como a responsabilidade individual de cada quen. “Debemos conciencialos da necesidade de cambiar os usos horarios”, apuntou en relación aos horarios de peche das instalacións hostaleiras como consecuencia das restricións sanitarias.

Máscara facial en todo momento

O xesto de sacar a máscara só no intre exacto de consumir, mantendo a boca cuberta o resto do tempo, é o aspecto que destaca nun dos vídeos o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira. A intención é que esta campaña, que se difundirá xunto ao cancelo #NONalies e que está dirixida aos máis de 25.000 mozos e mozas matriculados na USC, siga medrando e poda chegar a aglutinar a outros membros da comunidade universitaria, institucións e mesmo outras organizacións e asociacións.