fbpx
CompostelaDe baresGastronomíaNovas

Non vos deixedes enganar: Un bar é un negocio esencial!

Manifestación de hostaleiros celebrada en novembro en Santiago. Foto: Iván Barreiro

Podería encher esta reportaxe con cifras. Canto supoñen os bares para o produto interior bruto, cales son as cifras de emprego que xera o turismo, cantos millóns de perdas van nos hoteis, cantos negocios de restauración van pechar e canta xente rozará ou pasará directamente á pobreza… Pero voulle poñer nomes: O meu primo Gonzalo -do Conga 7- confesa que hai que facer números para comer, menos mal por ter familia e parella que botan unha man. Mikel -da Reixa- di preocupado que xa pouco máis haberá que esperar a que os desafiúcen os caseiros, porque as rendas e os impostos hai que seguilos pagando. Gonzalo -de Argentinos Burguer- botou en falta aos provedores, comerciais, influentes gastronómicos e clientes da hostalería na manifestación, porque é cousa de todos! Pili –do bar Manolo- quéixase de que cando non é a burocracia é o medo e cando non… E de paso dixo que me botaba de menos.  José -de La bodeguilla de Santa Marta- xa nos desexou feliz Nadal polas redes, contando de non poder abrir. A última vez que vin a Greta –do Agarimo- case nos botamos a chorar coa pena de ver as rúas baleiras. Que xa case tomar un café, semella que traficas con heroína. Sara –do hotel Rúa Villar- aínda non entende como pode haber establecementos abertos. “Como se manteñen!?”, cuestiona. Podo seguir. Todos temos exemplos.

Os bares, restaurantes, hoteis, pubs, tascas, garitos, afteragüers, karaokes e discoteques tamén son negocios esenciais. E os seus son traballadores, moi esenciais!

“Esenciais son todas as actividades, cando hai traballadores e familias que dependen delas”, espeta Jesús Peón, da cafetería Polígono. “Ter un local pechado e seguir pagando os impostos é ser non esencial? Pois que me expliquen quen decide como, que e quen é esencial e quen non. Entón non deberíamos pagar impostos, non? Que lle pregunten á xente que tivemos que despedir, á xente que está no paro… Que lle digan que non son esenciais, a eles e aos seus fillos! Todos ocupamos un lugar. Todos somos esenciais”.

A realidade é que os políticos só contan números, as leis só ven cifras, o sistema non analiza casos e ninguén pensa nas persoas.

“Xente que ben de traballar facendo 100 ou 200 quilómetros e non se lle da de comer?! Hai 8.000 persoas traballando no Polígono do Tambre e onde están os servizos mínimos para esa xente. Onde se cambian? Onde almorzan? Non poden tomar un café! Non teñen onde parar… Un sector que se considerou moi importante na primeira ola, que foron os camioneiros… Agora que pasa? Non lle damos un prato quente? Non teñen onde comer. Non teñen onde asearse. Non teñen onde descansar! Hai moitos que traballan toda a noite. Toda a noite!! E a onde chegan pola mañá? Onde se cambian?? Teñen que coller o café e marchar para fóra, a tomalo na rúa. Baixo a choiva!! Onde hai espazos habilitados para a xente? Haberá un 20% de xente que estea en oficinas, pero o resto están nas naves!”… -E non hai bares, Suso! E non hai bares. Remato con tristeza a súa realidade e a de todos (cando escribimos esta reportaxe a hostalaría só podía traballar en Santiago co servizo para levar). 

“É todo moi inxusto. A xustiza tamén nos desampara, co toque de queda xuridicamente non temos nada que alegar os que tivemos que pechar negocios da noite. É todo unha cuestión política. E as comparacións son odiosas e se miramos as estatísticas en proporción de afectados polo COVID-19 e cantidade de habitantes… E as medidas que non son iguais para todos… Porque non se aplica aos centros comerciais, pero si as discotecas! Os políticos toman decisións sen criterios. En que se basean? Non é pola saúde, nin sequera! E as leis en ningún caso pensan nas persoas. E digo máis, non se trata de que nos dean axudas. Trátase de que se nos deixe traballar!! Temos que comer!! Axudas agora… E dende marzo, que?! Merecemos respecto. Que teñan reunións periódicas con nós. Merecemos información”, reclama.

Recollendo cafés para levar no Café Bar Polígono, no Polígono do Tambre, en Santiago. Foto: Iván Barreiro

Pero ademais do endebedamento, Suso fala dalgo moi importante. “E o dano psicolóxico? Unha multa págala, unha subvención devólvela. Pero un problema de saúde non se soluciona dun día para outro e co risco de que pode traer secuelas a curto prazo. Porque a xente está desesperada, ten moitísimo medo. Fatal. A xente séntese sucia. Vixiada. Aquí no Polígono teñen que vir polo café e andar escapados. Teñen que botar o azucre dentro do capó do coche, xa logo parecemos delincuentes. Parece unha ditadura!”. Tanto para os que non poden abrir os bares, como para os que non podemos ir a eles!

Porque son comerciais, camioneiros, traballadores da construción, repartidores… pero os que vivimos sós, os que non teñen familia, os que están lonxe da súa casa… Por que non temos ese dereito esencial de ir ao bar?!!

Para todas as administracións, os políticos(as), expertos(as) e toda esa xente que pensa que os hoteis, restaurantes, bares, pubs, tascas, garitos e discotecas non son esenciais… Eu pregunto: E cando moitos deses negocios pechen definitivamente e moitos acabemos sen traballo… Quen vai pagar aos médicos para curar o coronavirus? Ou calquera outra cousa, ollo!!

Non está demais recordar que cada persoa non esencial da hostalería; cada local de restauración non esencial; cada hotel, pensión e albergue non esencial; cada pub e sala de festas non esencial; os chiringuitos das verbenas non esenciais: están cheos de persoas esenciais, que fan un traballo esencial e que contribúen esencialmente ao ben común e a que moitírmos comamos!

Un político non me vai dicir a min, que os meus amigos Sara, Pili, Mikel, José, Gonzalo meu primo e Gonzalo o da Estrada, Greta ou Suso non son esenciais! Porque todos eles contribúen e cotizan, pero ademais prestan un servizo esencial, tamén para o benestar mental. Non vos esquezades que a moitos o único que lles queda ao final do día, son os bares!

Así que como non me deixan ir a eles, escribo deles. Porque que non vos enganen: OS BARES SON NEGOCIOS ESENCIAIS!