fbpx
CompostelaEntrevistas

Noa Díaz, propietaria da Cafetería Lasso: “Do noso bufete valoran a variedade e que é unha cociña sa”

Noa Díaz e a súa parella xestionan a cafetería do Auditorio desde fai un ano. Foto: Iván Barreiro
Noa Díaz e a súa parella xestionan a cafetería do Auditorio desde fai un ano. Foto: Iván Barreiro

Lasso cumpriu un aniño o 22 de novembro. Na revitalizada cafetería do Auditorio de Galicia serven unha media de 60 comidas diarias, co seu concepto de bufete de autoservizo. Á súa fronte está Noa Díaz, unha xa experimentada hostaleira que viña do mundo da noite. Xunto coa súa parella, rexentou durante sete anos o pub Ultramarinos, despois de traballar na Casa das Crechas.

Como foi este primeiro ano de vida do Lasso?
Moi bo. A idea xurdiu porque eu levaba moito tempo con ganas de que en Santiago houbese un bufete de ensaladas. Ao principio tivemos un par de meses para situarnos nós pero pouco a pouco empezou a funcionar. Había moita expectación cando abrimos. Temos xente que viña na anterior etapa e regresou e outra que probablemente aínda non sabe que o Auditorio volve a ter cafetería. Axúdanos moito o boca a boca. Todos os días vén alguén novo.

Pola vosa situación teredes moita clientela da universidade…
Si, vén moita xente da universidade. Máis profesores que estudantes. Tamén os traballadores do Auditorio e os que van actuar. Pero ademais temos clientes doutras zonas de Santiago que teñen aquí un sitio onde comer ben e con fácil aparcamento. Incluso moitos grupos porque temos un espazo grande. Moita xente repite, que é algo moi gratificante.

Por que cres que repiten?
O que destaca moito a xente é que non é o típico bufete no que tes aí a comida dúas horas. Intentamos ir repoñendo a medida que se vai consumindo a comida para que saia o máis fresca posible. Tamén valoran a variedade e que, aínda que non o pretendamos, é unha cociña bastante sa. Gusta moito ademais o de poder ver a comida antes de elexir e o de xestionar ti o tempo como queiras. E, por suposto, polo espazo que temos, coa galería coas vistas ao Parque da Música.

Abrides de luns a venres só ata as 17:00 e só traballades de noite ou en fins de semana se hai algunha actuación no Auditorio. Debedes de ser a envexa de toda a hostalaría compostelá!
Si (risos). A verdade é que no Ultramarinos pasámolo moi ben. Temos traballado moito e é un sitio que aínda hoxe, moitos o recordan. Pero traballar na noite eu penso que é para unha época. Despois o corpo xa pide descansar. Decidimos poñer este horario porque pensamos que polas tardes non funcionaría e o certo é que para ser hostalaría somos uns privilexiados.

Tamén hai espazo no Lasso para a cultura?
A nosa idea é programar actuacións de pequeno formato. Fixemos algunha cousiña xa. Unha actividade que se llama ‘A modo’, que consiste nun día de actividade na cafetería, para tomar con calma, cun brunch, sesión vermú, visita á exposición do Auditorio, algún xogo polo parque para nenos… E tamén temos a idea de facer ceas con música en directo. Ademais a Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza aquí todos os meses unha actividade que se chama ‘Escaramuzas artísticas’, que son debates sobre temas relacionados co audiovisual.