No Milladoiro tamén hai bares!

Manuel Segade rexenta o local no que antes seu pai tivera unha barbería. Foto: Iván Barreiro.

Manuel Segade rexenta o local no que antes seu pai tivera unha barbería. Foto: Iván Barreiro.

Aínda que non o creades, hai vida máis aló de Santiago… E bares!! Malia que lle chamasen cidade dormitorio durante anos, os que durmimos no Milladoiro, tamén mercamos aquí, visitamos a peiteadora, coñecemos bos cociñeiros e reposteiros, comemos, imos de bares  e ata ao karaoke!!

No Milladoiro contas máis de 50 establecementos onde tomar un viño, café, comer, probar un pastel, coller comida para levar e mesmo cantar alzando un “guai lai”! Escribir de todos levaríame oito revistas, así que escollo dous.

Comecemos por A Barbería. Manuel Segade, quen rexenta o local, prepárache o mellor e máis rico capuchino que podes atopar en quilómetros á redonda, incluíndo Santiago… (Síntoo, picheleiros. Éche o que hai!!) Neste bar, tivo o pai, hai 40 anos, unha barbería. Daquela no Milladoiro había catro casas e a xeral a Pontevedra, dende hai tres anos e medio, atopamos un local que semella unha barbería industrial con estilo dos anos 50, con louzas dunha cor azul turquesa ou verde auga que chaman moito a atención. De teito alto e lámpadas longas. Ao final do establecemento atopas un tocador que garda o material da barbería: navallas, caixas orixinais, rizador, tesoiras, brochas, un par de pedras para asentar o fío da navalla… “A maioría das pezas son de meu pai. Conservounas nunha especie de carteira, coa que acudía a afeitar ou cortarlle o pelo, á casa, a algún antigo cliente maior que xa non se podía mover”. Xa non me pode gustar máis A Barbería!

“Para ter algo un pouco diferente tes que botarlle moita imaxinación. Preocúpanos que o café sexa bo, estea ben cremado. Tentamos facer un ambiente diferente, que chamase atención. Non temos a televisión moi alta, poñemos jazz, bossa nova, música que te convida a baixar o ton de voz e gozar máis do silencio, da lectura, dunha conversa. A Barbería é un espazo tranquilo”. Cando atravesas a porta de cristal –a min non me abre ás veces, porque non teño ialma supoño…- á man dereita hai unha pequena biblioteca. “Aquí hai libros meus, algúns xa non están, porque a xente levounos deixando outros no sitio… E paréceme xenial! Hai dende un de Mao Tse-Tung ata “Diario dun skin”, poesía e a revista Pincha”…  Sorrío orgullosa!

E o café que ten? Sorrí. “Temos diversos orixes cada mes, temos café para vender para cata en gran, moído, en paquetiños de 250 gramos, para a cafeteira que teñas. Un Kenya e un Colombia, podes pedilo e nun día ou dous teralo aquí. Iso si, como en A Barbería non che vai saber!!” Home e logo! Rimos. Fai un capuchino en copa de cristal… “É moi vistoso, leva azucre moreno, canela, cacao, leite moi cremada para que faga nata, aderezo de chocolate por enriba e café, claro! O Affogatto leva café solo, xeado de vainilla e galleta por enriba. O Eiskaffee con dúas bolas de xeado, cacao, nata e o Coffeetonic, que é café máis tónica. Está moi bo, aínda que non cho pareza! (Debín poñer mala cara… Gargalladas!!). É dixestivo, despois dunha comida contundente. Fai unha mestura potente!” Dareille unha oportunidade. Tamén teñen batidos de leite e de froita (smoothies), favoritos dos máis novos, xa que non os hai noutro bar do Milladoiro. Un par de pasteis, un biscoito tremendo, que lles trae unha panadería de Lestedo, xunto co pan para os almorzos, dese que rincha na boca. (Boísimo!!) “Facemos tostas de pan sinxelas con manteiga, marmelada ou aceite e tomate, porque a cociña é pequena”.

A clientela de Manuel é moi variada, porque “o Milladoiro segue sendo unha aldea e moitos veñen porque coñecen a meu pai, a miña nai, eu son o fillo do barbeiro… Temos clientela moi boa, que se adapta a todo! A Barbería transmite bo rollo, aínda que sexa un chisco diferente, este bar ao final tamén é unha taberna, coa xente de toda vida que se xunta coa mocidade, cos que están de paso… Aquí fálase das novidades no Milladoiro, cóntanse historias, porque isto ten historia. Algo moi galego!”. Nada que engadir.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Agora retrocedemos uns metros cara Santiago, ata Dulce Victoria. Pode parecer unha cafetería, pero non é tal! É un obradoiro, un espazo onde podes degustar diferentes pasteis e doces, onde podes encargalos, aprender a facelos e mesmo celebrar con eles cun café!!

Aténdenos MariCruz Bugallo. Abriu en xuño de 2016. Ser é economista e traballaba nunha asesoría, pero a súa paixón verdadeira era a repostería. E agora aquí está, no Milladoiro! Facendo uns doces deliciosos, dende galletas, turrón, polvoróns, biscoitos, tartaletas, ata pasteis con forma de unicornio, de reno ou do que che pida o corpo, personalizadas ao gusto! “Combinamos a pastelería tradicional coa creativa. Tentamos modernizar os pasteis de toda a vida e facémolo dando a probar, incitando a xente a arriscarse, tendo produtos diferentes á vista! Porque aínda somos moi remisos a cambiar, a saír da Milfollas, do pastel de San Marcos ou da Selva Negra. Eu négome, por exemplo, a facer o Pastel da Avoa. (Rimos) Gústame innovar, sorprender, traballar con sabores novos. Pouco a pouco”…

Os apetitosos doces que prepara MariCruz non teñen lactosa, porque ela é alérxica á proteína láctea e a súa filla, Victoria, é intolerante á lactosa. Pregúntolle cal foi a cousa máis peculiar que lle encargaron. Pénsao un rato e conta que unha cegoña suspendida no aire que era todo pastel!! Vaia! E que máis fas? “Moitos babaluás, (güat?!) que é como unha escuma (mousse), pero sen ovo. Unha pastelería é moito máis rica se non utiliza conservantes, colorantes, estabilizantes, sen meterlle tanta porcallada, coma nos conxelados! Por iso non os temos. Os produtos artesáns duran, están máis ricos e son máis saudables! Pero, as veces, mércanse os outros porque son máis baratos. Coa crema pasteleira pasa igual, os profiteroles, non é que non gusten, pero temos acostumado o padal ao conxelado, a moito azucre engadido, químicos, mellorantes, aditivos… E cando comemos algo natural dicimos que non nos sabe! O exemplo claro é o chocolate, cando é puro é amargo, non ten azucre, é moi forte… Pero tamén hai xente á que lle encanta probar. Por iso eu non quero facer o de sempre, para diferenciarme teño que facer un produto diferente, que aínda que custe vender, non o atopes en moitos sitios. A min encantaríame que a xente me pedira semifríos con froitas exóticas. (Marchando un para Jessi!) Eu traballo por encargo e quero conseguir que a xente probe. Como? Insistindo! Tendo cousas novas expostas. Queda moito por ensinar ao noso padal!”

No medio da entrevista detivémonos a observar como MariCruz cortaba e servía un pastel feito e dedicado para un aniversario que se celebraba na intimidade dunha mesa de catro máis un can. Un pouquiño despois despachou unha caixiña ben preparada cunhas madalenas decoradas con nata… Asegura que neste negocio a xente é moi agradecida. Ela tamén ofrece servizo de subministro profesional (cátering) para eventos e hostalería, doce claro! Fai sobremesas individuais ou que lle pidan. Neste local ofrece obradoiros-cumpre anos, para nenos e maiores, merendas e cursos enfocados a pastelería tradicional con toques modernos.  O seu soño é ter no mesmo local unha pastelería con despacho de pan, unha sección de confeitaría e complementos. Agardo que eu o vexa e que sexa no Milladoiro! Porque aquí non só durmimos, comemos as delicias máis deliciosas e imos de bares!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Fotos: Iván Barreiro