fbpx
CompostelaNovasReportaxes

No interior da casa okupada por Escarnio & Maldizer na Algalia de Arriba antes de ser desaloxada

Entrada á biblioteca. Foto: Iván Barreiro
Entrada á biblioteca. Foto: Iván Barreiro

Esta semana é noticia en Compostela o desaloxo dunha casa okupada na Algalia de Arriba. O edificio, que albergara durante moito tempo a sede da agrupación Cantigas e Agarimos, levaba anos sendo utilizada polo CSOA – Centro Social Okupado Autoxestionado – Escarnio & Maldizer. Ata o pasado martes, 30 de maio, cando as súas portas e ventás foron tapiadas por orde xudicial. Esa mesma tarde, convocouse unha concentración de protesta, que rematou cunha auténtica batalla campal entre policías e manifestantes. Ao día seguinte, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, lamentou que esta situación non fora solucionada pola vía do diálogo, e lembrou que “este local non provocou ningún problema de convivencia desde que foi okupado en abril de 2014”. Ademais, o Concello abriu un expediente urbanístico aos propietarios polo uso de formigón para tapiar un inmoble da Cidade Histórica. A polémica estaba servida e ten pinta de ir para longo. De feito, xa está convocada unha nova manifestación para o vindeiro 10 de xuño.

Ata aquí os feitos. Pero que é exactamente o que facían os de Escarnio & Maldizer neste edificio? Como estaba por dentro? O fotógrafo de Pincha, Iván Barreiro, puido fotografar boa parte del o pasado mes de febreiro para unha reportaxe que se publicou na extinta revista Pincha(e)Discos. Como podedes comprobar nas imaxes, algunhas das zonas estaban moi deterioradas. Outras, en proceso de recuperación. As actividades tiñan lugar en catro plantas. Alí se reunían diferentes colectivos sociais como MUGRE, Conas Ceives ou Guerrilha Conarte. Desenvolvíanse de xeito regular cursos de pandeireta, teatro, baile tradicional galego, boxeo ou judo. Tamén organizaban festas, actuacións, mercados solidarios… Nos últimos tempos, estaban dando forma a unha biblioteca. “É un espazo autónomo onde hai un traballo político propio en base a uns eixos acordados e construídos colectivamente que van desde o antiautoritario ao anticapitalismo, a defensa da cultura e a lingua galega, o feminismo e o antiespecismo, entre outros”, sinalaban algúns dos seus membros naquela reportaxe. Aseguraban, ademais, estar buscando a apertura co barrio, sempre seguindo o seu modelo de autoxestión e toma de decisións asamblearia. Na súa páxina web podedes atopar máis información sobre eles: https://csoaescarnioemaldizer.wordpress.com/