fbpx
A gorida do artistaGalicia

Nando Pereiro N O N A U T: “Necesito traballar ao aire libre, no campo, en conexión co cosmos”

Por Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos 

Estamos a finais de agosto e trasladámonos a O Romaño, á gorida de Nando Pereiro.

Visitar a un artista sempre produce certa inquietude e nerviosismo polo compromiso de estar á súa altura e transmitir a esencia das súas palabras con rigor e respecto.

Esta vez temos un novo reto, teremos que estar coa máscara posta e a comunicación será un pouco máis complicada.

Ao chegar recíbenos cun sorriso que  intuímos ao momento. Semella que a empatía e a amabilidade traspasa esa barreira imposta polas medidas sanitarias. Na súa casa respírase vida e pasado. Un café recentemente feito e empezamos a falar.

Nando  naceu nos anos 70, e como todos os nenos desa xeración devorou cómics e películas de ciencia ficción que máis tarde aflorarían desde o inconsciente na súa obra escultórica, eses “alieníxenas entrañables” que xurdiron da súa experiencia técnica e dos seus recordos máis temperáns.

De neno a súa afección a debuxar era permanente, na escola e fóra dela foi unha constante.

Pero decidiu estudar a carreira de Filoloxía e tamén Maxisterio. Abandonou as dúas porque a forza da  inquietude artística foi máis poderosa. Despois tentou formarse en deseño gráfico, ata que descubriu a escultura ao matricularse na Escola Mestre Mateo.

A súa primeira exposición de escultura foi nesa mesma escola e deste xeito comezou o seu camiño en solitario.

Nando Pereiro desenvolve os seus proxectos evitando a presión de ter que cumprir cunha data para unha mostra,  espazando as súas exposicións e traballando noutras alternativas simultaneamente.

A obra escultórica de Nando Pereiro transmite algo diferente, as súas obras son moito máis que obxectos. Contemplar as súas pezas é ver máis  alá, algo que non esperabas ver e que nos mostra para que as descubramos e formen parte da nosa memoria sensible.

“A Arte é unha  sorte de alquimia. O artista, un  demiúrgo que constrúe nun mundo que  destrúe”

Nando Pereiro non busca os materiais que utiliza cando sae ao monte coa súa bicicleta, as pedras atópano a el, e ofrécense para que as converta en arte. Así comeza o  proceso de transformación  alquímica. O demiúrgo que constrúe nun mundo que todo o destrúe.

Para este escultor o artista é a pedra filosofal que transforma un material en algo que non existía. Prodúcese, dalgunha maneira, un acontecemento máxico.

Nando traballa eses materiais que atopa, faino para el e para quen os contemple, para que susciten emocións e conseguir conexión co público.

A súa obra defende as liñas curvas, sensuais, aerodinámicas… onde o cerebral e o emocional conviven no proceso de construción.

Nando Pereiro debuxa co cicel sobre a pedra nun estreito diálogo coa obra, un latexo ao unísono.

Na Casa Museo Casares Quiroga de A Coruña inaugurou o 6 de marzo unha das súas últimas exposicións que pechou temporalmente polo estado de confinamento da pandemia  covid.

Durante este tempo estivo preparando pezas en ágata e seixo, que previsiblemente poderemos contemplar en Carballo proximamente.

O seu proxecto ‘Rotocicletas’ deixámolo en suspenso para vindeira ocasión.

E saímos da casa de Nando, paseniño, para non espantar á pantasma da empatía que se estableceu entre entrevistadoras e estrevistado.

Grazas, Nando, por todo o que nos transmitiches nesta conversa. Grazas polo teu sorriso  intuído. Grazas polo bo café. E, sobre todo, grazas pola túa obra.