fbpx
A gorida do artistaCulturaNovas

Nanda Cabaleiro, debuxando os recunchos da nosa cidade

Nanda Cabaleiro, na terraza do Airas Nunes. Foto: Délio Sánchez

Por Inés Silvalde de Os Catro Gatos.

Tomar un café e debuxar a instantánea, acuarelar as rúas, retratar conversas, interpretar encontros a través dun lapis… experiencias que se poden vivir cando un caderno e un kit de debuxo che acompañan nos petos.

Falamos con Nanda Cabaleiro, artista residente en Compostela, que fai anos que comparte a experiencia de debuxar “in situ” diferentes espazos con outros artistas.

Esta forma de vivir e experimentar a arte coñécese como Urban Sketcher. É un movemento mundial, fundado por Gabriel Campanario, que se caracteriza por mostrar diferentes lugares do mundo a través do debuxo. Os artistas, que acompañan e practican esta forma de arte, fan quedadas tanto a nivel mundial como local co fin de contar historias ou documentar os lugares que visitan.

Xa é habitual que haxa un grupo en tódalas cidades. En Compostela están os “Bosquejeros”, do cal forma parte Nanda. Aínda así, sempre que lle coincide estar noutras cidades, intenta poñerse en contacto con outros urban sketchers a través das redes para unirse á súa quedada.

Cóntanos a nosa entrevistada que nestes grupos de debuxantes poderíamos diferenciar entre os artistas que proveñen da liña e aqueles cuxo medio de expresión é a mancha. Para ela, como arquitecta de profesión, a liña e o acabado monocromo foron os elementos fundamentais construtores do debuxo nos seus inicios pero, paulatinamente, foi integrando elementos de cor, tanto nas liñas como en trazos con carácter de mancha.

O feito de verse en contacto con tan diversos artistas con técnicas diferentes e procedementos variados neste tipo de encontros, enriqueceu a súa forma de representar a súa contorna ampliando os seus recursos estilísticos. Atopamos debuxos cunha liña continua e irregular coñecedora da perspectiva. Contornos que describen e narran instantáneas acompañados dun sutil baño de cor. As acuarelas , o pincel de auga así como rotuladores rotring  son os seus grandes acompañantes. Os debuxos amoréanse en cadernos ao longo dos anos, contando historias como un álbum de fotos. Paisaxes , receitas, bodegóns, retratos… todos fieis á maxia de debuxar o momento.

A pandemia do 2020 chegou tamén para encerrar a tódolos debuxantes que flúen entre os distintos espazos máis alá da súa gorida, pero pronto atoparon unha  solución. Un dos epígrafes do manifesto dos Urban Sketchers expresa a necesidade de compartir, cos outros artistas, as imaxes dos debuxos realizados nunha quedada. Así empregaron as redes sociais como plataforma de interacción. Esta tamén foi a vía de escape de Nanda uníndose a varios grupos nos que facían quedadas virtuais os domingos para debuxar.

O seu currículo artístico conta con varias exposicións colectivas e individuais. Actualmente está somerxida nun proxecto que ten como temática principal o viño e que pronto será exposto en Castela.

Máis alá das salas de exposicións, os debuxos de Nanda tamén teñen un lugar na literatura. Un dos traballos máis recentes é ‘7 herbas máxicas’, proxecto que naceu da man de Rosalía Bermúdez Santos, no que se conta coas ilustracións feitas a medida para cada un dos textos. Como resultado, un libro dotado dunha gran delicadeza literaria e artística no que podemos destacar a intervención exclusiva de mulleres neste proxecto .

E faise o silencio.

Unicamente sentimos o son dos lapis expresándose sobre os cadernos. O espírito libre desta artista sóltase no papel, plasmando a maxia de debuxar do natural.

Seguramente pronto vos atoparedes con ela, soa ou acompañada, debuxando os recunchos da nosa cidade.