Nace Espontánea, unha escola de formación artística e laboratorio escénico en Compostela

O próximo venres 27 de setembro abrirá as súas portas un novo espazo cultural en Compostela. Trátase do laboratorio escénico e escola de formación artística Espontánea, situada na rúa Porta da Pena.

Da man do actor e pallaso Antón Coucheiro e da actriz e xornalista Gala Martínez-Romero, Espontánea conta coa colaboradoración doutras profesionais recoñecidas coma Natalia Outeiro “Pajarito”, Alfredo Pérez Muíño ou Mónica Paradela.

O curso arrancará cunha proposta de formación en artes escénicas que potencian a escoita e o traballo da expresión da espontaneidade con clases como: Improvisación Teatral, Clown, Danza-Teatro, Pilates e Consciencia Corporal, entre outras. As clases teñen diferentes niveis, tanto para profesionais do sector que queiran profundar na técnica, como para aquelas que se queiran iniciar. Comezarán a semana do 30 de setembro.

Cativa e Espontánea

A sala contará tamén na súa programación cunha parte dedicada aos cativos con clases de teatro, talleres de radio e próximos monográficos nos que traballaránse diversas temáticas relacionadas coas artes. Un sábado ao mes faránse actuacións de teatro para bebés e teatro familiar.

Espontánea é un espazo creativo, un lugar de encontro entre artistas, creadoras, profesionais e afeccionadas, que ten a intención de crear comunidade artística. É un laboratorio escénico, unha sala onde experimentar e fomentar sinerxias e intercambios creativos.

Podedes atopar máis información sobre ela na súa páxina do Facebook.