fbpx

Na era do turismo máis global, toca facer turismo local!

En Padrón promoven, entre outras cousas, as visitas ao seu Xardín Botánico-Artístico

Diante da incerteza non é doado preguntar, nin moito menos responder. Coida dicir que as novas formas de facer e de promocionar o turismo non son cousa só dos gobernos estatais, rexionais ou locais. Non só son cousa das autoridades, das axencias de viaxes, dos hoteis ou das compañías aéreas, son cousa nosa, dos cidadáns, dos que facemos as veces de turistas, de todos nós! Dende a Revista Pincha chamamos a todas as persoas a ser embaixadoras dos nosos pobos e de empezar facendo turismo na contorna!

Toca reinventarse? Si.

Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo de Santiago, no Pazo de Raxoi. Foto: Iván Barreiro

Gumersindo Guinarte, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago, explica que dende o Concello presentaron un proxecto á convocatoria do Ministerio de Industria e Turismo baseado na sostibilidade turística na liña dedicada a destinos urbanos vinculados ao patrimonio. “É o momento de apoiar accións que redefinan o modelo turístico, que reorienten a actividade turística cara un modelo máis sostible, tendo en conta medio ambiente, economía circular, preservación do patrimonio, mobilidade, accesibilidade… Temos que aproveitar esta situación, que nos veu dada, para, na medida do posible, reorientar o modelo turístico o que non significa prescindir doutros ámbitos. Que o turismo pese menos non é unha opción. A única maneira de que o turismo perdese peso na economía de Santiago sería que outros sectores pasaran a pesar máis. Pero pechar hoteis ou bares é perder postos de traballo e isto non semella ser solución ningunha, malia o que digan algunhas voces. É importante subliñar que Santiago non ten un número desmedido de pernoctacións. Por iso, debemos centrar as promocións en que os visitantes queden máis días e gocen da cidade e da actividade que hai nela”.

O concelleiro santiagués cre que as medidas nos concellos pasarán, no inmediato, polo apoio económico, tanto para o sector comercial como hostaleiro, especialmente para pequenas e medianas empresas. Toca facer campañas de promoción para atraer viaxeiros nacionais. “A nosa idea non foi facer unha campaña enfocada no verán, senón ata final de ano. Os viaxeiros deciden a última hora; fan viaxes familiares ou en grupo; en coche, tren, con un radio de acción máis limitado. Confiamos en que en outono e inverno, campañas como a de ‘Santiago, ¡tu historia!’ permitan e favorezan algún desprazamento. Evidentemente, vai depender dunha imaxe de destino seguro e influirá a situación sanitaria. O futuro inmediato pénsase só en actividades en pequeno formato, en adaptar a programación cultural aos aforamentos permitidos”.

“Non podemos relaxarnos, o COVID-19 é algo serio, causa mortes, ignoramos as secuelas e iso é o prioritario, pero, na medida do posible, hai que tentar normalizar a actividade en xeral, o turismo tamén”, engade.

De forma virtual

E nas oficinas de turismo cambiou a cousa? A concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, non dubida en afirmalo. “Traballamos máis que nunca de forma virtual con aplicacións, material audiovisual tanto na web como nas redes sociais. En breves, poñeremos as visitas teatralizadas en formato virtual, para que se poidan consumir dende a casa e os veciños se animen a participar. Nelas apréndense moitas cousas que seguro que os padroneses aínda non sabíamos de Padrón”.

Tamén sabe que toca reinventarse. Por iso comezaron un plan de reactivación do sector con enquisas ao comercio, hostalaría, visitantes e veciños, para afrontar esta situación, coñecendo as necesidade reais de todos. “Creamos unha nova marca, co proxecto ‘Cultura na rúa’ pintamos con pementos os pasos de peóns. A idea é cambiar a visibilidade do casco, sacar os museos e a cultura á rúa, afrontar o turismo doutra maneira. A nova marca pretende dar homoxeneidade á hora de presentar Padrón, con todo o leva: o Camiño, a hostalaría, o comercio… Porque este ano a xente está quedándose, valora o que ten aquí en Galicia, sen saír fóra e empeza a darlle visibilidade ao seu. Aumentaron as viaxes en autocaravana e nós temos un aparcamento bastante grande. Hai que traballar de forma diferente. Os concellos teremos un papel importante na promoción dos nosos destinos, pero os veciños e veciñas tamén. Temos o outono cultural programado en Padrón, pero non sabemos se se vai poder celebrar, aínda así temos que seguir facendo cousas. Máis que nunca traballar a diario e tomar decisións no momento case, que poden cambiar segundo as normativas. Renovamos a páxina web do Xardín Botánico-Artístico de Padrón para poder visualizar máis aínda o que nel podemos atopar, para que a xente se mova pola zona e descubra lugares ou a oferta que ten a súa cidade, que moitas veces non es consciente dela! É unha oportunidade! Fai falta concienciación. Hai que traballar niso. Temos que ser embaixadores do noso. A intención é que Padrón medre, se reactive, estea posicionado. Os cidadáns teñen que moverse. Hai que motivar á xente para que fale do seu. Por iso, promovemos que dende os colexios da contorna fagan excursións a Padrón, coñezan a biblioteca, as fundacións, o xardín…”.

Beatriz Guerra ten unha axencia de viaxes na rúa de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

Seguir coa vida

Beatriz Guerra comezou traballando en turismo en Forteventura, facendo un curso de reservas aéreas e traballando no aeroporto en 2005. Cando volveu a Galicia en 2014, picheleira de nacemento, montou a súa pequena axencia de viaxes. Viajes El Camino, na rúa de San Pedro. Vende vacacións á xente de  Santiago, pero sobre todo á do barrio. Atende tamén a moitos peregrinos.

O viaxeiro local que busca?, pregunto. “Sol e praia, -ri-. Canarias, é destino favorito. Como coñecemos as illas, de estar vivindo alí, damos máis coñecemento… Os viaxeiros que veñen queren proximidade e confianza. Eu ofrézome para reservar a súa viaxe como se fora para min. Estou dispoñible para os clientes 24 horas ao día. É unha atención personalizada, de amizade! Planeamos viaxes a medida. A xente pregunta de todo!”. Tanto fai de meteoróloga, coma de consultora, crítica gastronómica… (Rimos!). “Temos clientes moi fieis. Algúns son amigos!”.

E agora? “Estamos un pouco paralizados. Temos que cambiar. Non podemos planificar a longo prazo, non é viable. Estamos a expensas de ir pouco a pouco. Non hai nada claro. O turismo que se vai a mover vai ser local: turismo rural, proximidades… Aquí temos a gran sorte de que temos Portugal de lado, será un revulsivo que nos dará moita vida. E, por primeira vez, penso que agora imos valorar o noso, o propio… Chamoume a atención en Oporto a cantidade de turismo nacional que hai, estanlles funcionando moito as campañas”. E en España? “Non”. De quen é culpa?, aventúrome. “É culpa nosa. De todos. Non hai conciencia. Aparte do medo… Estamos nun momento no que hai que intentar facer vida normal, dentro do que temos. E non o estamos facendo, estamos retraéndonos. Hai que aprender a convivir cunha situación que vai para longo. Temos que seguir facendo a nosa vida. Traballando e viaxando… Adoptando as medidas de seguridade”.

Repuntará o teu traballo? “Si. Penseino dende o principio. A xente ten medo e necesita seguridade e confianza. Houbo moitos problemas con reservas de Internet, voos… O turismo é un sector necesario. Santiago vive do turismo e temos que ser conscientes diso. O que falla é a organización, para que o turismo conviva co local. Deberíamos traballar niso, pero necesitamos o turismo. Trátase de intentar convivir”.

E por iso, cando o turismo é máis global… Temos unha nova misión: Facemos turismo local?!