fbpx

Música vía streaming para pasar a corentena polo coronavirus

Abe Rábade.

Xa que temos que estar na casa pasando a corentena polo coronavirus, que mellor que facelo con música! Música, ademais, en directo. Como? Pois a través de diferentes iniciativas individuais e colectivas de moitos dos nosos músicos que ofrecen concertos vía streaming.

Unha delas é Músicas de Sofá, especial corentena, un ciclo que comezou o pasado día 15 de marzo coas actuacións de High Paw, Davide Salvado e Najla Shami. «As músicas e músicos deste país imos estar sen currar, paradxs e sen poder ter ingresos, e esta situación vai tardar en voltar á normalidade. Con todo isto e sendo conscientes de que non podemos deixar apartada a cultura neste confinamento, lanzamos esta edición especial das Músicas de Sofá», explican na súa páxina de Facebook. Nesta rede social podedes consultar todos os concertos que se van sumando. Así, os seguintes artistas en actuar a través de Facebook e Instagram serán Xisco Feijóo (martes 17 ás 19:30 horas), Faia Díaz (martes 17 ás 20:15 horas), Margarida Mariño (mércores 18 ás 19:15 horas) e Abe Rábade (mércores 18 ás 20:00 horas). En cada concerto abren unha ‘taquilla inversa’ para facer aportacións para os diferentes artistas.

Cuarentena Fest

Outra das iniciativas musicais posta en marcha nestes días é o Cuarantena Fest, un festival onde máis dunha trintena de artistas independentes ofrecen concertos desde o seu espazo de creación: o seu dormitorio, para as casas de toda España. Concertos diarios, cun tipo de proximidade diferente, cunha filosofía clara: a música non se detén, nin sequera en tempos tan duros coma este.

O festival prolongarase ata o 27 de marzo e o público poderá conectarse a través das canles de youtube dos artistas ou velos todos en cuarentenafest.tumblr.com 

Para consultar os horarios e artistas preme aquí. E para facer donacións que axuden aos músicos participantes, aquí.