Museo Etnográfico Sotelo Blanco, un tesouro da memoria do rural que imos perder

A madeira baixo meus pés é escura, as táboas rinchan. As vigas sobre a miña cabeza parece que pesan tanto coma os anos que teñen… Á miña esquerda descansa unha pileta e unha xerra para a auga, á miña dereita unha cama e unha mesiña que agocha unha vacínica debaixo. Na parede un crucifixo e un santo. Da porta colga, nunha percha antiga, un chaleco cun reloxo de peto… Hule a vello, a austeridade, a terra, mesmo a cinza, a outros tempos… Transpórtome a outra Galicia, unha que eu non coñecín. Se continúo cara a seguinte estancia, estou diante dunha lareira, vexo unha artesa para gardar o pan, máis grande que a que ten miña avoa en San Miguel, na mesa ata hai un prato de estaño e un vasiño pequeno de cristal, penso no avó e na súa cunca para o café! Tento gardar ben gardadiñas estas imaxes na retina, porque a próxima vez que as queira ver, xa terei que viaxar primeiro á Ribeira Sacra…

Xubilado seis anos, non acouga! Olegario Sotelo Blanco leva 53 anos entre Barcelona e Galicia. Marchou aos 17 anos a gañarse a vida e hoxe ten dúas editoriais, segue escribindo e tenta non esquecer nada, non perder a memoria e mesmo recuperala! Chegou uns minutos antes ca min ao museo que leva os seus apelidos e recibiume na porta. Presume de moita xovialidade, dunha mirada serena e dunha vitalidade que case esgota!, pero que é tan necesaria nestes tempos de esquecemento. Fálame do seu traballo. Coa Editorial Ronsel publicaron tres libros de Saramago e moitos outros en castelán. Cando chega a Editorial Sotelo “demos posibilidades a xente nova tanto en teatro, poesía, como narrativa. Publicamos preto de 3.000 títulos”. Como escritor ten 20 libros publicados, sobre todo de antropoloxía, sobre a emigración… O último sobre a historia da súa aldea e a descapitalización humana durante o século XX, liñas que reflicten o proceso que viviron outras moitas aldeas galegas. “Nesa descapitalización, ao non quedar xente que labrara o campo, aos utensilios de labranza restóuselles valor, malvendéronse e perdéronse! Neste edificio intentamos recuperar ese mundo. A maior parte das pezas mercámolas en anticuarios, aínda que hai algunhas cedidas. Nos primeiros anos, era sobre todo a xente maior a que viña e choraba ao ver a máquina de mallar… Nas visitas escolares, os rapaces están sempre moi atentos, preguntan moito. Tentamos ter pezas en miniatura que sirvan, para amosarlles o seu funcionamento. Este museo pretende ter, sobre todo unha función didáctica, é a mellor maneira de conservar unha parte da nosa historia”.

O Museo Etnográfico Sotelo Blanco múdase. Deixa Santiago. Vai para a Ribeira Sacra, para Castro Caldelas, para aloxarse xunto ao castelo medieval da vila. “Xunto co museo, a nosa fundación ofrecerá actividade en torno ao mundo rural, á emigración, organizaremos congresos con convidados de fóra… Falamos moito da desaparición do mundo rural, pero quen coida de dicir por que desaparece? Un dos motivos principais é a emigración, claramente, pero sobre todo o desinterese das institucións. Como no caso da nosa marcha”.

Olegario reflexiona dando á cabeza. Asegura que case sempre son os fillos dos emigrantes os máis interesados en coñecer o mundo no que naceron os seus antepasados, moito máis que os propios emigrados, os seus pais. “Non demostramos demasiado interese en recuperar nada, menos aínda as institucións. A modo particular tampouco se fai moito, por desgraza. Temos aquí máis de 2.000 pezas que foron mercadas en Ourense, Sarria e Lugo, sobre todo, pero os anticuarios van ao prezo, non lle dan sentido ao que se perde! Na miña aldea eramos vinte veciños, dos seis que quedan xa ningún ten pezas de labranza, unha señora que coñezo cambioulle a un xitano unha mesa de madeira nobre, toda tallada, por unha de formica, que nada vale! Non valoramos nada. Ao igual que na emigración galega, no campo o maior do nosos problemas foi e é a falta de autoestima. Non nos damos conta que si perdemos a memoria disto, perdemos a memoria da nosa cultura!”

Insiste en que en Santiago non houbo nunca ningún interese por parte de ninguén, nin da Xunta de Galicia, nin do anterior nin do actual Goberno municipal, polo seu museo. “Ninguén se preocupou de visitarnos. Agora levámolo para o corazón da Ribeira Sacra, porque seguro que alí ten máis visitas, sobre todo polo que pode significar para a zona, moitas pezas das que temos xa proceden desa contorna e están relacionadas coa colleita da uva, utensilios para facer e gardar o viño, ferramentas para as colleitas, para sachar as patacas, sulfatadoras moi antigas, a máquina da malla… Non será un museo morto, tentaremos facer un consello con máis profesionais e interesados para traballar por recuperar algo do mundo rural. Creo que aínda estamos a tempo”.

Nesta nova etapa, Olegario ten claro que non parará, non quere parar! “Antes non había luz eléctrica, dende Quintela de Maceira, a 12 quilómetros de Castro, tiñas que ir dúas horas camiñando para chegar á vila. Medrei nunha etapa que te limitaba moito. Trinta e cinco anos despois tiven a oportunidade de mesturarme e coñecer a moitos intelectuais galegos, xente do mundo da cultura, mesmo da xeración Nós, todo iso dáche un poso. Eu estaba e estou pola cultura! Os políticos onde teñen máis votos é nas cidades, hoxe debe vivir o 10% da poboación nas zonas rurais, se se crearan postos de traballo non se marcharía toda a xente para a fóra. En calquera parte da provincia de Lugo e de Ourense as aldeas están pechadas, as casas caídas, os montes sen limpar. A rehabilitación é difícil, porque a xente que marchou é maior e non vai volver e os seus fillos xa naceron fóra! Meus pais non tiñan medios, pero logo de pasar do arado romano á luz, aos tractores, á televisión en cor… Seguimos co minifundio, con fincas nas que non se pode traballar! Pensei que a xeración seguinte á miña, con posibilidades de estudar na universidade, ía ter iniciativas para o desenvolvemento do campo, pero nin foi así, nin está sendo e as institucións fan máis polas cidades!”

De entre máis de 2.000 pezas que te sitúan antano, Olegario di que as da cociña e da habitación son as que máis gustan, pero tamén os aparellos do fuseiro, do ferreiro, do zapateiro… “Oficios que xa se perderon. Normalmente, un antropólogo fai primeiro o traballo de campo, durante 17 anos, eu fixen todos os traballos do campo, por iso as pezas que temos aquí sonme todas familiares”. Para recuperar a memoria do mundo rural cre que hai que explicarlle aos mozos que nese mundo hai posibilidades: “É mellor estar traballando –se hai medios- en calquera aldea de Galicia, no campo, que estar parados nas grandes urbes, como Barcelona ou Xenebra”. Admite que tampouco se estimulou a xente para facer investimentos no campo. “A xente mercaba pisos na cidade e deixaban caer ás casas da aldea. Danse subvencións por dar. Tanta festa da empanada ou tanto que costa manter a Cidade da Cultura… Con ese diñeiro podíanse recuperar aldeas enteiras!” Laméntao mentres vemos un reclinatorio un pouco máis pequecho que o que me deu a miña avoa María… Nun instante recordo calada: “Levábase a igrexa, porque non había bancos”. O meu ten tapiz.

Cando saio do museo, chamo a miña nai para contarlle que lle teño que ensinar un sitio especial: -Mami, tiñan os zocos alí expostos… Interrómpeme -Como os que facía meu avó! -Si, pero temos que apurar, porque a finais de ano xa non estará aquí. O Museo Sotelo Blanco marcha para a Ribeira Sacra… Pero deixa nalgúns santiagueses a memoria do rural galego. Contribuír a NON esquecer será bo, sempre! Aquí ou en Lugo!