Moito teatro e poesía na programación cultural de Ames nesta primavera

'O Servidor de dous amos'. Foto: Iván Barreiro

‘O Servidor de dous amos’. Foto: Iván Barreiro

O Concello de Ames vén de facer pública a programación cultural e deportiva para a primavera deste 2018, que inclúe espectáculos teatrais, a proxección dun documental, varias actividades deportivas e obradoiros de ciencia e medio ambiente para as máis cativas e cativos. Esta programación inclúe 60 actividades que se poden consultar nesta ligazón.

En canto ao eido cultural, este venres, 2 de marzo, ás 21:00 horas terá lugar a representación da obra teatral Elisa e Marcela, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A historia de amor e rebeldía de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que en 1901 casaban na igrexa de San Xurxo na Coruña, chega a Ames da man da Panadaría. En chave de humor, as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Alién Kendelman abordan os sucesos que envolven o que foi o primeiro matrimonio homosexual de España.

A obra PUM PUM, de Baobab Teatro S.L, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 9 de marzo. A peza, que estará centrada na nena Marieta, contará con dúas sesións: ás 12:30h haberá unha sesión escolar e ás 18:00h unha xeral. A obra estará dirixida a un público maior de 5 anos. Continuando cos espectáculos teatrais dirixidos a un público infantil, o venres 6 de abril , tamén ás 18:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación Os fabulosos CLEANERS da man de Malasombra Producións. A peza, que trata sobre dous expertos operarios da limpeza que descobren as posibilidades das súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón, está  concibida para un público maior de 3 anos.

O valo, de Culturactiva, será representada o 20 de abril en dúas sesións, ás 12:30h (sesión escolar) e ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, que estará destinada a crianzas entre os 6 e os 12 anos, buscará promover unha reflexión nas nenas e nenos acerca das fronteiras e da situación das persoas refuxiadas. A última obra de teatro infantil da tempada será O secuestro da bibliotecaria, de Sarabela Teatro, que será representada o 27 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. A peza abordará a historia do secuestro da empregada da biblioteca, dun consello municipal que non sabe ben que facer e dunha banda de secuestradores cun brote de varicela. A obra estará dirixida a un público entre os 5 e os 12 anos.

Após a representación da obra Elisa e Marcela o 2 de marzo, a seguinte das obras teatrais dirixidas a un público adulto será Casa O’Rei, coa que a compañía Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica xunto con “O Furancho” e “Raclette”. A obra basease nun xogo escénico e dramatúrxico do Rei Lear do inglés William Shakesperare, neste caso, ambientada nunha típica casa de comidas galega. O servidor de dous amos, de Talía Teatro, será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns o 13 de abril. Con esta obra, a compañía realiza unha revisión deste clásico da historia do teatro, referente por excelencia da Commedia dell’Arte, respectando o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, mais incorporando novas formas de teatralidade. Ambas obras comezarán ás 21:00 horas.

Viaxe poética aos lugares emblemáticos do legado rosaliano

O sábado, 10 de marzo, realizarase unha excursión poética baixo o nome “Viaxando con Rosalía”; unha actividade que está incluída na programación específica organizada polo Concello de Ames en homenaxe á efeméride do nacemento da autora. A excursión incluirá unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Ademais, alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitarán Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Así mesmo, a excursión tamén incluirá unha visita a Iria Flavia e á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como “Casa da Matanza”. Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, achegaranos á vida da homenaxeada e á súa obra.

O prazo de inscrición nesta actividade permanecerá aberto entre o 1 e o 8 de marzo. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas no Milladoiro e ás 10:15h en Bertamiráns.

Conmemoración do Día do Libro e do Día das Letras Galegas

O sábado, 21 de abril, conmemorarase o Día do Libro cun evento na praza do Concello de Bertamiráns, ás 17:00 horas. Baixo o nome “Literatura na Praza”, ese día haberá exposicións, venda de libros, obradoiros, presentacións, música e contacontos. O mércores 16 de maio, terá lugar a conmemoración do Día das Letras Galegas que este ano está dedicado á autora María Victoria Moreno. O Concello de Ames celebrará a efeméride cun acto festivo no que se entregarán os premios do XV Certame Literario Concello de Ames e do Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. O prazo de presentación de textos do XV Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía remata o 3 de abril. As persoas interesadas poderán atopar máis información en breves na páxina web municipal.