fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Moito máis que catro gatos

Por Silvia Castiñeiras

Inés Silvalde e Delio Sánchez, en Os Catro Gatos. Foto: Iván Barreiro

Non sei eu se lle irá moi ben este nome de Os Catro Gatos a este espazo para a arte e a convivencia que atopamos na rúa das Rodas (ou atopabamos, porque en maio pechou as súas portas). Digo isto ironicamente porque ben me consta que en cinco anos de vida por aquí pasaron moito máis que catro gatos, aínda que como ben explican os seus dous responsables, o nome corresponde precisamente a unha homenaxe ao mítico bar de Barcelona onde acontecían faladoiros con Picasso naqueles tempos bohemios da arte.

E é que “sempre tivemos espírito de taberna, calquera escusa era boa para xuntarnos e abrir unha botella de viño”, afirma Delio Sánchez, un artista que alá polo 2017 se lanzou nesta aventura con Inés Silvalde cando ela buscaba un local como taller para pintar. Por aquel entón argallaron a idea de crear un espazo singular, un lugar onde crear, onde mostrar directamente ese proceso de creación e onde facer oco para que outros artistas puideran expoñer as súas obras.

“Cremos que o que conseguimos durante este tempo se corresponde coa esencia do que queríamos facer dende o principio, que era romper dalgunha maneira con esa etiqueta de elitismo que ten a arte e con todos os clichés que a rodean para achegar este mundo á xente de a pé, facendo algo máis acolledor e humano, moito máis que unha galería de arte”, explican entre os dous con certa morriña polo fin dunha etapa, pero tamén con moita ilusión por comezar proxectos novos.

É unha mestura de sensacións, porque os dous sabían que este era un proxecto aberto con vocación de durar ata o seu momento. Ese momento é agora, con novas expectativas profesionais, artísticas e persoais, e tras acoller ao longo deste tempo preto de 40 exposicións no seu local centradas en todo tipo de pezas: fotografía, escultura, figuración, ilustración, acuarela, performance, arte conceptual… Por Os Catro Gatos pasaron artistas da terra e de fóra dela, chegados de Cataluña, Madrid, Valencia ou o País Vasco, e incluso dende Suecia ou Portugal.

 A última das mostras, ‘Chicles’ de María Magán, artellada con preservativos e gomas de mascar ‘mastigadas’, foi a encargada de poñer o peche a finais de maio á vida neste “recuncho informal”, como lles gusta chamarlle a Delio e Inés. Ten o seu aquel simbólico este último expositor cara a rúa, con gomas de mascar convertidas en xoias, porque este establecemento foi noutrora, xa remota, unha xoiería.

O curioso é que tras todas estas mostras planificadas e escollidas con moito xeito polos dous artistas -que non galeristas, aclaran en todo momento- non queda ningunha propia. Un detalle máis da súa xenerosidade coa arte. “Nalgún momento tiñamos pensado, pero foi pasando o tempo e nada, non expuxemos, concibiamos máis isto como un espazo para os demais”.

Inés Silvalde e Delio Sánchez, en Os Catro Gatos. Foto: Iván Barreiro

E non só de exposicións se nutriu a vida de Os Catro Gatos, que como ben dicíamos sempre tivo a arela de ser lugar de encontro. Aquí celebráronse, á marxe das correspondentes inauguracións (propicias para ese “tómalle algo”), outras actividades como presentacións de libros, miniconcertos acústicos, microteatro, conferencias ou obradoiros artísticos. Unha vida esta, a do cara a cara, cóbado con cóbado e respiración con respiración, de risas, grolos e palabras ao aire, que tivo unha gran “cortada de rollo” por mor da pandemia da Covid e todo o que iso implicou e que no é preciso relatar, pero que evidentemente pasou factura.

Aínda así, e tras ser cruzados no medio destes cinco anos por tal situación de non convivencia nunca vista, Inés e Delio no momento de facer balance quedan coa sensación de ter conducido á xente a “un espazo onde se xerou moita ilusión e emoción á hora de desenvolver calquera idea e proposta”. Ademais, din, “foi unha experiencia moi produtiva a nivel de encontro con outros artistas e que tamén nos deu a oportunidade de darnos a coñecer e que o noso traballo tivera máis visibilidade e máis renome”.

Inés recorda as caras da xente “cando entraban aquí e tiñan a sensación como de entrar en algo privado, pero aberto para todo o mundo, comentando que aquí se respiraba moi bo rollo. O que para nós era habitual para eles era algo anecdótico”. Os dous teñen claro que “isto non se vai recordar como unha galería de arte, senón como un sitio de reunión, amigable, de charla…”.

Esta é unha despedida dun primeiro treito dun camiño que aínda non se sabe cantos xiros pode dar, porque con catro gatos non se pode así a correr. “Isto non está morto, quen sabe se volveremos abrir noutra parte…”. Aí o deixan estes dous socios por casualidade, porque a súa intención é continuar unidos baixo esta marca (a que levan no logo e a que lles deixan as horas convividas) mantendo a súa plataforma na web. Nela seguirán co cometido de darlle visibilidade aos artistas, coa pretensión de continuar organizando exposicións noutros locais (aínda que sexa para abrir unha botella de viño) e participar en feiras e eventos. 

Ah! E seguirán aquí pola Pincha falándonos de arte na sección ‘A gorida do artista’, toda unha experiencia que engadir ao currículo de Inés, que recoñece que “non é o meu ámbito o de escribir e ás veces cústame pero é moi reconfortante, gústame moito”.

“Empezamos isto sen coñecernos e marchamos sendo familia”, dille Delio a Inés cunha grande aperta. Cando lin o primeiro artigo que Pincha lle dedicou a Os Catro Gatos reparei en como a nosa compañeira Jéssica Pintor contaba o escenario da súa entrevista, sentada coma quen está na cociña da súa casa tomando un café. Uns días antes de que pecharan a porta eu repetín esa mesma escena. Vinme tomando un té de canela acabado de preparar e uns bombóns con Delio e Inés como se os coñecera de sempre, na súa cociña, nesa onde nestes últimos anos cociñaron de todo: obras de arte, risas, dificultades, pinturas, cafés, ilusións, ideas… e construíron unha vida. A escena repetiuse cinco anos despois. Hai mellor proba de que o conseguiron e de que a súa esencia segue intacta?.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.