fbpx
EntrevistasGalicia

Miss Caffeina: “O indie consolidouse como unha industria que axudou a que moitos grupos puideran sair adiante”

Este noite chega á Sala Malatesta un novo Escenario Vibra Mahou cun dos grupos máis potentes da escena actual: Miss Caffeina, con novo disco debaixo do brazo, “Oh Long Johnson”.

Falamos con Sergio Sastre (guitarra) sobre o novo disco, redes sociais e que é o indie hoxe en día.

Que poderemos ver no Escenario Vibra Mahou desta noite?

Presentaremos o noso disco “Oh Long Johnson”, que saíu o 1 de marzo, e que está dispoñible en todas as plataformas dixitais e tendas.  No Escenario Vibra  Mahou estamos a presentar un repertorio no que incluímos, á parte do novo disco, cancións e éxitos anteriores. Estreamos o show a semana pasada e a verdade é que nos está dando moitas alegrías porque está a saír todo xenial e a xente estalo pasando moi ben.

Como se presenta a tempada de festivais?

Imos intercalando salas e festivais. No verán faremos máis festivais. Para nós o ano preséntase fenomenal. Temos máis de 40 datas pechadas de aquí  a final de ano e aínda non terminamos de pechar o calendario.  Así que moi activo e cunha chea de concertos por diante.

Fálanos do voso último traballo “Oh Long Johnson”. Por que ese título?

O título ten que ver cun meme que se fixo viral hai anos sobre un gato que parece que fala e di “Oh Long Jonhson”, o pobre gato (risas). Gustábanos esta frase, que é a canción que dá comezo ao disco, porque ilustra algunhas das cuestións que se abordan, os motivos que nos manteñen conectados que ás veces son un pouco naif e superficiais. Vivimos pegados ás pantallas, e outras cousas máis importantes pásannos por diante e non nos damos nin conta.

Que quixestes contar no disco?

Non é un disco conceptual, pero como estamos tan inmersos no mundo das redes sociais, é algo que non se nos escapa. Desde “Oh Long Jonhson”, que é unha reflexión aceda crítica e autocrítica; “Reina”, un tema sobre bullying, ou “Bitácora”, que é máis reflexivo sobre que estou a facer e que quero facer. Son cuestións que teñen que ver, máis que coa pantalla, con levantar a cabeza dela e pensar un pouco.

Levades soando desde 2006, pero o éxito chegouvos fai relativamente pouco. Que credes que lle gusta ao público de vós?

Non teño nin idea (risas). Supoño que é unha maneira de facer cancións que mantemos no tempo. Gústannos as cancións redondas, de pop, xa sexa cun envoltorio máis popeiro, rockeiro ou syntech; a nosa maneira de escribir; e a voz de Alberto (o cantante), que ten un timbre superparticular e recoñecible.

Que supuxo Internet no voso crecemento?

Nos inicios era a única maneira que tiñamos de facer as cousas. Para nós as redes sociais eran un recurso nun momento en que eran un motivo de queixa por parte da industria. Nós vímolas como unha oportunidade. Agora combinámolas con outras canles de promoción.

Como vedes o indie? Credes que se volveu mainstream?

O indie é unha industria cultural forte. Move a moita xente e diñeiro. Xera moito interese. Eu creo que nunca vira tanta xente como agora indo ver música, pagando e planificando as súas vacacións en función dos festivais. É unha industria que beneficiou á escena musical e nós estamos encantados, aínda que si  é certo que ten efectos colaterais porque ás veces véndese como unha “experiencia”, a xente réstalle valor á música e está máis preocupada polo selfie que polo grupo que está a tocar.  Pero eu creo que en xeral se consolidou unha industria que axudou a que moitos grupos, entre eles nós, puideran saír adiante.