MIOLO CON OURIZO EN O PAZO ASADOR

MIOLO CON OURIZO EN O PAZO ASADOR

Óscar Vidal, chef, e o seu irmán Manuel, sumiller e xefe de sala, dirixen o Restaurante O Pazo Asador, moi preto de Santiago, na estrada que vai a Padrón. Pero o seu non é o típico asador: “Empregamos o asado como técnica, pero facendo de todo”, explican. Así, na súa carta podemos atopar desde carnes de tenreira e boi ata peixes e mariscos. Ademais dunha extensa bodega.

Contan con varios salóns independentes para celebrar diferentes eventos, piscina, parque infantil, aparcamento propio e xardíns. E un comedor con mesas á carta, con terraza no verán. “Buscamos que o cliente se sinta o máis cómodo posible. Así máis vai gozar coa comida”, opinan. Por iso coidan moito a decoración empregando cristais, madeira, xogos de luz, figuras de Sargadelos… Cada detalle conta para lograr un ambiente cálido e acolledor.   

O comechón de @JuanEAT_o acudiu a probar unha das súas últimas propostas. Un miolo – que é un óso de cana aberto á metade – feito á brasa, con ourizo e unha escuma de xema de ovo picante.

A opinión de @JuanEAT_o

Espectacular! Así definiría a miña experiencia no restaurante O Pazo Asador. Coñecedes esa sensación de cando non sabes o que vas atopar e de súpeto a intriga convertése nunha grata sorpresa? Desde o primeiro bocado deste prato a miña cara cambiou. A mestura de sabores de mar e terra pareceume do máis rico que comín últimamente. E cunha textura que non esperaba sendo unha proposta de carne. De feito, recordoume ao foie.   

Antes de degustalo, puiden ver o proceso de elaboración, alimentando a miña curiosidade porque o certo é que nunca probara o miolo. Agradézolle moito a iniciativa a Óscar, o chef. Podería parecer sinxelo, xa que se trata de meter un óso nunha grella. Pero a maxia está nos pequenos detalles: o tempo, o tipo de brasa, o afumado… E os toques finais coa escuma de xema de ovo que leva por enriba. Por certo, recomendo comelo rápido, porque se desfai bastante á présa.

 

O miolo vai acompañado normalmente por ourizo. A min puxéronme berberechos, porque remataran cos ourizos o día anterior. Quedoume a pena de non probalo. Esa sería a única nota negativa. O bo é que ten solución. Voltarei! E darei o meu veredicto en revistapincha.gal onde poderedes ler tamén a partir de agora as miñas críticas. Saímos #apapar?

Fotos: Iván Barreiro