Menú Primavera en O Afiador

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, na terraza de O Afiador. Foto: Iván Barreiro

@JuanEAT_o, na terraza de O Afiador. Foto: Iván Barreiro

Aquel día facía bo tempo en Santiago e había que aproveitalo! Así que fun #apapar a un dos pequenos paraísos que temos en Compostela: a terraza interior do restaurante O Afiador, na rúa de San Pedro. Alí puiden gozar de tres dos pratos do seu fantástico Menú Primavera con vistas ao Parque de Belvís.

A modo de entrante, servíronme uns mexillóns en escabeche moi saborosos e tenros. Ademais, tiñan moi bo tamaño. Postos a acompañar a un produto tan rico como os mexillóns cunha salsa, máis vale que esta sexa boa. E así foi. Creo que o segredo está na súa elaboración que, tal e como me contaron, é totalmente caseira.

De seguido, boteille a man ao raxo…  A que o parece? 😉 A primeira vista, enganeime. Pero non, era atún. E case mellor que fora así porque eses taquiños aderezados con cebola doce foron todo un pracer para o meu padal. Todo acompañado por un puré de pataca doce, tamén da horta familiar, que estaba para aproveitar ben co pan e non deixar nada. O único que me sobraba foi… o coitelo! hahaha

Para rematar, puiden gozar dun dos queixos que persoalmente penso que é dos máis versátiles na cociña, o San Simón. Só dicir que estaba espectacular e se por riba vén acompañado dunha marmelada de pemento vermello, de novo feita na casa, temos cunha combinación marabillosa.

En conclusión, o Menú Primavera de O Afiador ofrécenos diferentes matices de sabores que casan á perfección. Así que, se podedes, aproveitade o ceo azul de Compostela para acompañalo duns pratos que de seguro vos conquistan. E un último consello: se sodes de tomar viño, preguntade por Nuria, a xefa de sala, que ten propostas moi diferentes e conmigo acerta sempre.

 

DATOS

Lugar: Rúa de San Pedro, 28 (Santiago)

Prato: Menú Primavera

Prezo: 18 €

Valoración: 8 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro