Master of None, foodies en Manhattan

Por Como un Fénix

Master of None, serie que podedes atopar en Netflix, pode ser unha das representacións máis realistas da vida dun foodie na cidade dos rañaceos. Dev, o protagonista, pasa a maior tempo da serie – son 10 capítulos duns 25 minutos de duración – comendo e bebendo con amigos e familiares. Hai centos, miles de bares, restaurantes, cafeterías, postos de comida ambulante, xeaderías, panaderías e pizzarías que visitar. Un foodie tolearía nun lugar con tanta variedade. Se tes unha boa carteira, podes probar case calquera cousa.

A serie, escrita, producida e protagonizada por Aziz Ansari, é unha comedia romántica millennial que aborda moitos temas (inmigración, vellez, infancia, feminismo, racismo) mentres explora as relacións persoais e amorosas da personaxe central. Unha das ideas máis potentes que desenvolve Master of None é a indecisión e a insatisfacción dunha xeración que, literalmente, ten o mundo no seu smartphone. Unha xeración que malia vivir rodeada de grandes avances que garanten o seu benestar e comodidade, que malia ter a súa liberdade e independencia aseguradas, non sabe moi ben onde situarse nin que esperar da vida porque, no fondo, non teñen nada claro quen son.

A serie de Ansari é un retrato realista e minucioso da vida dun treintañero en Nova York pero tamén é un dos mellores programas sobre a cociña e a comida que pariu a era do Peak Tv. Practicamente tódolos capítulos da primeira temporada conteñen un momento relacionado directamente coa comida. Vexamos un exemplo, nun capítulo Dev e o seu amigo Brian deciden pasar tempo de calidade cos seus pais para coñecer mellor o seu pasado e como chegaron a América. Así que invitan ós pais a unha cea no Shun Lee Palace, un restaurante chinés en Midtown que é toda unha institución na cidade. Arredor dunha mesa redonda, dúas familias de inmigrantes, unha de Taiwán e outra da India, falan dunhas infancias que os seus fillos non alcanzan a imaxinar e da odisea vital que os levou a emigrar e asentarse nun país que senten como propio. A cea transcorre de vagar entre preguntas e respostas, sen móbiles sobre o mantel sen distraccións. Dúas xeracións, dúas familias, dúas tradicións que se dan cita nun restaurante chinés para intercambiar experiencias sobre un mesmo tema, a inmigración. A mesa como símbolo de unidade familiar, un espazo para compartir vivencias e recordos, un punto de encontro entre xeracións que ofrécelles tanto a Dev como a Brian unha perspectiva do traballo dos seus pais e de todo o que fixeron para garantirlles unha vida mellor.

Pero hai máis momentos gloriosos coa comida como parte principal do asunto, nun episodio Dev non ten reparos en deixar claro que comer un delicioso sandwiche de polo con parmesano é máis importante que a aprobación dos fillos dunha amiga. Nunha viaxe a Nashville, Dev tolea ó probar a salsa de barbacoa branca tanto que perden un avión por comprar un bote da salsa. E non digo o que pasa na famosa xeadería artesanal Morgenstern porque é mellor botarlle un ollo á escena.

Dev ten un gusto exquisito en restaurantes, así que se ides a Nova York e queredes coñecer os lugares polos que transitan as personaxes de Master of None ou queredes probar algúns dos lugares máis emblemáticos para os foodies da cidade podedes consultar esta guía (moi útil).

Xa cando traballaba en Parks and Recreation, Ansari demostrou o seu profundo amor pola cociña. Naquela serie, o seu Tom Haverford emprendía varios negocios, moitos deles relacionados coa restauración, e o propio Ansari, que non gosta do termo foodie, defínese a si mesmo no seu perfil de Twitter como ‘Pasta Lover’. Por iso espero tanto da segunda temporada, porque Dev, que tamén é un grande amante da pasta, trasládase a Italia buscando cumprir os seus soños.