fbpx
EntrevistasGalicia

María Mera: “Tiña ganas de romper con eses personaxes de chica guapa”

Por Rebeca Munín @rebecamunin 

María Mera, na cociña do Caney-Roca. Foto: Iván Barreiro
María Mera, na cociña do Caney-Roca. Foto: Iván Barreiro

Ten só 32 anos e xa unha longa traxectoria ás súas costas. A primeira vez que oín falar de María Mera foi como unha das gañadoras do Top Model Area Central, aquel concurso do por entón único centro comercial da cidade que tanto tirón tiña. Pero diso xa choveu. E Mera pouco a pouco foi demostrando que o seu é moito máis que unha faciana bonita. Fixo teatro, presentou programas, algo de cine e protagonizou algunhas das series con máis éxito da TVG. A última, ‘O sabor das margaridas’ é a primeira en galego que pode verse en Netflix. Todo un orgullo para esta rapaza de Boqueixón coa que cociñamos a primeira das nosas entrevistas entre fogóns.

Como é iso de estar nunha plataforma con tanto alcance como Netflix?

Gravamos a serie sabendo que ía ser para Netflix, aínda que non o puidemos dicir ata hai pouco. Entón xa rondando dicías: “Guau, é para Netflix”. Pero ata que se fai real non lle prestas moita atención.

Estes días estou recibindo tantas mensaxes de tantos países diferentes! De Brasil, Arxentina, Nova Zelanda, India… Eu que sei! Estoume empezando a dar conta de a onde chega. Estou moi contenta e moi orgullosa porque é a primeira serie que se fai en galego nesta plataforma. Que se poida escoitar en galego, non só para o audiovisual galego, senón para todas as galegas e galegos, é un gustazo! Pensar que unha persoa na India está vendo ‘O sabor das margaridas’ en versión orixinal en galego é como oh!! Así que penso que a nivel profesional, vainos abrir moitas portas a todo o equipo. As críticas por agora a maioría son moi positivas. Entón que máis podo pedir!

Interpretas á tenente Rosa Vargas que chega a un pequeno pobo a investigar a desaparición dunha moza á que ninguén parece interesado en atopar. Como foi facer este personaxe?

Foi moi interesante porque tiña moitas ganas de facer algo así. Na miña carreira fixen personaxes diferentes pero sempre tiñan algo en común: ser ‘a chica guapa’, por dicilo así. Quería romper con iso. Demostrar que tamén podía facer outra cousa. Esta foi a oportunidade de dar vida a un personaxe que a nivel emocional era unha bomba. Unha tía que vai sen maquillar, sen ningún interese niso. Incluso vou maquillada para ter máis olleiras, para desmellorala máis. É un personaxe que creo que marcou un antes e un despois na miña carreira.

Haberá segunda tempada?

(Sorrí) Chéganme todos os días mensaxes preguntando iso. Encantaríame, por suposto, pero por agora non hai nada confirmado.

A oferta de series en Netflix é inmensa. Por que escoller ‘O sabor das Margaridas’?

Porque é un thriller diferente aos que normalmente estamos acostumados a ver, que teñen moita acción. Nesta serie pasa todo dunha forma lenta pero iso non significa que non haxa tensión ou que non manteña enganchado. Todo o contrario. Ten un guión tan potente que quedas atrapado. Ademais, trata o tema da prostitución desde un punto de vista que tampouco estamos acostumados a ver. A xente sorpréndese. Sobre todo, co final. É como a cereixa na torta. E tamén é unha serie que fai reflexionar.

María Mera. Foto: Iván Barreiro
María Mera. Foto: Iván Barreiro

Este é un punto e aparte dunha carreira que empezou como Top Model Area Central con 16 anos. Como foi iso?

Foi miña tía a que vendo no xornal anunciado o concurso, que entonces tiña moitísima demanda, díxolle á miña nai que me levara que era moi guapa. E ao final fun coa miña nai ao casting. Foi a primeira vez que posei diante dunha cámara con micro. E miña nai dicía: “Pero non te dá vergoña facer isto?”. E a min, vergoña ningunha. E iso que nin me interesaba ser modelo, nin tiña experiencia ningunha… Pero ás veces pasan as cousas así. De feito, á final non quería ir porque tiña moito catarro e pensaba que estaría amañado (risos). Pero fun e gañei.

E desde entón pasaron un montón de programas, series… Como valoras a túa traxectoria?

Se miro atrás, digo ¡guau!, non houbera esperado chegar ata aquí. Porque este é un mundo moi difícil. É difícil que che dean unha primeira oportunidade. Que confíen en ti sen ter experiencia é moi complicado. E hai moita xente. A miña gran oportunidade foi na serie Matalobos, cun personaxe brutal onde me puiden lucir e aprendín un montón. Tiven moita sorte. E a raíz de aí, traballar, traballar e traballar. A verdada é que non parei quieta. Apúntome a todo. Fixen cousas de publicidade, series, estudei xornalismo…

E teatro. En concreto, é destacable o teu papel de Salomé na produción propia do Centro Dramático Galego do 2011. Un reto, supoño, que tamén difícil.

Si, porque non é o mesmo o teatro que a tele. Non ten nada que ver. A posta en escena tamén era arriscada. Foi unha moi boa experiencia. E a todos os actores nos gusta facer teatro porque tes moita conexión co público. Estás vendo como reacciona a xente con cada cousa que ti fas. O teatro ten maxia.

Que proxectos tes agora?

Agora mesmo estou dedicada á maternidade (ten dúas nenas, unha de tres anos e outra de poucos meses)ao cen por cen. A realidade é que a maternidade pecha portas. Pero era un soño que quería cumprir e non quería que se me pasara o tempo. Sempre apostei máis polo persoal que polo profesional. Porque penso que se non estás ben a nivel profesional, a nivel persoal pouco podes facer. 

Perdiches algún papel polo feito de ser nai?

Si. De feito, chamáronme, por exemplo, de Madrid para unha serie diaria e estabamos a punto de pechar pero ao saber que tiña unha nena… Dirían que mellor chamar a outra que non teña problemas de horario e nos aforramos problemas. E tamén me pasou aquí, non só en Madrid. Esta é a realidade.

Cumpriches o soño de ser nai, pero que soñas na túa carreira?

A min gústame traballar moito en Galicia, traballar en galego. Gustaríame ter traballo na miña terra. Que conten conmigo igualmente aínda que sexa nai. Ese é o meu soño.

María, coa súa pescada. Foto: Iván Barreiro
María, coa súa pescada. Foto: Iván Barreiro

ENTRE FOGÓNS

Sabes patinar, cantar, tocas a pandeireta e a guitarra… a cociña é outra das túas habilidades?

Non (Risos). Aínda que a verdade é que me gusta cociñar. Sei algo máis que bater uns ovos! E agora que son mamá, intento coidar bastante o que comemos. Tanto o meu marido coma eu cociñamos por igual, pero normalmente as comidas do mediodía fágoas eu e intento que sexan moi sas, con produtos ecolóxicos, legumes… E tamén comidas árabes que coñecín grazas a el.

Cal é o teu prato estrela?

Sáenme moi ben as lentellas. Á miña filla maior gústanlle moito, como a min, e espero que á pequena tamén lle gusten. Tamén o humus e as ensaladas.

A onde vas cando saes comer fóra?

Agora non son moito de saír fóra porque coas nenas ás veces é complicado. Isto de sentarse dúas horas nunha mesa… Se non tes nenos, fenomenal, pero con elas xa mo penso un pouco máis (Ri) Esa é a realidade! Pero podo dicir que o Caney de Pedro Roca nunca defrauda. Pidas o que pidas, sempre está riquísimo. As carnes están espectaculares. Os peixes teñen moi boa calidade.

Hai un tempo presentaches na TVG o programa de cociña: ‘Coma o da casa non o hai’. Que aprendiches del?

Aprendín moitos pratos, formas de cociñar diferentes dependendo de cada zona… Porque co programa iamos percorrendo toda Galicia e cada concursante facía o prato que mellor se lle daba. Era moi interesante. É unha pena que non se volva a facer.