Marco e Santiago, de TS A Casa e Amazonia Tropical Bar: “Os nosos locais son zonas libres de toda discriminación”

Marco e Santiago no interior de TS A Casa. Foto: Iván Barreiro

Marco e Santiago no interior de TS A Casa. Foto: Iván Barreiro

Marco e Santiago son os xerentes do restaurante TS A Casa,  situado na que a eles lles gusta chamar“a Chueca compostelá”: o barrio de San Pedro. Ambos nos contan como foron recibidos cando abriron o seu colorido local en 2017, primeiro con curiosidade e logo cun peculiar agarimo por parte dos veciños. Desde entón, poñen en marcha iniciativas de visibilización e inclusión do colectivo LGTBIQA+, termo que inclúe tamén ó colectivo Queer, Asexual e a aqueles que todavía non se amosaron. Xuntos rexentan tamén o pub Amazonia Tropical Bar, na Algalia de Arriba. Falamos con eles para a nosa reportaxe sobre a diversidade sexual en Compostela que publicamos en #pincha10. Este foi o resultado da nosa conversa.

Que fan un de Sanxenxo e un brasileiro montando un restaurante e un pub en Compostela?

Porque nos sentimos moi a gusto en Santiago e, nun momento en que non había ofertas de traballo que fosen moi boas, dixemos: veña, imos montar algo nós. Antes tiveramos un local en Sanxenxo, pero ata tres veces tivemos que arranxar a fachada por pintadas de tipo: Maricones! Sen embargo, aquí nunca tivemos problemas.

Diriades entón que é esta unha cidade con mente aberta no que respecta á sexualidade?

Hai de todo. Hai xente máis clásica noutras zonas, pero xusto no barrio de San Pedro onde estamos é unha tolemia. Xúntase todo aquí, subindo por Casas Reais e chegando case á Catedral.

Cando nos mudamos, fíxome moita gracia que vimos a dúas señoras no parque e pasaron dous rapaces agarrados da man e unha rapaza co pelo pincho e cadeas e elas seguiron ao seu, de leria. Foi como o máis normal. Algo así pasa noutros lugares máis pequenos e tes para falar o mes enteiro. En Compostela, cos estudantes e os que vimos de fóra, hai tal diversidade de xente que os composteláns de toda a vida están acostumados.

Fai dous anos celebramos a primeira festa do orgullo e convencimos a todo o barrio para que colocara bandeiras, flores… Queriamos que nunha semana os comercios se involucraran e todos aceptaron. E este ano, a festa foi máis grande todavía.

Hai en Santiago unha ruta de locais ‘gay friendly’?

É sorprendente a cantidade de hostaleiros gays que hai en Santiago, se non son os donos, é o persoal. Pero realmente unha ruta ‘gay friendly’ non a hai porque cada vez hai máis locais, coma nós, que non abrimos enfocados só a un público gay. Locais que se identifiquen como locais de ambiente hai un ou dous en Santiago. O interesante é que haxa mestura, que te sintas a gusto nunha cafetería dándolle a man á túa parella. Ter un espazo só para gays non normaliza nada.

Unha vez escoitei a unha cliente dicir que este era o único local no que podía estar coa súa moza e ningún lle miraba. Iso é o que queremos.

Cal é entón o espírito dos vosos locais? Que buscades ofrecer?  

A nosa liña é a mesma que na nosa vida persoal. Temos unha pegatina posta na porta que di ‘Zona libre de discriminación’ é iso é o que queremos. E iso inclúe todo, non só a nivel sexual, senón por raza… por todo. Queremos que todo o que entre nos nosos locais se sinta a gusto. E polo xeral hai moi bo rollo. Facemos moitas bromas que hai anos serían impensables. Por exemplo, hai algún cliente pola noite que pide “un gin tonic pero sin mucha mariconada”. E nós dicímoslle: “Telo como queiras, ou con moitísima mariconada ou sen nada, clásico de todo!” (risas).

Aínda que tamén hai os que chamamos “clientes contaminantes”, que son aqueles que falan mal de alguén. Nós intentámolos levar ao noso lado, intentamos sacarlle un sorriso, pero se aínda así non son capaces, teñen outros locais aos que ir.

Detalle en TS A Casa. Foto: Iván Barreiro

Detalle en TS A Casa. Foto: Iván Barreiro