Máis pólvora, efectos 3D e música en directo con Cantigas e Agarimos, no espectáculo dos Fogos do Apóstolo 2018

Imaxe dos Fogos do ano pasado. Foto: Concello de Santiago

Metidos xa de cheo nas Festas do Apóstolo, hoxe presentouse no Concello o espectáculo dos Fogos que protagonizarán a noite do 24 de xullo. Será un show – que o Consorcio de Santiago adxudicou á empresa Acciona Producciones y Diseño por un orzamento de 217.314 euros – no que haberá proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais.

A responsable do proxecto, Sheila Menéndez apuntou que este ano “utilizaranse un total de 6.015 efectos de disparo e 366 quilos de pólvora”, fronte aos 3.000 disparos e 184 lanzamentos do ano pasado.

Pola súa banda, o director artístico do proxecto, Javier García, explicou que a maior presenza de fogos artificiais non vai en detrimento das proxeccións audiovisuais, “porque todos os elementos estarán interrelacionados”. A principal novidade do espectáculo será, segundo sinalou, “un enfoque máis cinematográfico, que mostrará de forma moi diferente a tradición xacobea e os elementos que nunca poden faltar no relato dos Fogos”.

Javier García afirmou tamén que unha das partes máis chamativas do espectáculo será “a que vai converter o Pazo de Raxoi nunha gran festa, e que contará coa presenza de Cantigas e Agarimos con música en directo”. O espectáculo da noite do 24 de xullo vai recuperar elementos propios da tradición xacobea e da cultura compostelá, e fará un percorrido histórico dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a construción da cidade histórica, pasando pola presenza de Almanzor en Compostela, e pola queima da fachada pre-románica, que será “un dos momentos de maior emoción e intensidade”.

O espectáculo, como é habitual, empezará ás 23:30 horas, e terá unha duración aproximada de media hora. A produción audiovisual emprega tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha calidade superior equivalente a máis de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, Acciona Producciones y Diseño empregar 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 18 focos de iluminación móbiles, e 4 torres de son cunha potencia total de 50.000 watios. En canto á pirotecnia, empregaranse un total 6.015 efectos de disparo e 366 quilos de pólvora. A parte dos fogos artificiais volverá a correr a cargo da pirotecnia valenciana Ricasa.

Xunto co espectáculo do 24 de xullo, Acciona Producciones y Diseño resultou adxudicataria dos fogos artificiais do 31 de xullo, os chamado “Fogos pequenos”, que se volverán lanzar dende o Campus Sur. Neste caso, o espectáculo terá unha duración de 18 minutos, e contará cun total de 4.984 efectos de disparo e case 444 quilos de pólvora.

A empresa adxudicataria dos Fogos do Apóstolo comprometeuse a realizar un evento “neutro en carbono”. Así, Acciona calculará as emisións de CO2 derivadas do espectáculo, e compensaraas cun proxecto de enerxía limpa. Deste xeito, o balance final de emisións debe ser igual a cero.