fbpx
CompostelaCulturaNovas

Máis de cen proxeccións, concertos e performances no Curtocircuíto 2021

Presentación Curtocircuíto. Foto: Concello de Santiago

Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine celebrará a súa 18ª edición do 2 ao 10 de outubro consolidando una programación arriscada e interdisciplinaria que fai de Santiago de Compostela o punto de encontro de todas as artes. Na presentación, realizada hoxe no Concello de Santiago de Compostela, participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña; e Pela do Álamo, director de Curtocircuíto. Durante 9 días, a cidade converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán ao redor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais. As entradas poden retirase a partir das 11.00 h de mañá na web ou na Zona C.

Esta mañá anunciáronse tamén moitos detalles da programación, entre os que destacan o Foco dedicado á figura do director francés Yann González; a sección Púlsar, que reunirá a obra de Caroline Poggi e Jonathan Vinel, referentes dunha nova onda de cineastas que entenden o cinema como arma de expresión crúa e sincera; a residencia artística Curtocircuíto, en colaboración con Cuarto Pexigo, que este ano se lle concede a Bandia Ribeira; a segunda edición do comisariado interdisciplinar que esta vez xuntará a Paciencia + Sau-Ching Wong + Ak-zi-å; así como o nome dos 9 profesionais que formarán o xurado que premiará as películas gañadoras das sección competitivas.

O cine lúbrico de Yann González
Autodefinido como o herdeiro de Almodóvar, Yann González bebe de todas as referencias posibles e destrúeas todas para repartilas por toda a súa filmografía. O seu cinema apela directamente ás vísceras, á beira máis estético do ser humano: non quere explicar a sociedade, as relacións ou a noite; quere facer sentir. Fronte a un cinema cada vez máis explicativo e menos provocador, a noite do cineasta francés leva ao público ás sombras das grandes urbes onde teñen lugar todos os pecados que a cidade non é capaz de dixerir.

Tras uns inicios como crítico de cinema, González pasou á dirección coa curta By the Kiss. Finalista en festivais como Locarno ou Cannes, Curtocircuíto dedicaralle un foco para mostrar unha selección de seis das súas películas. Na mostra atópanse traballos como Les îles, que demostra como o mundo creativo de González é o mundo da noite; Un couteau dans le coeur que apela á liberdade da autodefinición e autoexploración; ou By the Kiss, onde exhibe un tortuoso bucle de paixón. A selección complétase con Perez, Lles Vacances continuent, a cinta Les rencontres d’ après minuit, unha das sensacións da última Semana da Crítica de Cannes, e Croche, Rotten Plum.

Púlsar: o cine xeracional de Caroline Poggi e Jonathan Vine
Púlsar é enerxía, novidade e risco. Esta sección de Curtocircuíto ten a misión de detectar e programar a autores novos cun traballo sólido que xa delate unha mirada e unha linguaxe propia. Os cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel protagonizan esta sección, visitando por primeira vez un festival onde foron seleccionados en múltiples ocasións. O seu cinema, cru e sincero, retrata unha xuventude nihilista abocada a unha fatalidade imposible de evitar.

A selección de 13 filmes inclúe traballos como Martin pleure ou Notre heritage, que mostran a capacidade desta parella de cineastas para mesturar a virtualidade ou os videoxogos, cunha ficción moi estetizada onde se busca reinterpretar a imaxe máis aló da súa concepción clásica.

Proxectos marcados pola interdisciplinariedade
Co apoio de Cuarto Pexigo, o festival organiza un ano máis a súa residencia artística, que pon o foco na intersección das diferentes artes visuais. A artista invitada este ano será a fotógrafa Bandia Ribeira, que durante a celebración do festival abordará un proxecto centrado en reivindicar unha imaxe de Santiago de Compostela que diste das tradicionais representacións da cidade.

Ante unha situación de cambio marcada pola explotación turística nos tempos dunha crise sanitaria, esta residencia artística busca dotar á cidade de imaxes que redescubran as orixes dun casco histórico sepultado nunha avalancha dixital de imaxes tópicas e superficiais. É por iso que a residencia deste ano propón revisitar os seus espazos, arquitecturas e rúas.

Bandia Ribeira é unha fotógrafa galega oriunda de As Pontes que reside en Almería e ten participado en diversas exposicións e festivais de fotografía como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra).

Ademais, este ano, a dirección artística do festival retoma o comisariado interdisciplinar que xuntará, nun proxecto que se desenvolverá durante o propio festival, aos artistas sonoros Paciencia, á bailarina neerlandesa Sau-Ching Wong e á artista visual galega Ak-zi-å. O resultado deste laboratorio será presentado no acto de clausura do festival o próximo 10 de outubro.

Xurado interdisciplinario
Curtocircuíto anunciou hoxe tamén os seus xurados para as diferentes seccións competitivas do festival, nos que se atopan profesionais de diversas áreas relacionadas coa creación artística e audiovisual. Os profesionais que formarán parte do xurado e outorgarán os premios das seccións competitivas do festival son: a cineasta francesa Caroline Poggi, a quen se adica a sección Púlsar; o director arxentino Alejo Franzetti, que forma parte do equipo de selección de Berlinale e do Festival de Curtametraxes de Hamburgo; a cineasta e produtora Leire Apellaniz; Gonzalo de Pedro, director artístico de Cineteca-Matadero; Nuria Cubas, directora de Filmadrid; o realizador Santos Bacana; a alemá Anna Henckel-Donnersmarck, directora de Berlinale Shorts; e a artista ourensana Enar de Dios, cuxa obra transita entre o traballo museístico, o expositivo e o ensaio.

E ademais…
Acompañando aos títulos 39 títulos procedentes de 21 países que formarán parte dea Sección Oficial, Curtocircuíto 2021 conta este ano na sección Longas X Curto coa estrea de Superior, a ópera prima da directora neoiorquina Erin Vassilopoulos e con No somos nada en Playlist. O documental de La Polla Records chega a Santiago de Compostela tras a súa estrea no Festival de San Sebastián.

A programación interdisciplinar inclúe propostas de artistas sonoros e visuais como Somos la Herencia & espírituescalera, Vera Fauna, Verde Prato, Crnds & Álvaro Chior & Fransy González, Cruhda & Adataberna, Severine Beata & Loopitas, Ivankovà, Óscar Martín e Artur M Puga.

E a programación galega protagonizarana a directora Enar de Dios, a quen se lle dedicará a sección Terra; as 12 propostas a competición de Planeta GZ; e as nove pezas de novas creadoras que dialogarán en Supernova sobre identidade, futuro o amor desde a ciencia ficción, o documental DIY e o drama social. Toda esta programación complétase con actividades online, a sede dixital do festival en Filmin e la sección Penínsulas, que albergará os últimos traballos de cineastas como Jamie Weiss e Michael McCanne; Alex Sardà e Enric Auquer; Alberto Gracia; ou Alex Reynolds.

Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña, AGADIC Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e ICAA. Tamén conta coa colaboración de Turismo de Santiago, Santiago de Compostela Film Commission, Secretaría Xeral de Política Lingüística, CREA, AGAG, RC Service, Gadis, Renault Caeiro, Cuarto Pexigo, D. Pedro Soutomaior, Cabreiroá, Galicia Calidade, Instituto Camoes, USC e ECAM.