fbpx
CompostelaCulturaNovas

Máis de 50 funcións no XXVI Festival Galicreques

Presentación do festival. Foto: Concello de Santiago

O Festival Internacional Galicreques celebrará máis de 50 funcións entre os días 9 e 17 de outubro. Deste xeito, o Galicreques volverá converter Santiago un ano máis na capital do teatro de monicreques. Ademais, recobrará o seu cariz máis internacional ao contar no seu programa con compañías e artistas de dez países diferentes: Xapón, Polonia, Brasil, Bélxica, Ecuador, Arxentina, EL Salvador, Francia, Portugal e España. Por outra banda, neste 2021, o festival recupera as funcións escolares ao ofrecer sete representacións para o público dos centros de ensino tras o parón de 2020, en que só houbo retransmisións en liña por mor da situación epidemiolóxica.

Estas claves, xunto a vontade de continuar a descentralizar a programación, son os principais alicerces deste XXVI Festival Galicreques, segundo explicou Jorge Rey, director do festival, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Axencias Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas Corral.

Na súa intervención, a concelleira de Acción Cultural destacou o esforzo realizado polo concello de Santiago, “nun momento de emerxencia social”, como foi a pandemia, para que o sector cultural non esmorecera, “reprogramando espectáculos”, e con distintas subvencións destinadas o sector. Mercedes Rosón explicou que nas convocatorias de axudas de concorrencia competitiva primáronse os espazos co obxectivo de que os eventos culturais cheguen tamén as parroquias e barrios de Santiago. “Queremos facer partícipe a cidadanía deste gran proxecto cultural que temos en Compostela”.

Rosón resaltou que esta aposta por distintos espazos fai posible que Galicreques esté presente no “Teatro Principal, na SGAE, en distintos centros socioculturais, tanto urbanos como rurais, entre eles Santa Marta, Fontiñas, O Romaño ou Figueiras; e en prazas tan emblemáticas como Praterías, O Toural, a Praza Roxa ou a Alameda”. A concelleira finalizou a súa intervención convidando ás familias de Compostela a acudir aos distintos espectáculos de monicreques programados.

Seis estreas absolutas
A programación do XXVI Festival Internacional Galicreques comezará este sábado cun total de nove funcións que se repartirán polos escenarios dos Centro Socioculturais de Vite e Santa Marta, da Carpa da Alameda e das prazas Roxa, do Toural e Praterías. Así, a animación de rúa correrá a cargo da compañía Titiribici dende as 13.00 h, cos espectáculos Pantasmas da Terra e Circo. Xa pola tarde, a Santa Marta, chegará a primeira estrea absoluta desta edición do festival. Ás 18.00 h, Caramuxo Teatro representará por vez primeira a obra A nena que vivía nunha caixa de mistos, dirixida por Juan Rodríguez quen, xunto a Laura Sarasola, protagoniza esta peza musicada por Davide González.

A de Caramuxo será a primeira das seis estreas que ten preparadas Galicreques para este 2021. A seguinte será a da compañía galaico-francesa Moving Compass, que estreará no Teatro Principal o mércores 13 a obra TACÃO, unha peza que nos presenta a Mawala, un adolescente descubrindo a súa identidade, a súa persoa, o seu corpo. Non se sente representado cos valores de virilidade e masculinidade que lle impón a súa contorna, polo que deberá liberarse da humillación e do bullying. Xa o xoves 14, Títeres Alakrán presentará a súa obra Desconexión, mentres que A Xanela do Maxín fará o propio xa o 15 de outubro coa pez Leonardo e os Biosbardos.

A nivel internacional, unha das estreas será a de Diente de leche, unha obra dos ecuatorianos de Titerefue y Titiritainas que mestura os monicreques coa luz negra. A obra poderase ver nas funcións escolares na Fundación SGAE e o día 16, na Carpa da Alameda. A outra obra estranxeira nunca vista en Galicia será a peza Te doy mis manos, do grupo salvadoreño Ocelot Teatro, que se estreará no Centro Sociocultural do Ensanche o xoves 14.

Presenza nos barrios
Tal e como sinalou Jorge Rey na súa intervención, unha das claves deste ano no Festival Galicreques será, un ano máis, o achegamento do teatro de monicreques aos barrios. Haberá funcións nun total de nove centros socioculturais. A descentralización comezará xa o sábado no xa amentado CSC de Santa Marta, pero tamén no de Vite, que recibirá a compañía aragonesa Proyecto Caravana ás 12.00 h. coa súa obra Versos en tu ventana. Xa na vindeira semana, iranse incorporando como escenarios os centros socioculturais da Trisca (xoves 14, coa galega Olga Abad), o de Fontiñas (venres 15, cos brasileiros de Valeria&Habib), o de Figueiras (sábado 16, cos galegos de Spaguetti Títeres) ou o do Castiñeiriño (domingo 17 con Mircromina Teatro).

Na Alameda
Un dos epicentros da actividade do Galicreques será a Carpa que se instala cada ano na Alameda e que albergará un bo número de funcións, sobre todo nas dúas fins de semana e no festivo da próxima semana, o Día do Pilar. A primeira das funcións que teremos neste recinto comezará ás 12.30 h. e consistirá nunha ruada de Troula Animación, que partirá da Alameda e que percorrerá o casco vello. Media hora despois será a quenda de Raquel Queizas, que presentará neste escenario a obra Travesías. A partir dese momento e ao longo de toda a ponte, teremos compañías como Papabuis, Títeres Brincadeira, Marionetas La Estrella, Ocelot Teatro ou Manu Mansilla actuando en horarios de mañá e tarde.

O Festival está organizado pola Asociación Barriga Verde co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación SGAE.