Mad Martin Trío, a polo seu primeiro vinilo: “O rock & roll aporta paixón, ritmo e bo rollo”

Despois de tres intensos anos cargados de concertos, a banda compostelá Mad Martin Trío está a piques de lograr o seu soño de publicar un disco en vinilo. “A verdade é que o consideramos un luxo e o formato axeitado para o que facemos. Ademais hai anos xa que que pensamos esta idea e sempre acabou frustrándose o intento”, explica Mad Martin, guitarra e voz do grupo. Guillermo ‘Califa González’ , contrabaixo, e Lolo ‘Logan’, batería, completan este trío de rock & roll e rockabilly que ten en marcha unha campaña de crowdfunding. Necesitan 5.000 euros para sacar adiante o seu proxecto. Quédalles xa moi pouco para conseguilos pero se queres botarlles unha man, aínda podes facelo. Restan seis días para apoiar a causa con aportacións que van desde os 5 euros e que contan con interesantes recompensas. Podes velo premendo aquí.

A súa idea é gravar o vinilo neste verán, así como un videoclip, e poder presentar todo en outono. Este traballo, producido por Mike Mariconda, levará o nome de ‘Tornado’, un clásico de 1958 de Los Giants que segue vixente. Un tema que é das súas cancións favoritas e que van versionar. En total, serán oito cancións, catro delas temas propios e catro versións. “Pero versións, eh! – recalca Mad Martin – Serán de temas que sempre quixemos facer. Por exemplo, faremos unha adaptación ao inglés dun tema mítico de Mas Birras (Mauricio Aznar) ‘Apuesta por el Rock & Roll’. Chamarase Bet on Rock & Roll“.

Tolos polo Rock & Roll e o Rockabilly

Desde que debutaron no 2014, Mad Martin Trío teñen publicado un EP,  ‘It was a Very Good Year’ e un mini LP ‘Seven Lucky Shots’, ambos en España, e un longo, ‘Time To Go Mad’, en Suecia. Teñen realizado ademais multitude de concertos, desde pequenos locais ata eventos ao aire libre, ou en grandes festivais de música. Tamén participaron en concursos como o Azkena Rock Party, gañando a final da sede de Madrid entre máis de 1.200 bandas. O seu tema ‘Eileen’ foi incluído entre os cen mellores do ano do programa El Sótano de Radio3.

Pero que ten o rock & roll para que sexa o seu estilo? “É unha maneira de ver e entender a vida. Ten visceralidade e inmediatez, paixón e ritmo, e bo rollo en xeral!”, comenta entre risos Mad Martin. E un apunte! Non fan Rock: “Nós preferimos dicir Rock & Roll, máis que nada porque ‘Rock’ engloba hoxe en día demasiadas vertentes. Non é que teñamos nada en contra de ninguén, pero si que é verdade que algún estilo ao que se pode chamar ‘Rock’ atópase nas antípodas do que nós facemos”.